Luns 4 Decembro 2023

Proxecto Icarus, respostas dende atlanTTic ao reto de comunicar satélites

O grupo Laboratorio de Redes da UVigo fai achegas a un sector que revolucionará as comunicacións

Avanzar na investigación das comunicación intersatelitais é o principal obxectivo para os próximos anos do grupo Laboratorio de Redes da UVigo, integrado no Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación atlanTTic, que está a liderar o Proxecto Icarus (en colaboración co grupo de Radio tamén da UVigo) no que se investigan achegas técnicas para facilitar a comunicación entre satélites de órbita baixa. Trátase dun obxectivo que se está a perseguir por investigadores de todo o mundo e que vai revolucionar o mundo das comunicación nuns anos, especialmente nas zonas con dificultades de cobertura.

Cándido López García, director do grupo Laboratorio de Redes e catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo, explica que o feito de que o acceso ao espazo se fixera máis accesible na última década está levando ao lanzamento de moitos satélites de órbita terrestre baixa (que se atopan a uns 300 quilómetros da superficie terrestre) e que van a dar servizo ás comunicación terrestres e facilitarán especialmente as comunicacións en lugares con escasa cobertura coa rede terrestre. “Son satélites con órbitas moi baixas e con taxas de transferencia altísimas polo que as redes que se forman van ter un impacto socioeconómico moi importante nos próximos anos”, indica López.

Clave para a xestión de frotas

Estas novas redes de comunicación por satélite (SatCom) poden desempeñar un papel importante en aplicacións de xestión de frotas (coches, camións, trens, embarcacións, etc), sistemas de seguimento aeronáutico/marítimo e en escenarios de xestión de desastres, xa que poden garantir a conectividade en remoto e nas zonas onde unha infraestrutura terrestre é difícil ou imposible de implantar. Tamén poden proporcionar un papel complementario ás redes terrestres 5G.

O obxectivo principal do proxecto Icarus é habilitar solucións para SatComs de gran ancho de banda en áreas pouco atendidas para frotas de vehículos. O deseño dunha solución integral neste contexto require unha estreita cooperación entre múltiples áreas de coñecemento, que van dende o substrato físico ata as tecnoloxías máis abstractas que tratan a lóxica de aplicación.

“As redes formadas por estes satélites xa están a funcionar pero pódeselles sacar moito máis partido”

CÁNDIDO LÓPEZ GARCÍA director do grupo Laboratorio de Redes

“As redes formadas por estes satélites xa están a funcionar pero pódeselles sacar moito máis partido”, sinala López, quen apunta que polo de agora os satélites actúan como repetidores dos enlaces terrestres pero o verdadeiro salto cualitativo vai chegar cando sexa posible a comunicación entre os propios satélites. Entre os traballos que se están a desenvolver dentro de Icarus tamén se atopa un simulador dunha rede deste tipo. Empregárase este banco de probas para obter medidas de rendemento da transmisión de tráfico IP heredado a través da SatCom, utilizando como fontes/destinos de tráfico nodos individuais dunha frota de transporte.

“Temos unha boa oportunidade de contribuír modestamente ao desenvolvemento e validación dunha tecnoloxía que vai ser moi importante no futuro”, conclúe López. Nos próximos anos esta vai ser a liña de investigación prioritaria do Laboratorio de Redes pero tamén están a traballar en proxectos doutro tipo sempre coa vista nas posibilidades de desenvolvemento das comunicacións cara ao futuro.

Neste sentido, dende o grupo están a investigar alternativas ás redes de conmutación actuais que están baseadas nos protocolos TCPIP. Segundo indica Cándido López, estas redes están chamadas a ser substituídas no futuro por outras baseadas na información. É unha tecnoloxía que aínda está nunha fase de investigación temperá pero presenta posibilidades de desenvolvemento moi importantes.

Dixitalización da TVG

O grupo de Laboratorio de Redes naceu case ao mesmo tempo que a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación de Vigo e conta cunha longa experiencia na investigación de solucións que permitan mellorar o servizo de todo tipo de telecomunicacións e nestas últimas décadas especialmente nas aplicacións de internet.

O grupo adícase á investigación e a construción de solucións de enxeñaría en redes de computadores. Deste xeito, propón conceptos, modelos, análises, algoritmos e produtos software para mellorar a transmisión da información na rede, para incrementar a capacidade das redes sociais e para o control dos grandes sistemas en rede. Ademais dos proxectos citados, o grupo traballa baixo demanda para atender necesidades puntuais das empresas e mesmo colaboraron coas súas investigacións no proceso de dixitalización da Televisión de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Laboratorio de redes de comunicación 5G & 6G de atlanTTic, deseñando o futuro

Felipe Gil Castiñeira, director do laboratorio, sinala o reto que enfrontan: crear unha rede piloto 5G-6G que converterá o campus de Vigo “nun espazo de investigación avanzado”

O río Tins será o primeiro do Estado en ter dereitos

Unha declaración oficial recoñecerá a lexitimidade do curso fluvial de Outes a non ser contaminado ou danado por actividades humanas

Aplicacións de xeolocalización para nenos e adolescentes: como debemos usalas?

Investigadores da UVigo analizan se as ferramentas de seguimento en tempo real socavan a confianza dos menores

Os retos do coñecemento

Artigo do reitor da Universidade de Vigo con motivo do décimo aniversario de Gciencia