Elena Vázquez, no centro, coa vicedecana Rosana Rodríguez (esquerda), e a secretaria da Facultade, Beatriz Pateiro.
Elena Vázquez, no centro, coa vicedecana Rosana Rodríguez (esquerda), e a secretaria da Facultade, Beatriz Pateiro.

“Que as alumnas de hoxe sexan as investigadoras do futuro”

A decana da Facultade de Matemáticas da USC, moi activa na defensa da igualdade na ciencia, participa na mesa redonda do 11 de febreiro

Elena Vázquez Cendón, decana da Facultade de Matemáticas da USC, será outra das investigadoras que tomarán parte na mesa redonda “Muller e Ciencia”, que se celebrará o día 11 de febreiro en Pontevedra para conmemorar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Creceu nunha xastrería e dende sempre foi moi creativa e sen medo a enfrontarse a nada. Dubidou entre estudar Física e Matemáticas, pero ten claro que a Matemática Industrial era o que quería facer “aínda que daquela non lle poñía nome”.

En que momento decide que quere estudar matemáticas e por que?

As matemáticas sempre me gustaron e recoñezo que en COU pensaba en facer Física. O profesor Arias e o gusto por resolver problemas reais sempre me motivou. Finalmente cambiei para Matemáticas. Lourdes, Isidro e especialmente Alfonso Amorín, do IES As Lagoas de Ourense, foron espellos e mentores para a decisión final. Agora traballo no marco da Matemática Industrial, e teño claro que esto era o que eu quería facer. Daquela non lle poñía nome, xa que case non existía como opción e non se coñecía no ensino medio.

Esta elección foi ben aceptada na súa familia? 

Sen problema ningún. O meu irmán maior xa estaba en Matemáticas, entón a famila non o vía como algo descoñecido e sempre nos dixeron que fixeramos o que quixésemos. Esa era a gran herdanza que nos deixaban.

Nalgún momento lle dixeron que era unha carreira para homes?

Non, e ademais non o é. En Matemáticas hai moitas mulleres, unha presenza case paritaria na licenciatura e no grao. Si é certa a non existencia de mulleres en Física, e a pouca presenza nas empresas era unha das razón que me deron para non facer Física.

Ao longo da súa carreira profesional sufriu algún tipo de discriminación por razón de sexo?

No ámbito profesional, na Universidade e nomeadamente no grupo de investigación de Enxeñaría Matemática, non. De feito houbo momentos nos que eramos maioría de mulleres e o director do mesmo, o profesor Alfredo Bermúdez, sempre impulsaba que asumamos responsabilidade no mesmo. Si que na carreira tiven que escoitar comentarios machistas, de docentes que afortunadamente xa non forman parte do profesorado. E cando tiven responsabilidades de xestión, as actitudes ante unha vicerreitora nova en algúns casos foron machistas. Sempre tentei de rexeitalas igual que valoro positivamente o trato igualitario, é dicir, feminista, recibido no grupo de investigación.

Elena, con María Rodríguez, alumna do programa Estalmat.
Elena, con María Rodríguez, alumna do programa Estalmat.

Nas últimas décadas apreciouse un importante crecemento no número de alumnas nas carreiras “de ciencias” e cunha importante porcentaxe de éxito nos estudos. Según os últimos estudos na investigación, un 40 % son mulleres, fronte ao 60 dos homes. Como son os datos en Matemáticas?

No estudo que temos de satisfacción e inserción profesional publicado co Instituto de Matemáticas da USC, no ingreso hai un 45% de mulleres e rematan un 55%. Este é un dato que salientamos cando visitamos os centros de ensino medio. Elas e eles teñen que coñecelo para evitar estereotipos que limiten a súa elección. Nos dous últimos cursos os mellores expedientes dos graos galegos son dúas egresadas do grao en Matemáticas na USC, Pilar e Érika.

Existen esas barreiras invisibles?

