Imaxe dos catro poñentes que participaron no foro do Plan Nacional 5G. Foto: Duvi.
Imaxe dos catro poñentes que participaron no foro do Plan Nacional 5G. Foto: Duvi.

O avance do 5G, patente para a sociedade en 2024

O Foro Plan Nacional 5G, celebrado na UVigo, abordou as perspectivas desta tecnoloxía con charlas e un certame para estudantes e investigadores

Lévase anos falando das novas tecnoloxías 5G, pero a sensación a nivel xeral é que os avances apenas se notan, algo que corroboran os especialistas na materia, quen consideran que estes cambios non serán “verdadeiramente apreciables” para o público en xeral ata 2023 ou 2024. Así se expuxo este martes no Foro Plan Nacional 5G, unha actividade que se levou a cabo no salón de graos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e que foi retransmitida a través de UVigo TV. Houbo varias charlas e relatorios relacionadas con estas tecnoloxías, así como a entrega de premios do Hackathon Teleco 5G, un concurso organizado ao abeiro do Plan Nacional 5G Teleco Vigo e no que alumnado do centro, sobre todo de máster e doutoramento, tentou sacar proveito do maior ancho de banda deste tipo de redes.

“Os usuarios están demandando unha mellora das redes 4G, con máis ancho de banda, maior calidade… pero non se percibe ese gran cambio radical que se agarda do 5G”, explica o profesor Felipe Gil, que foi o encargado de abrir as xornadas cunha charla sobre o impacto das novas tecnoloxías 5G de investigación. “Polo de agora o que se ven son eses despregues iniciais, unhas maiores capacidades de ancho de banda, unhas capacidades de Internet das Cousas iniciais, novas instalacións virtualizadas… Digamos que notamos unha pequena evolución, pero non ese cambio radical que suporá o 5G”, salientou Gil, quen afirmou que a partir de agora e en todo o que será o período 21-23 se irán implantando esas novas tecnoloxías que realmente si suporán un cambio. “A partir de 2024 será cando realmente imos poder ver o salto tecnolóxico do 5G, cando se fará verdadeiramente apreciable esa nova tecnoloxía”, remarcou o investigador de atlanTTic, o centro de investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación impulsado pola Universidade de Vigo.

Intervención do profesor Felipe Gil. Foto: Duvi.
Intervención do profesor Felipe Gil. Foto: Duvi.

En que se poderá apreciar ese gran salto? En instalacións totalmente virtualizadas, coas tecnoloxías Network Slicing consolidadas e con capacidade de ofrecer servizos a múltiples usuarios, con novos mecanismos de intelixencia artificial implantados nas redes… Segundo expuxo Gil, nestes intres estase dando soporte a cousas como o acceso fixo con redes sen fíos, aplicacións de Smart city, de condución asistida… tecnoloxías que aproveitan as melloras do 5G, pero que realmente se poderían aplicar tamén co 4G. “Falamos de cousas que non son ese gran cambio radical do 5G, pero a partir do vindeiro ano si que imos ver como se implantan novos casos de uso que agora mesmo son imposibles de realizar”, salientou Gil, quen exemplificou estes avances con cuestións tan tanxibles como o control de drones con capacidade incluso de procesado de información, novas aplicacións de realidade aumentada en contornas industriais, aplicacións de emisión crítica, produción cooperativa, etc.

Xunto a Felipe Gil a xornada contou tamén como poñentes con varios representantes do mundo empresarial e, máis concretamente, das empresas que conforman a Unión Temporal de Empresas -formada por Orange, Cinfo, Gammera Nest e Optare Solutions- que colabora no desenvolvemento de distintas probas de concepto en torno á futura tecnoloxía 5G. Nesta liña, Xosé Ramón Sousa, director de I+D de Optare Solutions, salientou na apertura das xornadas que, desde que arrancaron este proxecto sempre tiveron en mente “poder achegar á sociedade o noso pequeno gran de área á hora de establecer un ecosistema o máis integrado posible de todos os actores que van a formar parte do 5G”. A súa intervención estivo centrada nos beneficios para a sociedade que suporá o Edge Computing, un novo paradigma de computación que trata de achegar o almacenamento de datos á localización na que se precisa para mellorar os tempos de resposta e aforrar ancho de banda.

Xunto a eles participaron tamén na xornada Xoel Vázquez, da empresa Xoia, que afondou no impacto da realidade aumentada no ámbito do turismo, e Alfredo Vallejo, de Orange, que se centrou nos novos servizos 5G.

Hackaton

Foto de familia dos tres equipos finalistas do Hackaton Teleco 5G. Foto: Duvi.
Foto de familia dos tres equipos finalistas do Hackaton Teleco 5G. Foto: Duvi.

A xornada tamén acolleu a entrega de premios do Hackathon Teleco 5G,  “un concurso para que o alumnado da escola poida achegar as súas ideas e as súas propias solucións dentro deste contexto tecnolóxico”, explicou na apertura das xornadas a directora da escola, a profesora Rebeca Díaz. Finalmente foron seleccionados tres equipos finalistas, composto cada un deles por tres estudantes, todos eles alumnos do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación, do Máster en Ciberseguridade e tamén de doutoramento. “A pesar de que se trata dunhas datas complicadas para o alumnado, xa que o hackathon coincidiu co fin de curso, época de exames e inicio das prácticas en empresas, as propostas foron moi interesantes e aliñadas cos obxectivos que se propuñan”, explica Gil.

“Os tres equipos foron quen de desenvolver un traballo con tecnoloxías realmente novidosas e aplicando os seus coñecementos e a formación que aquí se lles dá, coa súa propia creatividade para achegar novas vías de solución e de traballo usando os mecanismos tecnolóxicos que teñen ao seu alcance”, subliñou Díaz, quen aproveitou para confirmar que haberá novas edicións do hackathon antes de que remate o ano. As tres propostas presentadas  buscan como sacar proveito do maior ancho de banda das redes 5G de cara a proporcionar información de alta resolución para mostrar imaxes aumentadas en distintos escenarios turísticos.


Podes ver a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.