Xaquín Moreda, Antonio Pena, Ariadna Cordal e Luis Fernández amosan o xogo. Foto: Duvi.
Xaquín Moreda, Antonio Pena, Ariadna Cordal e Luis Fernández amosan o xogo. Foto: Duvi.

Xa podes probar o videoxogo que percorre a Pontevedra medieval

"Ponte veteri", creado por estudantes da UVigo para conmemorar o 850 aniversario do foro da cidade, xa se pode descargar na Play Store

No marco das iniciativas impulsadas pola Concellería de Memoria e Patrimonio Histórico co gallo da celebración do 850º aniversario da concesión do foro á cidade de Pontevedra, o grupo de innovación docente da Universidade de Vigo ComTecArt (Comunicación, Tecnoloxía e Arte), desenvolveu Ponte Veteri, un videoxogo que propón un percorrido pola Pontevedra medieval que xa é posible descargar a través de Play Store. Integrantes deste grupo de innovación, que agrupa a docentes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, presentaron este xoves, xunto con concelleiro Xaquín Moreda, unha aplicación que levará aos xogadores e xogadoras a ir resolvendo unha serie de “minixogos” ao tempo que percorren diferentes rúas do casco histórico da cidade.

A aplicación, que leva o nome dado á cidade no documento do foro, está ambientado en seis escenarios que se corresponden con seis das confrarías existentes na Pontevedra medieval e nos que os xogadores deberán ir superando os diferentes “minixogos” co propósito de avanzar na trama do xogo e descubrir o seu enigma final. Trátase nese senso dun “xogo bastante complexo, no sentido de que non é lineal totalmente”, explicou o profesor da EE de Telecomunicación Antonio Pena, na presentación celebrada na praza da Ferraría. Deste xeito, o funcionamento do xogo baséase en “conseguir unhas claves que están encriptadas”, superando os diferentes minixogos propostos, co propósito de “intentar resolver o enigma final”, engadiu este docente. Xunto a Pena, participaron na presentación de Ponte Veteri o docente da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Luis Fernández e a egresada deste centro Ariadna Cordal, integrantes dun equipo de traballo que completaban a profesora Beatriz Legerén, os egresados da EE de Telecomunicación e da Facultade de Belas Artes David Conde e Daniel Malvido, e a desenvolvedora Olaia Ferrando, responsable da dirección de arte.

Un videoxogo da Pontevedra medieval para celebrar os 850 anos do foro da cidade

Modo “ruta” pola cidade medieval

“O videoxogo nacer orientado expresamente para alumnado, mais pensamos que é interesante para todo tipo de públicos”, salientou Moreda, que destacou que esta aplicación supón “unha nova opción para percorrer a cidade”, xa que articulase en torno “a un roteiro circular que fisicamente nos leva polas rúas da Pontevedra do século XXI e virtualmente trasládanos ás rúas do século XII”. Co personaxe de Lorichol como guía, as e os participantes deberán ir desencriptando as diferentes claves para intentar resolver un enigma “relacionado coa concesión do foro para a cidade, que está en perigo durante todo o xogo”, explicou Pena.

O propósito de Ponte Veteri, salientaron os seus responsables, é achegar aos xogadores e xogadoras, dun xeito lúdico, pero con rigor histórico, á historia medieval da cidade. De feito, insírese nas propostas que o grupo ComTecArt desenvolveu para a Concellería de Patrimonio Histórico con motivo da conmemoración do 850 aniversario da concesión do foro á cidade, xunto cunha unidade didáctica para traballar nas aulas de primaria e secundaria contidos históricos relacionados con Pontevedra e unha recreación con realidade aumentada da ponte do Burgo no século XVII, que formou parte da exposición O segredo da Ponte do Burgo, que ata comezos de febreiro puido visitarse no Pazo da Cultura.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.