O Parlamento aproba a lei “Ángeles Alvariño” pola igualdade na investigación

A normativa sitúa Galicia na vangarda, como primeira comunidade en incluír por lei as medidas correctoras precisas nas convocatorias públicas

O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade este martes 13 de xullo a lei que ten por obxectivo “garantir a igualdade real entre mulleres e homes no ámbito universitario e da investigación”, coñecida como lei “Ángeles Alvariño”, na honra da oceanógrafa ferrolá (1916-2005). A decisión da cámara lexislativa galega dá o paso, deste xeito, á modificación do decreto lexislativo 2/2015, co obxectivo de “introducir medidas reguladoras que garantan a igualdade de xénero no acceso ás convocatorias públicas de investigación nas universidades galegas, os organismos públicos de investigación de Galicia e outras entidades do sistema de I+D+i galego co obxectivo de evitar situacións de discriminación e vulneración dos principios de igualdade de trato e de oportunidades”. Así mesmo, expón o texto aprobado este martes, “busca incorporar a perspectiva de xénero na universidade e na investigación, co fin de facer efectiva a igualdade entre mulleres e homes”.

Deste xeito, o novo marco legal contribuirá a “apoiar, promover e visibilizar o traballo investigador das mulleres en Galicia e tamén a introducir mecanismos correctores e obxectivos nas convocatorias públicas de I+D+i para evitar a discriminación e/ou penalización das mulleres, e tamén dos homes, en casos de maternidade, paternidade, garda con fins de adopción ou acollemento, risco durante o embarazo e/ou lactación e incapacidade temporal asociada ao embarazo ou por razóns de violencia de xénero ou calquera tipo de acoso”, segundo reza a exposición de motivos.

Publicidade

O acordo foi celebrado polos tres grupos do Parlamento de Galicia (PP, BNG e PSdeG), así como por colectivos como a Rede Galega pola Investigación (Investigal), que xogou un papel moi activo durante a tramitación da lei, e que estivo representada no pleno polas investigadoras María de la Fuente, Vanessa Valdiglesias e Elena Lendoiro. As deputadas Paula Prado (PP), Olalla Rodil (BNG) e Noa Díaz (PSdeG), manifestaron nas súas intervencións a satisfacción polo acordo acadado.

Así, Paula Prado salientou que Galicia “será a primeira comunidade autónoma que garanta por lei que nas convocatorias de axudas no ámbito da investigación se estableza un factor corrector que permita compensar os períodos de inactividade investigadora e garantir a igualdade de oportunidades”, poñendo o acento en que “a traxectoria profesional e investigadora das mulleres conta con innumerables obstáculos, pero dous moi evidentes nos que é preciso actuar: a conciliación e a maternidade”.

Desde o BNG, que impulsou a tramitación da nova lei, Olalla Rodil recalcou que este acordo sitúa a Galiza á vangarda da igualdade de xénero “nun ámbito que é estratéxico para o desenvolvemento económico, social e humano deste país como é o científico e investigador”. Engadiu Rodil que “Galiza dá un salto adiante enorme e establece por lei a obriga de todos os organismos, públicos ou privados, incluídas as universidades, os centros de investigación e a propia Xunta, de establecer mecanismos correctores nas distintas convocatorias para garantir que o tempo de maternidade e crianza non supoña unha discriminación nos procesos de avaliación”.

Desde o PSdeG, Noa Díaz expuxo que o novo texto incorpora a necesidade de regular a perspectiva de xénero tamén na transferencia de coñecemento, o fomento da creación de cátedras sobre cuestións de xénero nas universidades galegas, ou formación do persoal universitario e investigador en materia de xénero e prevención da violencia machista. Este acordo, dixo Díaz na súa intervención, axudará a “garantir a igualdade de oportunidades en todos os niveis da carreira investigadora, derrubar dende idades temperás os estereotipos que vinculan a ciencia coa masculinidade, ou asegurar procedementos que non penalicen as maternidades”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

GCiencia abre o ciclo de faladoiros "Os mundos científicos de Vigo"

Os relatorios darán comezo o luns no edificio Redeiras cunha charla introdutoria que leva por título 'A divulgación científica en Galicia'

Un estudo feito en Lugo revela que case o 30% dos adolescentes sofren fobia a quedar sen móbil

A investigación USC saca á luz a relación deste medo irracional co consumo de alcol, tabaco e cánnabis

Os linfocitos ‘Natural Killers’: unha alerta contra o cancro de mama máis agresivo

As chamadas células asasinas naturais segregan uns tipos de citoquinas que activan a resposta inmunitaria

Un equipo da UDC analiza con láser a contaminación das pontes de Praga

Unha alumna procedente da República Checa realiza a súa tese na institución galega con vistas a futuros procesos de restauración