Xoves 28 Marzo 2024

Un videoxogo da Pontevedra medieval para celebrar os 850 anos do foro da cidade

O grupo de investigación ComTecArt desenvolveu tamén unha recreación con realidade aumentada da ponte do Burgo

Un videoxogo que guiará á cidadanía nun percorrido pola Pontevedra medieval e no que terán que ir atopando, mentres camiñan pola parte antiga da cidade, unha serie de elementos para tratar de resolver un enigma final. Niso consiste Ponte Veteri, o xogo desenvolvido polo grupo de innovación docente ComTecArt, que integran docentes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, no marco das accións impulsadas polo Concello de Pontevedra con motivo do 850 aniversario do foro da cidade. Xunto a este xogo, o grupo traballou tamén no deseño dunha unidade didáctica para escolares e nunha aplicación que engadirá contidos de realidade virtual á exposición O segredo da ponte do Burgo, que se inaugura este xoves ás 18.30 horas no Pazo da Cultura.

Esta serie de iniciativas foron presentadas este martes polo concelleiro de Patrimonio, Xaquín Moreda, xunto aos integrantes do grupo ComTecArt Beatriz Legerén e Antonio Pena e a directora artística do xogo, Olaia Ferrando. Inseridas no 850 aniversario da sinatura, en 1169, por parte do rei Fernando II do foro “que marcou o nacemento de Pontevedra como cidade”, estas actividades súmanse a outra serie de propostas promovidas polo Concello nos últimos meses e responden a unha aposta por aplicar á historiografía “formatos e linguaxes do noso tempo”, sinalou Moreda.

Publicidade

O videoxogo, desenvolvido por alumnos de Comunicación e Telecomunicacións, estará dispoñible nas vindeiras semanas

No marco desta colaboración entre a Concellería de Patrimonio e ComTecArt, o grupo responsable dunha iniciativa na que estudantes de CCSS e da Comunicación e da EE de Telecomunicación traballan conxuntamente no deseño de videoxogos, unha das propostas a desenvolver era a de sumar “un pequeno complemento tecnolóxico” a unha ruta pola parte medieval da cidade. Mais, como explicou Pena, investigador de atlanTTic, “conforme comezamos a documentarnos, vimos que había moito material”, polo que optaron finalmente por asociar unha trama a este percorrido, de tal xeito que “o que ía ser un roteiro gamificado pasou a ser un videoxogo”, en cuxo desenvolvemento participaron ex-alumnos de CCSS e da Comunicación, da EE de Telecomunicación e da Facultade de Belas Artes.

Á aplicación, que leva o nome dado á cidade no documento do foro e que estará dispoñible nas próximas semanas, levará aos xogadores e xogadoras a percorrer, partindo da ponte do Burgo, unha parte da zona antiga da cidade. “Terán que ir camiñando por Pontevedra para poder ir activando elementos e en cada un deles iranse atopando con minixogos, ata chegar a un enigma final que hai que resolver”, relatou Pena. Os impulsores desta iniciativa decidiron centrar o xogo nas seis “confrarías máis destacadas naquela época”, que constituían entón “elementos de cambio na cidade medieval” e como “mestre de cerimonias que fose guiando ao xogador”, crearon o personaxe de Lorichol, o médico da peste. “Necesitabamos un narrador e queríamos coller algo moi identificador de Pontevedra”, salientou Ferrando respecto da personaxe central dun xogo que proporciona “información sobre a historia” da cidade e que é “case tamén unha app turística”, xa que obriga a facer o percorrido para xogar, aínda que aqueles que realicen unha parte poderán rematar o xogo posteriormente.

Crean un videoxogo baseado no roubo do Códice Calixtino

A ponte do Burgo con realidade aumentada

Xunto a este xogo, o grupo ComTecArt desenvolveu unha aplicación con realidade aumentada que permitirá “visitar dunha maneira diferente” a exposición O segredo da ponte do Burgo, que permanecerá no Pazo da Cultura entre este xoves 19 e o 2 de xaneiro. Aos diferentes paneis que integran a exposición previa sobre esta infraestrutura súmanse agora as tres propostas desenvolvidas polo grupo ComTecArt. Concretamente, deseñouse un xogo de preguntas baseadas nos paneis da mostra xunto con dúas propostas baseadas no uso da realidade aumentada, coas que “ó móbil recrea unha serie de obxectos virtuais observando a propia realidade”, explicou Pena. Trátase por unha banda dun “xogo de construción” e, por outra, dunha recreación con realidade aumentada da ponte do Burgo no século XVII, partindo do cadro realizado por Pier María Baldi.

Xunto a estas dúas iniciativas, deseñouse tamén unha unidade didáctica para centros educativos, vinculada ao propio videoxogo, “na que se vai presentar Pontevedra como reflexo de cidade na Idade Media” e na que se abordará a historia do foro e da Ponte do Burgo, así como Camiño de Santiago neste período histórico. A guía, explicou Legerén, trasladarase aos centros educativos da cidade e está principalmente dirixida ao alumnado de primaria.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Proxecto Icarus, respostas dende atlanTTic ao reto de comunicar satélites

O grupo Laboratorio de Redes da UVigo fai achegas a un sector que revolucionará as comunicacións

Enxeñeiros da UVigo combaterán o crime e o terrorismo na rede

A Escola de Telecomunicacións forma parte do proxecto europeo Uncover, que pretende descubrir comunicacións agochadas en contidos multimedia

O avance do 5G, patente para a sociedade en 2024

O Foro Plan Nacional 5G, celebrado na UVigo, abordou as perspectivas desta tecnoloxía con charlas e un certame para estudantes e investigadores

Xa podes probar o videoxogo que percorre a Pontevedra medieval

"Ponte veteri", creado por estudantes da UVigo para conmemorar o 850 aniversario do foro da cidade, xa se pode descargar na Play Store