Expertos presentados en paneis

A día de hoxe, os dicionarios galegos non recollen a palabra "panel" co significado que ten en inglés, pero a súa incorporación será cuestión de tempo

Por causa da guerra en Ucraína, nestes últimos días pasou bastante desapercibido o Sexto Relatorio de Avaliación que o IPCC (Intergovernmental Panel on Climate Change) presentou a finais do pasado febreiro. Non me toca a min fixarme na parte científica, que xa GCiencia contou con detalle, pero si quería falar dun aspecto lingüístico colateral.

Ese organismo ten como nome oficial en francés Groupe d’experts intergouvernemental sur l’évolution du climat, e en castelán Grupo Intergubernamental de Expertos sobre el Cambio Climático; pero con moita frecuencia atopámolo citado cun nome diferente: Panel Intergubernamental. Para saber de onde sae esta segunda denominación oficiosa, só temos que volver ao comezo do texto e mirar para o nome en inglés.

Publicidade

Nesta lingua, e desde finais do século XVI, un panel é, entre outras cousas, “a small group of people brought together to investigate or decide on a particular matter”; por iso, ten todo o sentido que empreguen esa palabra para referirse a estruturas organizadas como o IPCC. Pero nas linguas románicas, un panel (panneau en francés, painel en portugués) era, ata datas moi recentes, un taboleiro que serve de barreira física entre dous espazos, ou de soporte para información ou instrumentos. Xa que logo, o panel inglés era un falso amigo que competía con palabras propias como grupo, comité, comisión e outras semellantes.

Pero o peso do inglés é moito peso, e nestes últimos anos, importantes dicionarios de castelán, de portugués ou francés acabaron aceptando ese préstamo moderno, de modo que panel, painel e panel, respectivamente ten xa o significado de ‘grupo de persoas que estudan ou deciden sobre un tema’.

Publicidade

E os dicionarios galegos? Pois neste momento non recollen aínda ese valor cando describen panel; pero se temos en conta que o préstamo do inglés xa se incorporou a todas as linguas do noso arredor, e que non lle crea problemas de escrita nin de pronuncia a un falante galego, será cuestión de tempo que o vexamos neles.

Polo de agora, sería preferible usar grupo, comité, comisión… ou palabras semellantes para nomear “grupo de persoas seleccionado para tratar un asunto en público ou emitir informes periódicos sobre el”. Pero en pouco tempo ha ser panel a palabra que represente ese significado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos