Se vivir da arte xa é difícil hoxe en día, imaxínate nos séculos XV e XVI: á precariedade laboral e á falla de recoñecemento da sociedade sumábaselle o feito da carencia de materiais cos que traballar. Pintores como Rafael ou Botticelli non tiñan a súa tenda de confianza onde mercar pinceis ou lenzos. E iso que estamos a falar da época do Renacemento e o impulso dun dos movementos culturais máis potentes a niveis artísticos, literarios, filosóficos e ata científicos. Ai… a creatividade por enriba de todas as cousas!
Se cadra, o exemplo máis representativo desta nova cosmovisión témolo en Leonardo Da Vinci. Ollo, que ás veces as gañas de descubrir novos mundos sae caro, e o investigador do CiQUS (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares) Massimo Lazzari pode dar boa conta disto: “Da Vinci sempre tentou innovar no seu traballo e iso ocasionoulle máis dun problema. Sabemos que hai obras súas que se perderon, que non chegaron ata nós, e moitas outras están en condicións nefastas”. E a causa desta perda inmensa para a humanidade atópase no emprego dos materiais.
Lazzari non é artista, senón científico, e grazas ao seu coñecemento nesta materia axuda aos restauradores a localizar posibles problemáticas que, se ben non son visibles agora, poderían danar as obras no futuro.
O novo non sempre é mellor
A experiencia é un grao, e isto tamén se aplica á arte. Sabemos que hai materiais óptimos para o patrimonio artístico, e sabémolo porque temos moitísimos exemplos de obras que se fixeron hai centos de anos e que perduraron co paso do tempo. Porén, segundo explica Lazzari: “Daqueles que usaron outros materiais que non envelleceron ou que envelleceron mal, sinxelamente, xa non sabemos nada. As obras perdéronse, e punto”. Cando falamos de envellecemento referímonos á capacidade do material para manter as súas características intactas co paso do tempo. A maior degradación do material, peor envellecemento.
A parte boa é que na actualidade hai técnicas para estudar o comportamento dos materiais e a súa degradación, o cal permite aos artistas e restauradores botarlle unha ollada ao futuro hipotético da obra e identificar riscos e problemáticas antes de que ocorran. É aquí onde o traballo de Lazzari é fundamental.
O ‘condensador de fluzo’ da arte
“Como non podemos agardar 50 anos e ver de que modo envellece a obra día a día, o que facemos é crear unha réplica e sometela a unhas condicións determinadas que simulen dun xeito acelerado o que pasaría co tempo para ver se hai algún material crítico que poida causar danos”, explica o investigador do CiQUS, que pertencen á Universidade de Santiago.
Para facer as réplicas os investigadores adoitan falar co propio artista ou co restaurador que estea a traballar nesa colección: “Identificamos os materiais empregados nas obras, o cal é relativamente sinxelo ao tratarse dunha práctica cotiá na química analítica”, di Lazzari. Segundo o científico, as causas que máis poden degradar as pinturas adoitan ser a temperatura e a luz, ademais do osíxeno. É por iso que durante catro ou seis meses e, coa axuda do seu grupo, expón as réplicas a estes axentes externos dun xeito “acelerado”, e despois conclúen se o material envellece nunhas boas condicións ou se, polo contrario, pode ser un elemento problemático para a obra no futuro.
A cola branca, principal problema
Lazzari vén de publicar un artigo na revista académica Polymers onde analiza o envellecemento do Poliacetato de Vinilo, é dicir, a cola branca de toda a vida que podes atopar en calquera tenda do teu barrio: “Basicamente o problema da arte contemporánea é que moitos dos materiais que se empregan non están pensados para usos artísticos, senón que foron ideados cunha intención máis industrial”. No estudo, Lazzari analizou dúas obras dunha colección do CGAC: Palette, feita por Tony Cragg no 1986, e Terra, ladrillo e auga I,II e IV, unha creación do ano 2001 pertencente ao autor Darío Villalba. Os resultados amosaron que o envellecemento da cola branca comercial (PVAC) empregada nas obras é bo. Porén, o estudo explica que o aumento da dureza da cola seca si causa problemas de plasticidade que afectarían á conservación “a menos que se apliquen medidas preventivas urxentes”.

A xenuína colaboración entre arte e ciencia
O principal campo de estudo de Lazzari non é a arte nin o patrimonio artístico: no CiQUS, o grupo deste doutor en Química adícase ao estudo da ciencia de materiais e, en concreto, á creación dos materiais na nanoescala. Como acabou, entón, estudando obras de arte? Pois como todo o bo na vida; metade diversión, metade compromiso: “Ás veces os eidos nos cales traballamos poden parecer moi áridos, máis a arte é algo que vés, que podes experimentar”. Segundo conta, comezou a colaborar hai case dúas décadas coa restauradora do CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea) Thais López Morán, que tamén é coautora do artigo publicado en Polymers.
Non lembra exactamente quen chamou a quen, pero ata o de agora xa levan dez obras analizadas. Para Lazzari non só se trata de ter a oportunidade de explorar outros campos, “o cal sempre é divertido”: tamén está axudando a protexer o patrimonio artístico galego: “Cando atopamos unha problemática cun material sempre tentamos transmitirllo ao artista e aos restauradores, e ver que se se pode facer para evitalo”.
—De xeito que a química pode darlle un puntiño extra á arte. Massimo, vostede que pensa? A arte tamén pode inspirar novas ideas na ciencia?
—Penso que todas estas problemáticas que xorden poden motivar a procura de novos materiais máis estables, así que… por que no?














