*Un artigo de

Descubriuse o primeiro fármaco capaz de retardar o ritmo de deterioración dos enfermos de Alzheimer. O fármaco experimental, chamado lecanemab, é un anticorpo que se dirixe aos cúmulos tóxicos da proteína amiloide asociada a esta enfermidade que perturba a mente. A pesar de que os resultados son motivo de celebración, aínda existen importantes interrogantes sobre a súa seguridade e posta en marcha.

Os resultados completos do ensaio de fase 3 do fármaco lecanemab (a fase final das probas en humanos) publicáronse no New England Journal of Medicine. O ensaio evidenciou que os pacientes que recibiron o fármaco tiveron unha progresión da enfermidade un 27% máis lenta, tras 18 meses de tratamento, que os que recibiron un placebo.

Son boas novas. Por primeira vez hai un tratamento potencial que ten un efecto demostrado tanto nos síntomas como na patoloxía subxacente á enfermidade de Alzheimer. Estes resultados supoñen un gran avance na procura de tratamentos para esta devastadora enfermidade e son un importante indicio de que se pode alterar o curso da enfermidade.

Pero os resultados pintan un panorama contraditorio. Por unha banda, trátase do primeiro fármaco que demostrou ter algún efecto na retardación da progresión da enfermidade. Por outra banda, os efectos aparentes son leves e os riscos non son desdeñables.

Desenvolvemento do estudo

No ensaio global participaron unhas 1.800 persoas con Alzheimer en fase inicial. Os participantes foron asignados, aleatoriamente, a recibir lecanemab ou placebo por vía intravenosa cada dúas semanas. O estudo foi “dobremente cego”, é dicir, até o final do ensaio nin os participantes nin os investigadores sabían quen recibía o fármaco experimental e quen o placebo.

Ao longo do estudo, seguiuse a evolución da enfermidade dos participantes mediante a escala de cualificación da demencia clínica, que puntúa ao paciente en función da súa cognición e a súa capacidade para vivir de forma independente. Tamén se analizaron os cerebros dos participantes en busca das dúas proteínas comunmente asociadas á enfermidade de Alzheimer: amiloide e tau.

As puntuacións en ambos grupos empeoraron durante os 18 meses do estudo, pero o ritmo de deterioración foi máis lento nos que recibiron o lecanemab. Ademais, a magnitude da retardación, aínda que estatisticamente significativa (non é probable que se deba ao azar), foi pequena: unha redución de 0,45 nunha escala de 18 puntos.

A algúns expertos preocúpalles que este efecto non sexa clinicamente significativo. Nunha declaración ao Science Media Centre, Rob Howard, profesor de psiquiatría da terceira idade no UCL, dixo que “ningún dos resultados comunicados, incluído o resultado primario, alcanzou niveis de mellora aceptados para constituír un efecto do tratamento clinicamente significativo”.

O éxito de lecanemab tamén se mediu pola cantidade de proteínas amiloides e tau nos pacientes que recibiron o fármaco experimental en comparación cos que recibiron a infusión de placebo. Os resultados mostraron unha redución destas proteínas nos que recibiron lecanemab.

De feito, os niveis de amiloide cerebral reducíronse por debaixo do limiar necesario para un diagnóstico positivo de Alzheimer. Con todo, os marcadores de morte das células cerebrais non se viron afectados, o que indica que o amiloide na enfermidade de Alzheimer é só un mecanismo nun complicado panorama da enfermidade.

Efectos secundarios

Aproximadamente, un de cada catro participantes (26,6%) do grupo de lecanemab experimentou unha inflamación cerebral ou unha hemorraxia no cerebro (que pode ser leve ou importante). STAT, un sitio web de noticias médicas, informou de que un home morreu dunha hemorraxia cerebral despois de recibir lecanemab, citando unha posible interacción coa súa medicación anticoagulante.

Pouco despois, a revista Science informou dunha segunda morte dun paciente do ensaio, tamén tras recibir o tratamento para un derrame cerebral. Con todo, o responsable do fármaco, Eisa, declarou a Science: “Toda a información de seguridade dispoñible indica que o tratamento con lecanemab non se asocia a un maior risco de morte en xeral nin por ningunha causa específica”.

Non obstante, debido á posibilidade de que os pacientes tomen o fármaco durante o resto da súa vida, é necesario investigar máis sobre a seguridade e as interaccións cos medicamentos existentes.

Tamén é importante pescudar canto duran as melloras na cognición e se o fármaco segue retardando o ritmo de deterioración ou se os resultados se estabilizan, ou mesmo diminúen.

Cabe sinalar que só os pacientes nos que se detectou un nivel suficiente de amiloide no cerebro ou no líquido cefalorraquídeo, o que require un escáner cerebral PET ou unha punción lumbar invasiva, puideron participar neste ensaio de fase 3. No Reino Unido, o Alzheimer diagnostícase a día de hoxe mediante unha entrevista cun médico. A doutora Susan Kohlhaas, directora de investigación do Alzheimer no Reino Unido, afirma que o sistema sanitario público non está preparado para unha nova era de tratamento da demencia.

Reestruturar os servizos de demencia do sistema sanitario británico para ofrecer escáneres PET ou puncións lumbares de forma rutineira e oportuna sería un proceso custoso e longo.

Baseándose nos resultados anteriores, Eisai solicitou ao organismo regulador de medicamentos de EE.UU., á Administración de Alimentos e Medicamentos, a aprobación acelerada do seu medicamento. Espérase unha decisión para o 6 de xaneiro de 2023. Se o regulador concede a aprobación de urxencia, estes últimos resultados probablemente apoiarán unha solicitude de aprobación completa.


Ritchie Williamson* Director de Investigación e Profesor Asociado en Terapéutica, Universidade de Bradford.

Stuart Dickens* Asistente de investigación posdoutoral, Universidade de Bradford.

Cláusula de Divulgación: As persoas asinantes non son asalariadas, nin consultoras, nin posúen accións, nin reciben financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declararon carecer de vínculos relevantes máis aló do cargo académico citado anteriormente.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.