Unha científica da UVigo participa nunha nova terapia contra o cancro de mama

Froito do traballo iniciado no Instituto de Investigación Biomédica (IRB Barcelona) xunto ao investigador Ángel Nebreda, a revista científica de referencia no seu campo Cancer Cell publicou a semana pasada o artigo Targeting p38α Increases DNA Damage, Chromosome Instability, and the Anti-tumoral Response to Taxanes in Breast Cancer Cells no que a investigadora do Cinbio da Universidade de Vigo Ana Igea, describe as bases dunha potencial nova vía terapéutica para o cancro de mama máis agresivo. Igea lembra que existen tres grandes tipos de cancro de mama: o triplo negativo, que concentra un 15% dos casos, e que é o ten peor prognóstico é so se pode tratar con quimioterapia e outros dous tipos que se poden tratar mediante terapias específicas menos agresivas.

O traballo conseguiu inhibir a acción dunha proteína que protexe as células tumorais

Co obxectivo de atallar a versión máis complexa da enfermidade, as primeiras probas experimentais recollidas no artigo publicado en Cancer Cell e do que Igea é autora, xunto á estudante de doutoramento de La Caixa Begoña Cánovas, realizáronse sobre tumores de mama triplo negativo, aínda que posteriormente se estenderon aos outros dous tipos de cancro. “A clave está na proteína p38, que actúa coma un salvavidas para as células, evitando a acumulación excesiva de mutacións no seu ADN que as levaría á morte”, explica Igea. Así pois, probáronse fármacos inhibidores da p38 para bloquear a súa función sobre as células tumorais e o resultado foi a acumulación de mutacións e erros no seu ADN e, en consecuencia, a morte destas células malignas. O seguinte paso foi combinar estes inhibidores cun tipo de quimioterapia, os taxanos, co obxectivo de potenciar a acción destes últimos. En sete dos nove tumores de pacientes de cancro de mama usados como base do experimento, a combinación aceleraba ou prolongaba os efectos dos quimioterapéuticos, reducindo considerablemente a masa tumoral.

Publicidade

Os resultados da investigación desenvolvida por Igea permiten ademais diferenciar os tumores que mellor responden á terapia combinada. Canto máis inestables son, mellor funciona a acción mixta do inhibidor p38 e a quimioterapia e dado que existen métodos sinxelos para medir a inestabilidade que presenta un tumor, isto permitiría limitar o tratamento ás e aos pacientes que realmente poden responder a el, reducindo así tamén os custos asociados. En definitiva, aumentaría a eficacia e eficiencia das terapias contra o cancro de mama.

Polo que respecta a súa viabilidade, “estes inhibidores da p38 xa están aprobados actualmente para o uso de pacientes afectados por outras enfermidades, polo que xa sabemos que o seu uso é seguro”, afirma Ana Igea, que sinala que isto é unha vantaxe para poder adiantar camiño cara á posible meta: a aplicación da terapia combinada en persoas diagnosticadas de cancro de mama. Non obstante, antes diso, buscarase a confirmación dos resultados sobre un maior número de tumores e, se é positiva, “esperamos conseguir que a industria farmacéutica se interese por levar a cabo ensaios clínicos para comprobar a eficacia en pacientes reais”, explica a investigadora de Cinbio.

Publicidade

Grupo de Inmunoloxía da Universidade de Vigo. Foto: Duvi.
Grupo de Inmunoloxía da Universidade de Vigo. Foto: Duvi.

Os resultados publicados pola revista Cancer Cell sentan as bases do traballo que desenvolve desde hai un ano no Cinbio. No centro singular da Universidade de Vigo, Igea está a poñer en marcha a súa propia liña de investigación, combinando os seus coñecementos en bioloxía molecular e cancro cos avances do Grupo de Inmunoloxía, liderado pola catedrática África González. O primeiro proxecto desta nova liña, xa aprobado, ten como obxectivo modular o sistema inmune no cancro de páncreas.

Na procura do obxectivo do Cinbio de intensificar as colaboracións con centros de investigación de referencia, Igea quere seguir traballando co IRB e con outras entidades científicas internacionais coas que colaborou no pasado, como a Universidade de Atenas. “Buscamos lograr que o propio sistema inmune do paciente recoñeza e ataque o tumor. O nosos estudos céntranse polo de agora no cancro de páncreas, que ten una mortalidade moi alta e una supervivencia moi baixa, pero nun futuro queremos seguir traballando nos cancros de mama e colon”, apunta a investigadora.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As claves neurolóxicas do Nadal: que lle pasa ao noso cerebro durante as festas

O investigador da UVigo Juan Pérez explica como o sistema límbico integra tradicións, memorias e estímulos para provocar sentimentos intensos nesta época

Do cambio climático ao cancro: como loita o castiñeiro galego pola súa supervivencia

Seis especies de fungos e insectos poñen en risco as poboacións de 'Castanea sativa' e o motor económico da castaña, clave na provincia de Ourense

Un equipo galego recibe 450.000 euros para crear unha terapia contra o cancro gástrico

A Asociación Española Contra o Cancro da Coruña financia seis proxectos do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago para fomentar os estudos oncolóxicos

Investigadores do CINBIO lideran un proxecto para facer fronte á fármaco resistencia

O obxectivo é avaliar as proteínas diana de medicamentos do VIH-1 que conducen a un maior aguante contra os tratamentos