Venres 19 Abril 2024

As pontes sobre o Ulla en Gundián: arte por duplicado para salvar unha xeoloxía singular

Os viadutos que se erguen no paso de San Xoán da Cova unen as beiras do río nun afloramento de cuarzo de grande interese mineral

Todos os lugares que nos rodean, e os impactos que a natureza e a especie humana fan sobre eles, preséntanse como capas dunha cebola diante dos nosos ollos. A ciencia axúdanos a descubrir detalles, matices e acontecementos que, a simple vista, pasan desapercibidos. As pontes sobre o río Ulla en Gundián, no concello de Vedra, son o froito de como a natureza nos agasalla enclaves de gran beleza. E tamén, posteriormente, como o ser humano os transforma para facer máis confortable a vida da súa especie. Das varias pontes de sona que cruzan o Ulla, cunha gran historia sobre elas, os dous viadutos ferroviarios que superan o cavorco coñecido como paso de San Xoán da Cova son, pola súa beleza e a complexidade da construción, lugares nos que parar, mirar e desfrutar durante un bo anaco.

San Xoán da Cova: un enclave de interese xeolóxico

Son varias as peculiaridades que amosa este anaco de terra no que se erguen as dúas pontes de Gundián. En primeiro lugar, unha cuestión administrativa: a área na que os viadutos cruzan cara á outra beira do Ulla é a única (xunto a unha pequena franxa do concello de Padrón) da provincia da Coruña que se ubica no lado sur do río.

Publicidade

Litografía "Paso do Ulla por San Xoán da Cova", de Ramón GIl Rey (1838).
Litografía “Paso do Ulla por San Xoán da Cova”, de Ramón GIl Rey (1838).

Mais son outros os sinais pouco habituais que converten o paso de San Xoán da Cova nun enclave ben relevante. E para iso hai que mirar, cara ao norte, a un promontorio case que venerado nesta rexión de Galicia: o pico Sacro. Desde aquí, e seguindo cara ao sur, está ao descuberto un afloramento de rochas de cuarzo que, ademais de conformar unha paisaxe cativadora, impulsou a explotación mineira. Hai, de feito, lendas que falan da existencia dun túnel desde a Cova do Pico, no cumio do Sacro, ata o paso da Cova que atravesan as dúas pontes. Entre o Sacro e Gundián está a mina de Serrabal (unida á historia do viaduto novo, como despois contaremos) e máis abaixo, xa na beira sur do Ulla e no concello da Estrada, a canteira de Erimsa. Son dúas factorías de gran valor pola calidade dos minerais que se extraen.

Esta singularidade xeolóxica é testemuña, segundo destaca o xeólogo Vidal Romaní, da primeira etapa da formación xeolóxica de Galicia. Un afloramento cuarcífero de gran pureza, algo pouco habitual nunha terra granítica. Aquí estímase que se uniron as dúas placas tectónicas que conformaban Gondwana, ao sur, e Laurussia, ao norte. Os vestixios daquel encontro mantéñense diante dos nosos ollos no Pico Sacro, unha formación das catalogadas como inselberg, que acada os 533 metros de altura e se eleva notablemente sobre o val do Ulla, sendo unha referencia na paisaxe de toda a comarca.

Filón de cuarzo que vai desde o Sacro ata a mina de Castillo, pasando por Serrabal e o paso de San Xoán da Cova. Fonte: Xunta de Galicia.
Filón de cuarzo que vai desde o Sacro ata a mina de Castillo, pasando por Serrabal e o paso de San Xoán da Cova. Fonte: Xunta de Galicia.

O Ulla e os seus meandros, paseniño, mais coa axuda do Deza, que conflúe con el augas arriba preto de aquí, foi sucando este afloramento. Porén, ao contrario que no resto do seu traxecto, onde avanza entre extensas e suaves veigas, a fenda de San Xoán da Cova é moito máis pronunciada por mor do cuarzo.

A primeira ponte: unha fazaña no seu tempo

Varias son as pontes históricas que cruzan o Ulla neste tramo do curso medio do río. Cara arriba, Ponte Ledesma acolleu a mítica batalla na Guerra da Independencia entre os campesiños do exército do Trasdeza e as tropas napoleónicas, e a Ponte Ulla, finalizada arredor de 1835, uns centos de metros máis abaixo, dá nome ao lugar por onde agora tamén cruza, moi preto, a estrada nacional entre Santiago e Ourense.

Pero cando na primeira parte do século XX se deseñou a liña ferroviaria entre estas dúas cidades, que se estendía á súa vez ata A Coruña e Zamora, viuse a necesidade de salvar o Ulla polo paso de Gundián. Xa no 1911 se falaba nos xornais deste trazado, pero non foi ata 1958 cando se inaugurou a liña. Antes da súa construción xa se avanzaba ao viaduto como “un dos máis pintorescos de España pola beleza da paisaxe”.

Obras da primeira ponte de Gundián. Foto de Luís Ksado para o diario "La Noche" (1953).
Obras da primeira ponte de Gundián. Foto de Luís Ksado para o diario “La Noche” (1953).

A ponte é obra de Ricardo Barredo de Valenzuela, un recoñecido enxeñeiro e construtor doutras infraestruturas en Galicia como a ponte do Pedrido, na ría de Betanzos. O arco central, que se replicaría despois na ponte moderna da alta velocidade, é o sinal de identidade do viaduto. Apoiado sobre as penas do afloramento de cuarzo, e construído en pedra sobre armazón de ferro, segue cativando a quen se achega a el, a pesar de empequenecer fronte ao coloso irmán de formigón. Contemplar nos xornais da década dos 50 as imaxes da construción, cunha pasarela de madeira e estadas penduradas sobre o baleiro nas que gabeaban os operarios, enche a un de vertixe. Non é para menos, con preto de 80 metros de altura sobre o leito do río e case 220 metros de lonxitude.

