Volve o túnel de Xibraltar que soñou Comerma

O enxeñeiro establecido en Ferrol deseñou unha vía submarina de 19 quilómetros para comunicar Europa e África

Comerma e o seu proxecto de túnel.

Regresa a idea dun túnel baixo do estreito de Xibraltar, que comunique Europa con África. E volve con honores de lei, porque figura no Proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2023, onde se consagran 750.000 euros, por segundo ano consecutivo, para o estudo dun túnel ferroviario que una España e Marrocos. Así o recollen as contas públicas, que sinalan que a transferencia de capital á empresa pública Secegsa “supoñerá o paso definitivo e necesario para estar en disposición de iniciar os procesos de construción da obra”.

A encargada de realizar os estudos de viabilidade dese ambicioso proxecto é a Sociedade Española de Estudos para a Comunicación Fixa a través do Estreito de Xibraltar (Segecsa), adscrita ao Ministerio de Transportes.  Por parte marroquí, os traballos están encomendados á Société Nationale dÉtudes du Détroit de Xibraltar (Sned).

Así que, ben entrado o século XXI, a idea desta vía de comunicación segue en marcha, continuando o soño de pioneiros como o enxeñeiro ferrolán Andrés Comerma, quen hai máis dun século puxo en marcha un proxecto similar, que finalmente tivo que desbotar por mor das presións diplomáticas, especialmente do Reino Unido, onde estivo destinado como diplomático como agregado naval.

O legado máis visible de Comerma na actualidade é o dique da Campá, aínda en funcionamento en Ferrol, pero alén do tanxible, o enxeñeiro de orixe catalán pero establecido en Galicia debullou proxectos sen parangón no seu tempo.

Dique da Campá.

En 1802 Napoleón Bonaparte aprobaba a construción dun túnel para carruaxes de cabalos baixo a Canle da Mancha que uniría Francia e Inglaterra. Con todo, ata 1880 non se iniciaría a construción. Pero poucos anos despois, a presión dos británicos polo temor a unha invasión francesa a través do túnel paralizou as perforacións. Antes de deterse os traballos, Andrés Comerma xa acudira a visitar as obras e foi daquela cando madurou a súa idea de unir o Norte de África coa Península Ibérica desde Ceuta a Tarifa.

O seu túnel tería 19 quilómetros de lonxitude e ata 800 metros de profundidade nalgunhas zonas, pero o Embaixador español en Inglaterra foi o que o convenceu de que retirase o seu proxecto, porque Londres non aceptaría unha obra semellante.

Un dos principais apoios de Comerma no desenvolvemento do proxecto foi Bernardo García, editor do periódico La Discusión, que difundiu o plan entre as autoridades políticas españolas. Debido á boa acollida nun principio, Comerma comezou a traballar no proxecto técnico que incluía dúas bocas de entrada e saída en Tarifa e Ceuta. Algúns dos traballos preliminares do enxeñeiro ferrolán apuntan un investimento duns 300 millóns de pesetas da época.

Pero, finalmente, o enxeñeiro manifestou nunha entrevista con El Correo Gallego que “Inglaterra opoñería o seu veto en canto tivese noticia do propósito”. Ante isto, Comerma desbotou a idea: “Nin a gloria do magno proxecto nin toda a felicidade que puidera agardarme se triunfásemos valen tanto como a tranquilidade de España”, engadindo: “Non me perdonaría ser nunca a causa ocasional dun conflito con Inglaterra, coa que non teríamos medios de loitar. Bote vostede terra ao proxecto como lla boto eu, querido amigo. Morto está e morto queda”, respondeu ao embaixador español.

Luis Puig, bisneto de Andrés Comerma, loubaba a actitude do seu antergo co gallo da celebración do Día da Ciencia en Galicia 2020, cando a Real Academia Galega de Ciencias dedicou ao enxeñeiro a figura de Científico Galego do Ano. “Era claramente un patriota, e iso foi un claro exemplo. Cando el estivo de agregado naval en Londres, xa bulía a idea de unir Inglaterra e Francia a través da canle da Mancha, e tomou nota. Considerou que unha obra semellante entre a península ibérica e África podía supoñer un gran impulso para o seu país. E probablemente, aínda que hoxe siga sen ser realidade, acabarase facendo”.

Porque o certo é que a idea de unir ambos os lados do Estreito leva máis dun século en marcha, aínda que o seu trazado actual provén dunha declaración común de España e Marrocos que data de 1979. Nos orzamentos de 2022 xa se consignou outra partida por esa contía para actualizar o anteproxecto da denominada Ligazón fixa Europa-África no Estreito de Xibraltar. Esa transferencia dispúxose despois da aprobación en abril de 2021 do Plan de Recuperación. Agora, a idea volve aos Orzamentos do Estado para 2023 cunha partida de 750.000 euros para avanzar no proxecto. Así que o vello soño do enxeñeiro ferrolán Andrés Comerma segue en pé.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.