Arrecifes artificiais para protexer os ecosistemas mariños na costa galega

Un proxecto de enxeñeiros da UDC prevé instalar estas estruturas nas rías de Ares e Ferrol, no marco dunha colaboración coa Xunta de Galicia

Un equipo de enxeñeiros da Universidade da Coruña desenvolve desde o Centro de Investigacións Tecnolóxicas do Campus Industrial de Ferrol un proxecto para construír arrecifes artificiais adaptado á xeomorfoloxía dos fondos mariños galegos. Unha das claves deste proxecto, cuxa mellora do deseño está a ser financiada por unha colaboración entre a UDC e a Xunta de Galicia, é a aposta pola economía circular. As investigacións realizadas ata o momento expoñen os beneficios dos arrecifes artificiais construídos, en boa parte, por materia orgánica procedente da industria conserveira, como cunchas de mexillón, ou fibras vexetais de eucalipto, que substitúen aos armazóns de cemento, area e metal nestas estruturas.

O proxecto de investigación está dirixido polo profesor Luis Carral, profesor do Departamento de Enxeñaría Naval e Industrial e coordinador do Grupo Integrado de Ingeniería (GII) da universidade coruñesa, e conta coa participación doutros 16 investigadores. Este martes, os responsables da iniciativa recibiron a visita das conselleiras do Mar, Rosa Quintana, e de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, xunto ao reitor da UDC, Julio Abalde, a vicerreitora do Campus de Ferrol, María Jesús Movilla, e outras autoridades, como o presidente da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao, Indalecio Seijo.

Publicidade

Na súa intervención Abalde salientou a colaboración entre as dúas consellerías e a Universidade ao tempo que puxo en valor o traballo realizado por un equipo multidisciplinar de investigadores vinculados, maioritariamente, ao Campus Industrial de Ferrol. Do mesmo xeito, indicou que o deseño deste arrecife é un claro exemplo de economía circular e que, nun futuro, permitirá recuperar a fauna e a flora das rías galegas. De feito, segundo avanzou o investigador principal, esta investigación validarase agora coa instalación dos arrecifes artificiais nos fondos areosos das rías de Ares e Betanzos, pero podería estenderse a toda a costa galega.

Segundo destacou a Xunta despois da visita, “grazas a esta colaboración Galicia avanza en cuestións de deseño dos arrecifes artificiais como as relacionadas co seu emprazamento e tamén coa resistencia dos materiais e a loxística”. Así, engadiron, “cos traballos realizados no marco desta colaboración tamén se promove a sustentabilidade dos compoñentes da estrutura e dos procesos, pois, por unha banda, algúns materiais empregados son froito do aproveitamento de restos que resultan do procesado da industria conserveira. Por outra banda, os labores efectuados contribúen a unha maior eficiencia enerxética na creación de arrecifes artificiais, pois inclúen a proposta de solucións e tecnoloxías para acadar este obxectivo”.

Publicidade

Na visita, os investigadores fixeron unha demostración de remolque do módulo de arrecife na que se puido comprobar o seu comportamento hidrodinámico á hora de canalizar e distribuír os nutrientes ás cavidades niño do arrecife.

A conselleira do Mar puxo de relevo o valor dos arrecifes na protección e crecemento das especies mariñas, pois estas estruturas, sinalou, funcionan como refuxio de distintos recursos mariños. Pola súa parte, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda aproveitou esta presentación para recordar que Galicia avanza xa na senda de mudar do modelo produtivo lineal, baseado en usar e tirar, ao circular, onde se prima a reutilización, reciclaxe e a recuperación.

As responsables das consellerías salientaron que a iniciativa “é un claro exemplo de economía circular, non só polo feito de repensalo e apostar por un deseño ecolóxico, co fin de reducir os posibles impactos das distintas fases de produción; senón tamén por optar pola reutilización de materiais inertes ligados ao mundo mariño que deixan de ser un refugallo para ter unha segunda vida como unha nova materia prima sustentable”.

Neste sentido, Rosa Quintana e Ángeles Vázquez recoñeceron a valía destes traballos que son froito da suma de esforzos entre a Administración e a investigación en beneficio da mellora do medio ambiente mariño. A maiores, puxeron de relevo a importancia de visitas coma esta, xa que axudan a coñecer máis de preto o potencial investigador das universidades galegas e a difundir o valor do traballo dos seus profesionais.

A finais de 2020, un artigo publicado por este equipo enxeñeiros da UDC no International Journal of Environmental Research and Public Health expoñía os beneficios destes arrecifes baseados en materiais orgánicos. Concluían, entre outras claves, que a maior presenza de cunchas mariñas fronte ao cemento nestas estruturas contribuía ao desenvolvemento sustentable nestas áreas. Ao mesmo tempo, destacábase o grande interese destas construcións para Galicia, a rexión cunha das industrias conserveiras máis importantes do mundo, para xestionar o gran volume de residuos xerados cada ano. Recentemente, outros traballos abordaron aspectos como a hidrodinámica ou as emisións e consumo de enerxía derivados da instalación destes arrecifes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como afrontar a posmenopausa: “O exercicio é a chave de ouro para protexernos”

O proxecto CARE da Universidade da Coruña emprega o adestramento de forza para mellorar a saúde cardiovascular nesta etapa vital

A verdadeira identidade do lobo cerval das lendas galegas: a UDC identifica restos do extinto lince boreal

Unha investigación arqueolóxica atopa nunha sima dos Picos de Europa un esqueleto case completo da especie, datado en 210 anos de antigüidade

Como detectar contaminantes na auga a través de materiais 3D: así é a solución da UDC

Investigadoras do CITENI desenvolven estruturas poliméricas que reteñen substancias nocivas e avalian a calidade do medio acuático

De histeria a psicofármacos: un estudo galego revela os nesgos de xénero que persisten nas consultas médicas

Unha revisión bibliográfica liderada dende a UDC demostra que, ante os mesmos síntomas, elas tenden a ser máis cuestionadas e diagnosticadas sen probas complementarias