Gando cabalar e vacún, nunha paraxe de Asturias. Foto: USC.
Gando cabalar e vacún, nunha paraxe de Asturias. Foto: USC.

Unha tese expón os beneficios do gando vacún e cabalar no monte baixo cantábrico

O enxeñeiro Carlos López presentou na súa investigación como o comportamento de bóvidos e cabalos repercute na sustentabilidade destas zonas

O enxeñeiro Carlos López vén de presentar na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo (USC) unha tese de doutoramento que expón como a presenza de gando vacún e cabalar nas áreas de montes da cornixa cantábrica abundantes en breixos e toxeiras resulta positiva para a sustentabilidade destas superficies. Segundo a investigación, a presenza destes animais reduce e controla a materia leñosa dos breixos e dos toxos, ao tempo que contribúe á diversión de vexetación coa aparición de novas especies florais e vexetais.

A investigación de doutoramento, dirixida por Koldo Osoro e Rafael Celaya, e na que Carlos López contou coa titoría da catedrática do Departamento de Produción Vexetal da USC na EPS de Enxeñaría da USC Rosa Mosquera Losada, trata de estudar as respostas produtivas e o comportamento alimentario do gando cabalar e vacún en superficies de breixo-toxeira e o seu impacto na vexetación, a fin de establecer pautas de manexo acaídas para o desenvolvemento de sistemas sostibles destes grandes herbívoros nestas áreas desfavorecidas.

A tese busca establecer pautas de manexo acaídas para o desenvolvemento de sistemas sostibles destes grandes herbívoros

A avaliación da combinación de diversos biomarcadores moleculares (alcanos, ácidos graxos e alcoholes de cadea longa) presentes na cera epicuticular das plantas para estimar a composición da dieta, a inxestión e súa dixestión son outros dos cometidos que persigue esta investigación de doutoramento elaborada a partir dos resultados obtidos en tres experimentos desenvolvidos na finca do Servicio Rexional de Investigación e Desenvolvemento Agroalimentario de Asturias (Serida) ‘Monte Carbayal’, localizada na Serra de San Isidro (Illano, Asturias), ao abeiro de dous proxectos de investigación que recibiron financiamento do Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria (INIA) e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

Lectura da tese de Carlos López. Fonte: USC.
Lectura da tese de Carlos López. Fonte: USC.

A avaliación da selección da dieta do gando cabalar centrou o primeiro dos experimentos nos que se estrutura a investigación de doutoramento de Carlos López, quen estudou as respostas produtivas e o estado parasitario do gando cabalar, ademais da dinámica vexetal das áreas de matogueira, breixos e toxo nas que pastaban. Outra das experiencias desenvolvidas compara o comportamento de gando cabalar e vacún en distintas situacións de vexetación e tralas que se constata que as eguas pastan máis tempo que as vacas. Nunha terceira fase, este investigador avaliou o uso de alcois de cadea longa, mesturados con alcanos e ácidos graxos como marcadores fecais para estimar a composición e a dixestión da dieta e a inxestión en equinos e vacún alimentados con forraxes procedentes de matogueiras e prados.

O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Carlos López López na EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC estivo presidido pola profesora da área de Bioloxía Vexetal e Ecoloxía da Universidade do País Vasco Arantxa Aldezabal. A docente da Facultade de Medicina Veterinaria da Universidade de Lisboa María Joâo de Sousa Ferreira Martelo Fradinho e o catedrático da USC Antonio Rigueiro, que actuou como secretario, completaron un tribunal que outorgou a máxima cualificación académica a tese desenvolvida por este investigador da EPS de Enxeñaría de Lugo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.