Os nosos datos persoais, os nosos dereitos

Se cadra alguén de entre vós recibiu estes últimos días correos electrónicos con títulos como Adaptamos a nosa política de privacidade.- Adaptación ao Regulamento Xeral de Protección de Datos, ou cousa parecida (risas e gargalladas)… Agora que por fin o tal Regulamento entra en vigor e as empresas van deixar de saturar a nosa caixa de correo parece un bo momento para salientar os seus termos esenciais, sobre todo os referidos aos dereitos que temos en relación cos nosos datos persoais.

Pero comecemos polo principio… Cando falamos de datos persoais ou de datos de carácter persoal (ES: datos personales. PT: dados pessoais. EN: personal data. CT: dades personals), referímonos a calquera información tocante a persoas físicas identificadas ou identificables, sexa numérica, alfabética, gráfica, fotográfica, acústica ou de calquera outro tipo.

Publicidade

O Regulamento que este 25 de maio comeza a aplicarse establece que as persoas temos —en relación cos nosos datos persoais— unha serie de dereitos, entre os que salientan:

  • Dereito de acceso (ES: derecho de acceso. PT: direito de acesso. EN: right of access. CT: dret d’accés). É o dereito a sermos informados/das sobre os datos de carácter persoal propios en poder de terceiros, nomeadamente sobre a súa orixe, tratamento e finalidade; e tamén a saber se se cederon no pasado ou poden ser cedidos no futuro.
  • Dereito de rectificación (ES: derecho de rectificación. PT: direito de retificação. EN: right to rectification. CT: dret de rectificació). É o dereito de modificar e actualizar os datos de carácter persoal propios, sobre todo se na actualidade non son exactos.
  • Dereito de supresión (ES: derecho de supresión. PT: direito ao apagamento dos dados. EN: right to erasure. CT: dret de supressió). É o dereito a que os datos de carácter persoal propios sexan eliminados sen ningunha dilación indebida.
  • Dereito de oposición (ES: derecho de oposición. PT: direito de oposição. EN: right to object. CT: dret d’oposició). Temos dereito a que os datos de carácter persoal propios non sexan utilizados para determinados temas.
  • Dereito ao esquecemento (ES: derecho al olvido. PT: direito a ser esquecido. EN: right to be forgotten. CT: dret a l’oblit). Dereito a que os datos de carácter persoal que afecten a un individuo sexan suprimidos, e se impida a súa difusión a través de internet.
  • Dereito á limitación do tratamento (ES: derecho a la limitación del tratamiento. PT: direito à limitação do tratamento. EN: right to restriction of processing. CT: dret a la limitació del tractament). Dereito a restrinxir o tratamento dos datos de carácter persoal propios; establecendo, por exemplo que se garden sen tratar de cara a unha futura reclamación.
  • Dereito á portabilidade dos datos (ES: derecho a la portabilidad de los datos. PT: direito de portabilidade dos dados. EN: right to data portability. CT: dret a la portabilitat de les dades). Dereito a recibir os datos de carácter persoal propios nun formato estruturado, de uso común e de lectura mecánica.

Como a nosa man é máis rápida ca a nosa vista, e calca no botón Aceptar antes de que leamos esas mensaxes que nos chegan ao correo electrónico, non nos ha sobrar retermos os nosos dereitos básicos (e os seus nomes en galego) para estar un pouco máis protexidos e saber o que podemos facer cando comecemos a recibir ofertas, promocións e anuncios remitidos por entidades ás que non lembramos darlles nunca teléfono nin enderezo electrónico.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

España prohibirá o acceso a redes sociais a menores de 16 anos: “É absolutamente positivo e necesario”

O profesor de Psicoloxía da USC Antonio Rial cre que a medida é un "exercicio de responsabilidade" que precisa da implicación de familias e sistema educativo

Un equipo galego explora o potencial da IA para detectar síntomas de depresión en redes sociais

Un estudo do CiTIUS analiza automaticamente textos publicados en Internet para detectar patróns lingüísticos asociados á saúde mental

Fotos | Así foi a entrega dos Premios GCiencia Galicia Spin-off 2025

Na cerimonia recoñeceuse a labor de iniciativas innovadoras xurdidas a partir do ámbito das tres universidades públicas galegas

Un libro lembra a figura de Fernando Calvet, Científico Galego do Ano

A publicación presentouse na facultade de Química na USC para enmarcar os actos de homenaxe ao pioneiro da industria farmacéutica galega