Hoxe temos que loitar contra a perfección que está encorsetando as mozas. Todas e todos cometemos erros, e debemos de compartilos como oportunidade de aprendizaxe. Esta sobrepresión da perfección incrementa o síndrome do impostor: asumir que non eres suficientemente boa e auto cuestionarte, non asumir retos  e non xestionar a frustración ante as dificultades. Esta barreira autoimposta pero que perciben socialmente é unha gran muro.

A outra é a de pensar que ao non ter barreiras legais para a igualdade asúmense certos esterotipos e os chamados micromachismos, que non son tan pequenos, e xeran muros e sobre todo retrocesos de feito sobre os dereitos adquiridos despois do esforzo de moitas persoas, nunha gran maioría mulleres.

De sempre as matemáticas eran un dos “cocos” nos estudos. Hai algunha fórmula para conseguir que esto cambie?

Si, a que levamos implementado nos últimos anos: Moita divulgación do que facemos, para dar opcións abertas a futuras e futuros estudantes e para compartir con toda a sociedade o fondo compromiso social que as Matemáticas teñen ao capacitar ás persoas para resolver problemas. E seguir facendo con rigor o noso traballo docente e investigador, para manter o gran nivel da investigación das Matemáticas en Galicia e da formación na mesma, o que produce unha exitosa empregabilidade.

Podes consultar aquí o programa do Día da Muller e a nena na Ciencia (PDF)

É a decana da Facultade de Matemáticas da USC, qué retos inmediatos ten no seu cargo?

Seguir implementado a fórmula da que falaba antes. Seguir fornecendo a conexión da Facultade con todos os grupos de interese: docentes, persoal de administración e servizos, e estudantes de ensino non universitario, docentes-investigadores, estudantes da facultade e todo o tecido investigador e empresarial, que hoxe é consciente da valía que aporta un profesional das matemáticas na súa plantilla. Esta conexión, minimizando a burocracia é o reto que comparto coas compañeiras de equipo as profesoras Rosana Rodríguez e Beatriz Pateiro, coas que é un luxo traballar.

Ata hai uns meses foi a coordinadora do programa de Estímulo do Talento Matemático (ESTALMAT-Galicia) para rapaces de 12 e 15 anos. En que consiste este programa?

– Aínda que deixei de ser a coordinadora xeral do programa en xullo de 2018, agora, ademais da oportunidade que supón seguir sendo docente, encárgome da relación cos egresados e a conexión do mesmo coas STEM (disciplinas de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas). O programa ten como misión estimular o talento matemático en mozas e mozos de 12 a 15 anos participando durante dous cursos de 20 sesións nas mañás dos sábados na Facultade de Matemáticas impartidas por docentes de Ensino Medio e Universidade saboreando todas as opcións que ofrecen as Matemáticas. É un estímulo bidireccional, xa que ao final para os docentes que participamos é un reto que nos estimula e nos recarga. O obxectivo final non é para que rematen facendo Matemáticas, senón para que esas competencias non se estraguen. Temos egresadas e egresados que finalmente titularon en Dereito, Ciencias Políticas, Farmacia, Medicina, Enxeñarías, Física, Química, e tamén en Matemáticas.

Galicia contou cunha matemática pioneira como María Josefa Wonenburger.  Existe unha boa “canteira” galega nas Matemáticas?

María foi unha gran referente, a que tiven a honra de coñecer. Tan boa como humilde e que proxectou as matemáticas galegas. O premio que leva o seu nome permítenos seguir proxectándoa. Hoxe son moitas as compañeiras que proxectan as matemáticas galegas feitas por matemáticas galegas e agardamos que as alumnas de hoxe sexan as mestras e investigadoras dun futuro próximo e moitas delas merecentes do premio María Josefa Wonenburger, como xa recibiu na décima edición do mesmo a compañeira Peregrina Quintela, directora do Instituto Tecnolóxico en Matemática Industrial (ITMATI), un referente da transferencia matemática a nivel estatal e internacional.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.