Un equipo da USC descobre como o ébola evade o sistema inmune

O grupo Virus and Cancer do CiMUS toma parte nun traballo que demostra como unha proteína do virus dana as células e posibilita a replicación viral

Membros do grupo
Membros do grupo "Virus and Cancer" do CiMUS, dirixido por Carmen Rivas (centro), xunto a Adolfo García Sastre, á súa dereita. Foto: CiMUS.

A revista mBio publica este martes un relevante traballo no que participa o grupo Virus and Cancer do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), dirixido por Carmen Rivas, no que se describen os complexos mecanismos moleculares que poderían axudar a explicar a elevada patoxenicidade do virus do ébola nos seres humanos, así como as posibles vías de tratamento e prevención. O traballo ten como autores principais a Rivas e a Adolfo García Sastre, recoñecido microbiólogo da Icahn School of Medicine do Hospital Mount Sinai de Nova York.

No artigo, o equipo mostra como unha proteína do ébola, coñecida como VP24, interactúa cos compoñentes da membrana que rodea o núcleo celular —coñecida como envolta nuclear— provocando un dano significativo ás células e posibilitando a replicación do virus e a progresión da enfermidade.

Santiago Vidal, primeiro autor do artigo. Foto: CiMUS.
Santiago Vidal, primeiro autor do artigo. Foto: CiMUS.

“O virus do ébola é extremadamente hábil para esquivar as defensas antivirais do organismo e no noso estudo caracterizamos un mecanismo a través do cal esta evasión ocorre: a ruptura da envolta nuclear pola proteína VP24 do virus”, explica o investigador do CiMUS Santiago Vidal, primeiro autor do texto. “Esa rotura é bastante dramática e replica enfermidades xenéticas raras coñecidas como laminopatías, que poden derivar en graves complicacións musculares, cardiovasculares e neuronais”, engade.

Un virus letal e moi patoxénico

Tras aparecer por primeira vez en 1976 en África, o virus do ébola asociouse a importantes gromos de febre hemorráxica no continente. O máis grave produciuse entre 2014 e 2016 en África Occidental, cunha taxa de mortalidade do 50%. O virus transmítese ás persoas a partir de animais salvaxes e propágase nas poboacións humanas por transmisión de persoa a persoa.

No traballo de laboratorio, os científicos identificaron os compoñentes da membrana nuclear cos que interactúa a VP24 para provocar a ruptura da mesma. Estes compoñentes son a emerina e os constituíntes da membrana interna, lamina A/C e lamina B. Especificamente, a proteína VP24 diminúe a interacción entre lamina A/ C e emerina, o que compromete a integridade da envolta nuclear.

Isto, á súa vez, explican desde o CiMUS, provoca a saída do ADN nuclear cara ao citoplasma e a perda de función das células que combaten a enfermidade. Os investigadores demostraron ademais que VP24 interrompe as vías de sinalización que están destinadas a activar o sistema inmune encargado de loitar contra invasores virais como o ébola. A consecuencia biolóxica desta modulación é unha interferencia aínda maior coa fisioloxía normal das células, incluída a inmunidade antiviral.

“Cremos que o noso descubrimento das novas actividades da proteína VP24 do virus do ébola e o dano severo que causa ás células infectadas, axudará a promover máis investigacións sobre formas efectivas de tratar e previr a propagación de virus mortais, quizais a través dun novo inhibidor”, asegura a investigadora Carmen Rivas. “De feito, é de esperar que esas investigacións consigan identificar con maior precisión os mecanismos moleculares mediante os cales virus como o do ébola invaden o corpo e atopan formas sofisticadas de evitar o sistema inmune”, conclúe.

O traballo desenvolveuse en colaboración con socios da Escola de Medicina Monte Sinai,  do Instituto Bernhard Nocht de Medicina Tropical en Hamburgo, Alemaña; a Universidade San Luis en Misuri, así como investigadores do Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares (CNIC) e da Universidade de Liverpool.


Referencia: Expression of the Ebola Virus VP24 Protein Compromises the Integrity of the Nuclear Envelope and Induces a Laminopathy-Like Cellular Phenotype (Publicado en mBIO).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.