Sábado 20 Abril 2024

Nova xeira de escavacións no singular Castelo de Portomeiro

Entre o 12 e o 23 de xullo analizaranse máis zonas e abrirase a porta á formación e divulgación sobre o enclave, situado no Val do Dubra

Despois da primeira campaña de estudos realizada en xuño do ano pasado, un equipo de investigadoras do grupo Síncrisis da USC, en colaboración coa empresa ‘Tempos Arqueólogos’, abordarán nos vindeiros días novas prospeccións no Castelo de Portomeiro, unha construción altomedieval situada preto do río Tambre e da aldea do mesmo nome, no concello de Val do Dubra, e que podería achegar luz sobre unha época na que as edificacións se situaban nun punto intermedio entre os castros prerromanos e os castelos da Idade Media.

Na anterior quenda de traballos escaváronse uns 50 metros cadrados de superficie e realizáronse varias sondaxes, que amosaron a presenza de estruturas de interese. Agora, entre os días 12 e 23 de xullo, ampliaranse as zonas intervidas e consolidarase completamente un dos edificios e escavaranse parcialmente outros tres, para “facer do xacemento un lugar visitábel e de interese na comarca, unha reclamación da asociación Larada, propietaria do Castelo”, explica Mario Fernández-Pereiro, investigador do grupo Síncrisis e director da intervención. A entidade veciñal adquiriu os terreos para protexer e divulgar o patrimonio de Portomeiro.

Publicidade

As escavacións de 2020 descubriron, do mesmo xeito, materiais arqueolóxicos entre os que destaca unha importante cantidade de cerámica que se pode adscribir á epoca altomedieval, cun tipo de materiais ata agora escasamente documentados en Galicia. Estes achados, xunto á caracterización das construcións, poden axudar a mellorar a comprensión dunha época relativamente descoñecida da historia de Galicia. Nos estudos analizouse tamén a porta dunha muralla, un dos poucos exemplos que se conserva en tan bo estado nestas construcións en Galicia.

“Temos documentado en toda Galiza que, en relación ca fin do Imperio Romano, aparecen multitude de fortificacións, nun fenómeno similar aos castros prehistóricos” explicaba a GCiencia Mario Fernández Pereiro en xuño de 2020. Aquí é onde se pode situar o Castelo de Portomeiro, segundo os investigadores. Porén, a escasa presenza de mencións a este período convérteno nunha etapa pouco estudada. “Hai algúns documentos, como as crónicas do bispo Hidacio de Chaves, que apuntan a que parte da aristocracia galaico-romana constrúe estas fortificacións, reocupando castros prehistóricos, para ter unha posición de poder no territorio”, expoñía Mario Fernández.

A nova prospección en Portomeiro está financiada polo proxecto “Arqueoloxía tardoantiga e medieval en Galicia” da Universidade de Santiago de Compostela, dirixido polo profesor José Carlos Sánchez Pardo, e enmárcase tamén na iniciativa Castelos no aire; as fortalezas como símbolo do poder aristocrático na Gallaecia (400-600e.c.), financiada polas bolsas de investigación da Deputación da Coruña.

Formación e divulgación

Igual que no ano pasado, a campaña no Castelo estará ‘aberta por escavación’, facendo posíbel a calquera achegarse ao xacemento durante os traballos e recibir unha explicación por parte do equipo. Ademais, como novidade, estará presente un grupo de estudantes do grao de Historia da USC.

Durante estas dúas semanas, a equipa de ‘Castelos no Aire’, dirixida por Jose Carlos Sánchez Pardo e Mario Fernández-Pereiro, procurará ampliar os datos coñecidos sobre este interesante castelo altomedieval e, ao mesmo tempo, formar a novas fornadas de arqueólogas. “Consideramos moi interesante non só a intervención e os novos datos a obter sobre a Alta Idade Media neste territorio, senón tamén a formación práctica de estudantes do grao de Historia no traballo arqueolóxico”, comenta Sánchez Pardo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

GCiencia lanza un proxecto audiovisual para divulgar a historia do Reino de Galicia

A iniciativa, seleccionada pola área de Cultura da Deputación da Coruña, ofrecerá contidos escritos e audiovisuais en YouTube e TikTok

O futuro do río Anllóns: sensorizado e sen flora invasora

A Deputación de Coruña prevé a boa conservación da súa contorna co control e análise da súas augas e a eliminación de especies impropias da zona

A Vía Verde de Compostela recupera o pasado das estacións ferroviariais

A Deputación de Coruña impulsa a recuperación do patrimonio industrial espallado ao longo da ruta a través da realidade virtual

Fogóns de Anllóns: unha marca propia coa gastronomía local en primeira liña

A Deputación da Coruña pretende potenciar a cociña propia a través dun selo para os restaurantes dos concellos que percorre o río