O `Principatus´ galego, reis antes do Reino
Por Víctor López
Na antiga Gallaecia, moito antes do reino medieval de Galicia, documéntase unha institución que compartía claras pegadas do que podemos chamar “realeza”. O nome latino era principatus, pero temos que asocialo dentro da linguaxe culta actual e da antropoloxía cunha xefatura, cuxo nome aparece en varias inscricións da época romana, aludindo, con todo, a unha bagaxe cultural autóctona, o castrexo. O principatus constituiría un exemplo de realización rexional.
O principatus afástase do universo institucional da realeza cristiá medieval, contrapoñéndose en cambio a un contexto pagán, indoeuropeo, que faría referencia a unha etapa de liderado tribal previa á formación do Estado, da que existen numerosos testemuños antigos paralelos.
Martín Fernández Calo, doutor pola Universidade de Santiago de Compostela coa tese Xenealoxía do poder local galaico na Antigüidade, explica o liderado que esconde este principatus. “Exercían de líderes dunha tribo escasamente organizada e seguramente moi pouco xerarquizada, estratificada e asociada ao rural con xente que vivía nos castros. Esas xefaturas organizaban cerimonias comunitarias e algún tipo de asambleas, das cales temos indicios materiais da época. Entendo que serían xefaturas de moi pouco poder tal e como os antropólogos as definen, xefaturas simples”.
Este tipo de xefaturas chegou a habelas en todas as tribos de Galicia nalgún momento determinado, pero no momento no que xa aparece a documentación, están rexistradas como dúas familias: os cóporos e os albións. Estas son dúas tribos que xurdiron no norte da Gallaecia, os albións na actual Asturias e os cóporos na zona de Santiago e do Deza, no centro de Galicia.
Dúas tribos xurdiron no norte da Gallaecia: os albións, na actual Asturias, e os cóporos, na zona de Santiago e do Deza, no centro de Galicia
A romanización dos galaicos
Nesta época esta organización tribal xa estaba sendo arrecantada por novas formas institucionais que viñan sobre todo de influencia mediterránea, unha vez que os conquistan os romanos xa con influencia netamente romana. Isto fixo que estes pobos transitasen de organización tribal a estruturas de tipo civil e a adoptar lexislacións e estatutos que chegaban de fóra e “sobre todo a instaurar unha organización de carácter republicano, no que as elites que se ían desenvolvendo, ían tendo máis poder e acumulando capital, polo que tamén quixeron ter o goberno. Decidían dividir ese goberno entre a oligarquía e crear o que é a república antiga, con maxistrados, logo curias, consellos deliberativos… deste xeito foron afastando do poder ás antigas xefaturas tribais”, apunta Fernández Calo.
Os xeógrafos romanos como Plinio o Vello, citan nas súas obras moitos nomes de tribos galaicas. Aínda que a evolución política da Gallaecia romana, co fortalecemento do estado, foi prexudicial para as estruturas tribais anteriores e os seus cacicados, numerosos indicios literarios e arqueolóxicos da época tardoantiga e medieval suxiren a súa supervivencia marxinal en certas áreas. Así, explóranse algúns destes indicadores, que poden enriquecer a perspectiva das orixes do Reino medieval de Galicia: un estado de dereito propio construído sobre un poder local xurídica e organizativamente máis rico e diverso do que se adoita concibir, que aínda debía a súa estrutura as antigas estruturas tribais galegas e as súas sedes.
Roma ofreceu aos pobos galaicos a posibilidade de ser repúblicas libres dentro do Imperio
Cada pobo galaico era entón unha confederación de castros aínda na etapa romana inicial, pero logo, xa sendo sometidos por Roma, vanlles dar oportunidade de municipalarse e facerse romanos, ou sexa, de ser repúblicas libres dentro do Imperio romano. É moi probable que todos acabasen tendendo a constituírse como municipios ou que as súas elites fosen cooptadas a municipios xa preexistentes, de maneira que este réxime municipal vai abarcalo todo. Os castros comezaron a ser abandonados a partir do século I e resulta moi pouco probable que se mantivese esta organización primixenia. “O que sucede é que ao longo da tardoantigüidade os castros se volven a reocupar e hai unha serie de indicios que nos fan pensar que se reedita a organización tribal, pero sempre dunha forma xa máis marxinal”, conclúe o profesor de historia.
Raíñas lexendarias
As figuras representativas desta época eran, para empezar, os príncipes, pero tamén temos raíñas lexendarias, como a raíña Lupa, ou reis como Dumio ou o rei Brigo. En todas as lendas medievais sobre reis antigos falan de Hércules, Xerión… pero son todo figuras lexendarias. E por suposto, Breogán nas tradicións irlandesas, pero xa non é unha tradición galega en si mesma.