Venres 26 Abril 2024

Serafín González: “Só pedimos unha Consellería de Medio Ambiente que cumpra a lei”

O presidente da Sociedade Galega de Historia Natural di que "esta lexislatura foi a máis negativa desde o punto de vista ambiental" en Galicia

O adianto electoral deixará a Galicia, con bastante probabilidade, sen os 45 plans de protección de especies ameazadas que o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, comprometera hai agora tres anos, en febreiro de 2017, ao anunciar o inicio da tramitación da lei de patrimonio natural aprobada o pasado ano. Porén, unha das entidades que exerce como órgano consultivo da Administración, a Sociedade Galega de Historia Natural, lamenta que ata o de agora ningunha desas 45 especies, nin as preto de 150 restantes que tampouco contan aínda con protección, sexan obxecto de medidas para evitar a súa posible desaparición en Galicia. O presidente da entidade e científico do CSIC, Serafín González, cualifica a lexislatura que termina en Galicia como “a máis negativa desde o punto de vista ambiental”.

– Teñen coñecemento de que avanzara algúns dos plans de protección?

Publicidade

– O que sabemos oficialmente é a promesa que se fixo para ter 45 especies con plan de recuperación ou conservación en 2020. Nós, como órgano consultivo, recibimos peticións da Xunta para valorar os plans de recuperación, proxectos nos que hai que ter en conta o impacto ambiental, etc. Pero non temos recibido ningunha consulta neste sentido. O único que sabemos son só iso, palabras e promesas.

A Xunta tardaría 1.782 anos, ao ritmo actual, en protexer todas as especies ameazadas de Galicia

– Que desafíos quedan por cumprir en materia de conservación da natureza?

– Parece mentira que teñamos que reclamar isto, pero o único que pedimos é unha Consellería de Medio Ambiente e, en xeral, unha Administración autonómica que cumpra e faga cumprir a lexislación ambiental. E pedímolo porque non se está facendo en bastantes casos. Unha mostra é que teñamos que denunciar á Consellería ante a Fiscalía, como pasou hai pouco en Estaca de Bares. Ademais do que pasa co catálogo de especies ameazadas, estase a incumprir a ampliación da Rede Natura 2000, a directiva marco da auga, a directiva aves e demais normativas do ámbito comunitario, non temos unha listaxe de especies exóticas invasoras en Galicia, etc.

– É preciso un catálogo galego?

– Por suposto. Cando nos diriximos á Xunta para solicitar que o desenvolvan, porque teñen as competencias, a resposta adoita ser que xa está o catálogo estatal, pero non abonda. Galicia ten un clima, un solo e uns ecosistemas específicos que fan que algúns problemas que no resto de España existen, aquí non aparecen, e viceversa: temos especies exóticas que aquí xeran impactos graves pero que noutras partes da península apenas se ven.  Hai algún exemplo, como o das granxas de visóns: nós pedimos que se consideren como instalacións de risco para a biodiversidade, polo perigo que supón a solta da especie na natureza, pero non se nos fai caso.

– Son tamén críticos coa protección dos parques naturais.

Os plans reitores distan moito de ser os óptimos; están desenvolvidos na súa maior parte sobre o papel, pero o investimento previsto para aplicalos é demasiado pequeno, e hai moitas cousas por facer. Despois hai algún caso, como é do Corrubedo, no que o proxecto está aparcado por conflitos de intereses urbanísticos.

– Como valoran a paralización do proxecto mineiro de Touro e O Pino?

Nós participamos coas alegacións que presentamos ao proxecto, e vimos eivas importantes. Cando a xente das plataformas contra a mina me preguntaban como vía a situación, a miña opinión era que nos estabamos achegando moito a unha época electoral e non pensaba que saíra adiante nese momento unha declaración positiva. Podía retrasarse ata despois das eleccións, ou podía ser negativa, como así foi. É posible que se tivera en conta a mobilización cidadá non só nos concellos afectados, senón tamén en toda a ría de Arousa polo risco de contaminación no Ulla, e o sector do mar é moi relevante.

Con todo, non hai que esquecerse de outros proxectos que tamén teñen un impacto importante no medio e non están resoltos: a planta de tecnosolos de Miramontes, os plans de aproveitar antigas canteiras como vertedoiros, como a de Casalonga en Teo… Isto vén dunha situación complicada da planta de Sogama en Cerceda que non se está a resolver.

– E outros problemas de contaminación que permanecen.

– Hai un asunto moi relevante que ten que ver co abandono de parte das terras e, ao mesmo tempo, a intensificación de cultivos e explotacións gandeiras que ten repercusións directas sobre a biodiversidade e a calidade das augas.

Na Limia, por exemplo, hai aldeas que levan moito tempo sen auga potable porque os acuíferos están contaminados polos nitratos. Augas abaixo hai un encoro que sofre eutrofización a miúdo. Isto tamén pasa no Deza, aínda que se fala menos, pero o modelo intensivo está a afectar sen dúbida ao medio ambiente.

Mais non é só iso: concibir así a agricultura e a gandería leva a un modelo que non é sustentable, e que mesmo afecta á saúde humana, promovendo uns patróns de alimentacións que non son bos nin para nós nin para o planeta. E ademais, son explotacións a gran escala, pero que non xeran tanta man de obra coma outras, e iso tampouco contribúe a fixar poboación no medio rural.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os ’pellets’ xa invaden zonas mariñas protexidas de Galicia

Unha simulación realizada pola organización internacional Oceana predí que os plásticos están presentes en todo o litoral da comunidade

Un equipo galego utiliza materiais que respiran CO2 para refrixerar e quentar fogares

O grupo da UDC busca substituír os actuais compoñentes de calefacción, daniños para o medioambiente, por outros máis sostibles e eficientes

Un equipo galego usará IA para detectar contaminantes nas augas termais

Investigadores da UVigo lideran o proxecto Aquapred que predicirá a posibilidade de aparición de bacterias como a lexionela e a E. coli

O petróleo e os seus residuos inducen a metamorfose en invertebrados mariños

Un estudo internacional apunta que estas substancias poden alterar o ciclo e os procesos naturais destes animais