O cambio climático castiga a Galicia: que din os expertos ante o novo informe do IPCC

Elena Ojea, investigadora de UVigo e autora principal do capítulo sobre océanos: “Espero que o documento provoque cambios importantes”

A presentación pública en Berlín da achega do Grupo de Traballo II no Sexto Informe de Avaliación do Grupo Intergubernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC), este luns, supuxo poñer fin a cinco anos de investigacións en torno ao impacto do cambio climático de máis de 300 científicos de 70 países. A docente e coordinadora do grupo de investigacion Futures Ocean Labs da Universidade de Vigo (UVigo), Elena Ojea, participou na elaboración de Cambio Climático 2022: Impactos, Adaptación e Vulnerabilidade.

A máis recente avaliación do IPCC brinda aos gobernos información científica para que poidan desenvolver políticas climáticas. O informe revela que o incremento das vagas de calor, secas e inundacións xa están a superar a tolerancia das plantas e os animais, ademais de provocando mortalidades masivas de especies como árbores e corais. Uns extremos climáticos que expuxeron a millóns de persoas a unha aguda inseguridade alimentaria e de auga, especialmente en África, Asia, América Central e do Sur, en illas pequenas e no Ártico.

Publicidade

Consecuencias do cambio climático

Nun mundo que se enfronta a múltiples perigos climáticos inevitables durante as dúas próximas décadas, cun quecemento global de 1,5ºC, a comunidade científica participante no informe incide en que existen opcións para adaptarse a un clima cambiante, para reducir os riscos climáticos e mesmo para mellorar a vida das persoas. O copresidente do Grupo de Traballo II do IPCC, Hans-Otto Pörtner, sinalaba hoxe na presentación que “a evidencia científica é inequívoca: o cambio climático é unha ameaza para o benestar humano e a saúde do planeta, polo que alquera retraso adicional na acción global concertada impedirá asegurar un futuro habitable”.

Elena Ojea é a autora principal do capítulo 3 do informe, Ocean and coastal ecosystems and their services, no que se conclúe que as vagas de calor mariñas que duran entre semanas e meses están levando ás especies mariñas aos seus límites de tolerancia. “En concreto, moitos ecosistemas de arrecifes de coral, bosques de algas (kelp) ou praderías mariñas mudarán se a temperatura global aumenta por enriba de grao e medio”, afirma en declaracións ao Diario da Universidade de Vigo (DUVI).

Publicidade

Unha conclusión de todo informe é que se precisa emprender unha adaptación transformadora, o que significa reinventar as institucións para poder superar os obstáculos históricos. Ojea engade: “Para o mar, temos identificado adaptacións que consisten en restaurar e conservar a natureza, como restauración de humidais costeiros, que ademais de reducir impactos se se deseñan ben, poden mellorar desigualdades existentes entre a poboación e ter procesos de toma de decisión xustos e inclusivos, contribuíndo aos obxectivos de desenvolvemento sostible”.

Ojea: “Moitos ecosistemas de coral, bosques de algas ou praderías mariñas mudarán se a temperatura aumenta grao e medio”

A visión das ciencias sociais

Xunto a outros 12 expertos, Elena Ojea contribuíu dende o seu coñecemento multidisciplinar sobre impactos e adaptación en sistemas mariños, achegando a visión das ciencias sociais ao grupo. A investigadora da Universidade de Vigo destaca a relevancia desta cuestión para poder avaliar a vulnerabilidade da poboación costeira aos impactos do cambio climático e as respostas que dende a xestión se poden dar.

Elena Ojea e o catedrático Xavier Labandeira confirmaron á UVigo en 2018 como a única institución académica española con dous participantes na elaboración do Sexto Informe de Avaliación do IPCC. Ojea sinala: “Para min tomar parte neste informe foi todo un reto pola inmersión e o esforzo que require e pola responsabilidade que implica. Pero este traballo duro, compénsase co estimulante e gratificante que é o proceso”.

A coordinadora de Futures Ocean Lab asegura ser optimista en canto ao impacto que o informe que hoxe se presentou poida ter entre os responsables políticos, sen perder de vista a próxima COP27 de Exipto. “Ata o de agora, cada informe do IPCC ten cambiado a política climática internacional e espero que con este se consigan cambios importantes”, apunta.

A situación galega

Seo BirdLife publicaba tamén este luns o desafío rexional para España no que indica que Galicia será unha das zonas máis afectadas polo aumento das temperaturas, especialmente en amplas zonas do litoral, con aumentos superiores a 1,5º C, por iso é fundamental a implantación urxente de medidas de mitigación e adaptación, xa que se trata dunha rexión con amplas zonas costeiras onde os efectos do quecemento global poden ser máis drásticos.

Seo BirdLife advirte que Galicia será unha das zonas máis afectadas polo aumento das temperaturas, polo que reclama medidas de urxentes de mitigación

Segundo este organismo, é de especial relevancia que Galicia conserve en bo estado os seus sumidoiros de carbono, especialmente os seus chans e os seus cada vez máis escasos bosques nativos, potenciando un aumento de superficie das masas arborizadas autóctonas. Doutra banda, sinalan que o aumento da superficie forestal dominada por cultivos silvícolas baseados en especies exóticas como eucaliptos en nada contribúen a reducir o impacto do cambio climático, senón máis ben ao contrario, ao formar cultivos industriais suxeitos a tallas masivas e enormemente vulnerables aos incendios que, ademais, destrúen os chans e exclúen moitas especies autóctonas onde se instalan.

Especies ameazadas

Seo Bird Life sinala que as especies ameazadas que habitan na liña de costa, como a gavita, o paíño europeo ou o corvo mariño moñudo, sufrirán as consecuencias dos temporais mariños cada vez máis frecuentes e da subida do nivel do mar. Esta subida de nivel tamén afectaría á perda de lugares de nidificación de especies dunha distribución moi restrinxida que habitan nalgunhas praias galegas, como a píllara papuda. Así mesmo, o incremento na temperatura media anual e un cambio na distribución da precipitación ao longo do ano, poderían constituír tamén un factor de risco para a única poboación reprodutora que queda en España de mazarico real, en grave risco de extinción.

Leis e plans galegos

Galicia aprobou en 2019 a súa Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, e conta cun Plan Rexional Integrado de Enerxía e Clima 2019-2023 para o desenvolvemento e implantación desta estratexia, onde propón medidas de mitigación de emisións de gases de efecto invernadoiro, de adaptación aos impactos do cambio climático, de investigación sobre as causas, evidencias e efectos desta crise, e de gobernanza e sensibilización sobre o problema. Xunto con isto, iniciou unha consulta previa sobre un borrador de anteproxecto de lei do clima.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo lanza unha convocatoria de títulos de capacitación dixital en transporte e loxística

Os cursos da Universidade de Vigo son de balde para toda a cidadanía e a maioría poden cursarse en liña

Juan Picos: “O que está pasando cos incendios en Portugal ímolo ver en Galicia”

O enxeñeiro de montes prognostica vagas de lume extremas como as do país veciño debido á degración do solo e o cambio climático

O marisqueo a pé, un paradigma da sostibilidade

As pegadas de carbono e hídrica desta actividade son moi baixas a causa da súa natureza puramente artesanal

Investigadores da UVigo fan carbón con restos forestais para reducir as emisións do gando

Un dos obxectivos do grupo a longo prazo é fabricar biocombustibles sólidos a partir dos restos dos piñeiros e da acacia