Poucos debates deron para tanto na sociedade galega. A cousa chegou ata os tribunais, despois da polémica xerada o pasado ano cando un comité científico do Ministerio de Agricultura, Pesca e Medio Ambiente decidiu que o eucalipto debía ser considerada unha especie invasora. Non en tanto, baseándose nun contrainforme, o Goberno desautorizou ao comité negando a inclusión desta controvertida árbore na lista de especies exóticas invasoras. E arredor do eucalipto xirará a nova edición das Regueifas de Ciencia, que este luns 11 de marzo reúne na Facultade de Comunicación de Santiago de Compostela, ás 20 horas, a catro expertos que debaterán, con datos e argumentos, sobre a mala sona da árbore.
Para uns, o eucalipto é unha especie invasora que leva décadas ameazando os ecosistemas dos bosques galegos. Para outros, é un dos motores económicos claves do país, xerador de emprego e riqueza. Unha cuestión que precisa de moitas lecturas diferentes (social, política, económica, científica…) e que as Regueifas de Ciencia abordarán na última entrega do curso.
Así, defendendo que a mala sona do eucalipto está xustificada estarán Serafín González Prieto, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, e Adolfo Cordero Rivera, profesor titular da Universidade de Vigo que tomou parte no Comité Científico que recomendou a declaración do eucalipto como especie invasora.
No outro lado estarán Francisco Díaz-Fierros Viqueira, catedrático emérito de Edafoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, e Manuel Marey Pérez, enxeñeiro forestal e catedrático de Proxectos de Enxeñaría na Universidade de Santiago.
A entrada é libre e de balde ata completar o aforo, e o acto poderá seguirse en directo a través da web de Regueifas de Ciencia.