A segunda ponte: o salto á vangarda aprendendo do pasado

O avance a toda velocidade do século XX fixo que o enclave de San Xoán da Cova vivise unha nova transformación da man da enxeñaría. A liña do AVE tamén se trazou neste punto, e ideouse, para ela, unha obra a imaxe e semellanza do primeiro fito, do que apenas distan algo máis de 100 metros en liña recta.

A nova obra comezouse no 2008, despois de anos de litixios e controvertidas manobras dirixidas por Juan Miguel Villar Mir, propietario da mina de Serrabal, e o seu círculo de amizades políticas. O magnate esixiu unha multimillonaria compensación de 900 millóns de euros (que logo a xustiza reduciu notablemente) pola afectación do trazado á explotación da súa valiosa canteira, da que se extrae cuarzo con distintos usos industriais, como paneis fotovoltaicos ou para a produción de ferrosilicio na siderurxia.

A mina fora descuberta en 1968 por tres empresarios de Carballo e Tordoia, de apelidos Señarís, Rama e Balboa. Eles foron quen deron nome, cos seus apelidos, a Serrabal, segundo lembraba en 2007 o xornalista Santiago Garrido. Vendérona catro anos despois de atopar o filón, tras cansarse de buscar compradores, por nove millóns de pesetas.

Obras do segundo viaduto de Gundián sobre o Ulla. Foto: Grupo Puentes.
Obras do segundo viaduto de Gundián sobre o Ulla. Foto: Grupo Puentes.

Alén destes atrancos, o novo viaduto e o tramo que atravesa Serrabal (protexido da actividade mineira por un túnel), finalizouse tres anos despois. Nesta ponte as dimensións son moito maiores cás do seu compañeiro: máis de 630 metros de lonxitude e unha altura máxima de 117 metros nun dos seus nove piares cementadas no terreo, aos que hai que sumar outros cinco que repousan sobre o arco apuntado que imita ao seu devanceiro, neste caso cunha luz máxima de 168 metros.

A introdución de maquinaria moito máis avanzada e o uso das novas tecnoloxías permitiron que a construción fose igual de fascinante cá de mediados do século XX. Un dos principais desafíos foron as correntes de vento que se producen na zona, para as que houbo que adaptar medidas protectoras tanto nos piares como no tableiro. Ao tempo que se avanzaba nas estruturas verticais íase colocando a plataforma por onde debería transitar o ferrocarril e, a continuación, mediante un sistema de tirantes, completouse o arco. Todo se fixo con carros móbiles que, desde as dúas beiras, foron avanzando ata unirse con precisión milimétrica. A obra pode verse, en resumo, neste vídeo:

O novo viaduto, que hoxe enfeitiza ao velo desde os miradores, máis tamén desde abaixo, a carón do leito do Ulla, acadou diversos récords e recoñecementos. No momento da súa construción converteuse na ponte máis elevada da alta velocidade no territorio español, e recibiu premios como o San Telmo á mellor obra de enxeñaría civil en Galicia (2011).


Vistas recomendadas

A paraxe de San Xoán da Cova e as súas pontes pode contemplarse desde diferentes perspectivas, e cada unha delas achega unha visión e uns matices que as fan merecedoras de visita:

Miradoiro de Gundián: é o máis coñecido. Desde Ponte Ulla, hai que tomar a AC-240 en dirección Arzúa. Arredor de 1km despois accédese ao miradoiro, situado entre as dúas pontes. Desde aquí obsérvase claramente o cavorco de San Xoán da Cova.

Vista desde o miradoiro de Gundián. Foto: R. Pan.
Vista desde o miradoiro de Gundián. Foto: R. Pan.

Miradoiro do Alto do Castro: panorámica sobre o val do Ulla en dirección norte e sur, e tamén do afloramento de cuarzo: en primeiro termo pode verse a mina de Serrabal e, máis ao norte, a continuación cara ao Pico Sacro, que destaca no horizonte. Pode accederse cruzando a antiga Ponte Ulla no núcleo do mesmo nome e xirando á esquerda, en dirección á capela de Gundián. Outra opción é chegar desde o termo municipal da Estrada, ata o lugar de Castro, na parroquia de San Miguel.

Miradoiro do Alto do Castro. Detrás, a mina de Serrabal e, ao fondo, o Pico Sacro. Foto: R. Pan.
Miradoiro do Alto do Castro. Detrás, a mina de Serrabal e, ao fondo, o Pico Sacro. Foto: R. Pan.

IMPORTANTE: Desaconséllase o acceso á vía do tren do viaduto antigo, onde é frecuente o tránsito de ferrocarís e existe risco de accidentes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como de accesible é a rúa na que vives? Compróbao neste mapa

A aplicación 'City Access Map' permite comprobar que servizos están a menos de 15 minutos camiñando nas cidades e areas metropolitanas de Vigo e A Coruña

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Un traballo da UDC sobre investigación básica en epilepsia gaña o Epiforward 2024

O equipo conseguiu reducir a actividade cerebral grazas á aplicación de campos magnéticos en áreas concretas do cerebro

Científicos galegos participan no primeiro mapa español de bacterias resistentes aos antibióticos

A base de datos en liña proporciona o perfil xenómico de 461 cepas, procedentes de 41 hospitais situados en 13 rexións de España