A igualdade está de festa

Artigo de Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, co gallo do 8M

A igualdade está de festa e a Universidade de Vigo, continuando no camiño de «desaprender a desigualde», únese á celebración do 8M, Día Internacional das Mulleres. Dunha banda, a través do recoñecemento a traxectorias persoais a prol da igualdade outorgándolle o Premio uviguala 2019 á nosa compañeira Anabel González Penín, directora durante oito intensos anos da Unidade de Igualdade da UVigo, dende onde impulsou exponencialmente as políticas de xénero e situou a nosa institución no mapa estatal universitario neste eido. E doutra banda, a través de campañas de sensibilización que este ano pivotan arredor do «activismo menstrual», fito cultural global das novas xeracións de feministas.

Publicidade

Ás veces ocorren explosións de entusiasmo colectivo nun momento sociohistórico concreto que se converten nun elemento identitario global. Dende diferentes partes do mundo, dende distintas sensibilidades, xorde un sentir común, un movemento cultural que se converte na icona dunha época. Neste senso,  o «activismo menstrual» emerxe como emblema dunha xeración de mozas que escolleron o corpo como auténtico símbolo, —non como esencia, senón como espazo político— e ao sangrado (sagrado) como «berro salvaxe» reivindicativo fronte á misoxinia que aniña na cultura patriarcal.

Cartel de Nuria Ferreiro Amoedo para conmemorar o 8M. Fonte: Duvi.
Cartel de Nuria Ferreiro Amoedo para conmemorar o 8M. Fonte: Duvi.

A insta-poeta Rupi Kaur expresouno con poderío na súa obra Period: “Sangro para que a humanidade sexa posible, o meu corpo é fonte de vida, decida eu crear ou non…”, a raíz da lamentable censura que en 2015 sufriu na rede social Instagram unha foto onde ela aparecía cunha pequena mancha de sangue menstrual. Secundárona expresións artísticas e académicas por toda a xeografía planetaria e dende a bravura galega, o enxeño das nosas alumnas tamén foi quen de traducir este sentir a través de varias obras, das que quero destacar dúas: a fotografía de Nuria Ferreiro Amoedo, alumna da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, imaxe da cartelaría deste 8M da UVigo; e a exposición sobre o ciclo menstrual das alumnas de Educación Social Tania Gándara Suárez, Iria Liñares Eira, Sonia Leiro Padín e Ana Mella Castro, exposta na Facultade de Ciencias da Educación de Ourense e froito dun traballo nas aulas das profesoras Purificación Mayobre e Carmen Armada, co que invitaban á  reflexión colectiva arredor deses elementos que nos reconcilian coa sostenibilidade da vida e que nos humanizan.

Publicidade

O 8M todas as mulleres estamos chamadas a secundar a folga laboral, estudantil, de coidados e de consumo que convoca o movemento feminista. A nosa institución non pode ser allea a esta revolución cultural que loita cara a un mundo máis xusto, igualitario e libre de violencias de xénero.

Definitivamente, a igualdade está de festa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Percepción do piropo entre a mocidade galega: só o 25% dos rapaces se sente mal cando o emite

Unha tese doutoral investiga a obxectivización do corpo das muller a través desta antiga práctica en 232 adolescentes de Pontevedra e Ourense

María Mayán capta 100.000 euros para impulsar unha nova inmunoterapia contra o cancro de mama

A investigadora do Cinbio recibe unha Bolsa FERO para desenvolver un proxecto sobre as terapias celulares CAR-NK, moi prometedoras en medicina personalizada

Premiados sete investigadores e investigadoras mozos pola súa contribución ao avance científico galego

Verónica Bolón, Laura Castro, María Barreiro, Manuel Souto, Ismael González, Lucía Díaz e Rubén Lado reciben os galardóns organizados pola RAGC-UIE

Descuberta unha grande estrutura romana no exterior do castro do Castelo dos Mouros, en Ons

Un equipo da UVigo acha "abondoso material" na terraza intermedia do xacemento e identifica unha gran cantidade de restos de ánforas orixinarias do sur da península e de Italia