Xoves 18 Abril 2024

Enxeñería solidaria para rachar coa fenda dixital: “Ter acceso á rede é unha necesidade básica”

Estudantes da Escola de Enxeñería da UVigo recompoñen equipos informáticos vellos para facelos funcionais e doalos a persoas que os precisan

Acabar coa obsolescencia tecnolóxica e democratizar o acceso a internet. Esas son dúas das ideas clave que motivaron a un grupo de estudantes de enxeñaría da Universidade de Vigo para crearen unha iniciativa que asocia coñecemento científico e solidaridade. Chámase Banco de Reciclaxe Tecnolóxica e nace ao abeiro da asociación IEEE UVigo Student Branch: un colectivo de estudantes de todas as enxeñarías da Universidade de Vigo que buscan implementar a súa aprendizaxe en proxectos propios ou propostos que abrangan ámbitos multidisciplinarios. Ir máis alá das aulas é xusto o que conseguiron con esta iniciativa coa que rescatan equipos informáticos vellos, renóvanos e logo fan doazóns a asociacións que traballan con persoas en situación de pobreza. “Nestes tempos, ter acceso á rede a través dun equipo dende a túa casa é unha necesidade básica”, explica a GCiencia José Antonio González, un dos membros máis activos do colectivo.

“Nestes tempos, ter acceso á rede a través dun equipo dende a túa casa é unha necesidade básica”

JOSÉ ANTONIO GONZÁLEZ, membro do Banco de Reciclaxe Tecnolóxica

A idea xurdiulle ao propio González mentres traballaba na reparación dun equipo vello ao que lle quería dar unha segunda vida. Coma un reto e un entretemento, “estaba vendo se era quen de arranxalo”. Foi cando atopou, de casualidade, o proxecto de Enxeñería sen Fronteiras de outros estudantes da Universidade da Coruña: “Así que falei con outros compañeiros da facultade e vimos que podiamos replicalo para a cidade”. E así foi. Agora, arredor de medio cento de enxeñeiros e enxeñeiras traballan de xeito desinteresado para conseguir rachar coa fenda dixital. Trátase de fornecer unha distribución máis igualitaria no acceso, no uso e no impacto das tecnoloxías da información e a comunicación entre grupos sociais. Aínda que estes grupos poden definirse en base a criterios de xénero, xeográficos, xeopolíticos ou culturais, neste caso céntranse nunha diferencia de clase e de recursos.

Publicidade

O seu xeito de traballar: o software libre

A forma que teñen de poñer os equipos informáticos a punto é, primeiro, desmontalos e limpiar a fondo os seus compoñentes: “A xente sorprenderíase da de erros que se poderían solucionar só facendo unha limpeza con xeito dos seus equipos”, engade José Antonio González. Unha vez feita esa primeira posta a punto, detectan os compoñentes que poderían estar en mal estado ou totalmente inutilizados: placas base, procesadores, memoria RAM, disco duro, tarxeta gráfica, fonte de alimentación e tarxeta de red. Unha vez substituídas as pezas deficientes e arranxado todo o hardware, chega unha das claves que os diferenza dunha reparación tradicional: aplicar softwares libres.

“A xente sorprenderíase da de erros que se poderían solucionar só facendo unha limpeza con xeito dos seus equipos”

JOSÉ ANTONIO GONZÁLEZ, membro do Banco de Reciclaxe Tecnolóxica

Non é unha decisión calquera. Procuran eficiencia programática, pero tamén ética. Este grupo de enxeñeiros e enxeñeiras son, dalgún xeito, militantes do movemento social e internacional que busca limitar el omnipresente poder de las Big Tech, as empresas coñecidas como xigantes tecnolóxicos. O software convencional é máis pesado e menos maleable e, ademais, a información dos usuarios queda exposta á mercé das empresas que os fabrican e comercializan. En troques, os sistemas de software libre teñen como alicerce o respecto á liberdade dos usuarios e á comunidade. En liñas xerais, significa que os usuarios que os empregan teñen a liberdade de executar, copiar, distribuír, estudar, modificar e mellorar o software. Mais iso non significa que sexan de balde.

Obradoiro do Banco de Reciclaxe Tecnolóxica na UVigo

Tecendo redes solidarias

A excelencia dos resultados do Banco de Reciclaxe Tecnolóxica é innegable. Dende que comezaron a súa actividade na primavera de 2021, xa doaron ducias de equipos a boa parte do tecido asociativo da cidade de Vigo que traballa con persoas en risco de exclusión: Accem, Provivenda ou a Oficina de Dereitos Sociais de Coia son os principais beneficiarios, entre outros. De feito, con esta última asociación están a estudar o xeito de comezar a impartir obradoiros de reperación: “Porque nós somos os que somos e non sempre damos feito todo o que quixeramos. Ademais iso axuda a que a xente sexa autónoma”, apunta José Antonio.

Pero ademais de colaborar man a man con traballadores e educadores sociais da cidade, este colectivo tamén está a tecer rede con asociacións de toda Galicia como Enxeñería Sen Fronteiras, Aberteo, a propia IEEE UVigo, Informática Solidaria e A Industriosa, que lles cedeu un espazo no centro de Vigo para poder almacenar os equipos e reparalos sen ter que se desplazaren ata o Campus da UVigo. Alí, con todo, é onde teñen o seu principal espazo, cedido pola Escola de Enxeñaría de Telecomunicación: “Alí sempre nos deron un grande apoio que queremos remarcar e sen o que sería imposible a xestión de todo o que facemos”, matiza González.

Nós encargámonos da parte máis técnica e, ademais, dámoslle unha serie de obradoiros ás familias receptoras dos equipos para que aprendan a usar estar ferramentas básicas. Por outra banda, as oenegués de carácter social coas que colaboramos encárganse da parte máis social, analizando as necesidades das familias en risco de exclusión coas que colaboran e poñéndonos en contacto con elas para que podamos facerlles chegar os equipos informáticos e explicarlles o funcionamento das ferramentas básicas mencionadas anteriormente”, apuntan dende o Banco de Reciclaxe Tecnolóxica.

Integrantes de tódalas asociacións que forman esta rede solidaria

Como colaborar coa asociación?

A idea é que o proxecto dos Bancos de Reciclaxe Electrónica de Galicia sexa un proxecto a longo prazo, explican, ampliando pouco a pouco tanto as oenegués coas que colaboran como os lugares nos que están presentes. Para isto precisan seguir contando con equipos informáticos que arranxar, persoas que os arranxen e espazos onde arranxalos, ademais do apoio das oenegués para canalizar os ordenadores cara ás familias que os precisan.

As persoas que queiran colaborar, xa sexa con material que doar ou simplemente informarse máis, poden poñerse en contacto co seu Banco de Reciclaxe máis próximo. “Que o feito de non ter experiencia neste ámbito non sexa un impedimento, axudarémoslle durante o proceso de aprendizaxe. A tarefa que levamos a cabo implica unha elevada carga de traballo e unha gran dedicación de tempo, pero a satisfacción de estar a realizar un bo labor e axudar a quen máis o precisa compensa todo este esforzo”, rematan dende o colectivo.


Se queres doar equipos ao Banco de Reciclaxe Tecnolóxica podes facelo a través da seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204

Un potente anticiclón adianta o verán en Galicia con temperaturas por enriba dos 31 graos

As altas presións situadas sobre Francia están bloqueando a chegada de borrascas e atraendo aire cálido ao norte da península

Unha trintena de casos de dengue en Portugal: debemos preocuparnos en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade infecciosa, detectouse por primeira vez no territorio galego no verán de 2023