Venres 26 Abril 2024

Ponte do Burgo: un emblema de Pontevedra devolto ás persoas

A ponte que unía a Pontevedra co norte de Galicia xa era unha ponte antiga na Idade Media. Así se explica o topónimo (Pontem veteram; Ponte vella), que aparece nos documentos latinos dos séculos XII e XIII. Esta ponte foi o fío que, cruzando as augas do Lérez, comunicaba a vila co resto do país a través da Vía XIX da época romana, primeiro, e a través da ruta xacobea a Compostela, máis tarde. Así o demostran os achados arqueolóxicos, como o miliario de Hadriano localizado na cabeceira sur da actual Ponte do Burgo. Non é de estrañar que hoxe sexa parte do escudo do Concello. Un emblema ao longo do tempo, e que agora está a piques de iniciar una nova etapa cargada de futuro. Unha reforma que comezará en breve converterá o viaduto nunha pasarela peonil de plataforma única e realzará o seu valor monumental.

A historia da Ponte do Burgo

Non se sabe con certeza onde estaba a ponte que comunicaba a Turoqua, a precursora de Pontevedra, unha pequena ‘mansio’ da época romana, co resto da Gallaecia a través da Vía XIX. Esta ruta, que unía Bracara Augusta (Braga), Lucus Augusti (Lugo) e Asturica Augusta (Astorga), tiña en Turoqua un importante foco comercial, como demostran, segundo os arqueólogos, os materiais que se atoparon en castros da comarca pontevedresa.

Publicidade

Acuarela realizada por Pier María Baldi, que amosa a relevancia da Ponte do Burgo na Pontevedra do século XVII.
Acuarela realizada por Pier María Baldi, que amosa a relevancia da Ponte do Burgo na Pontevedra do século XVII.

Coa caída do imperio romano, o asentamento esmoreceu, e non se recuperou ata varios séculos despois. No século XII fúndase Pontevedra, e con este acontecemento comezan a existir referencias sobre a ‘Boa Vila’. E no século XV chegou a converterse na maior vila do país, por diante de Compostela.

Xa máis tarde, a ponte aparece en documentos que son moi importantes para valorar a súa relevancia na cidade. Está, por exemplo nos minuciosos mapas de Pedro Teixeira, de 1634, e nas acuarelas case fotográficas que Pier María Baldi fixo na súa visita a Pontevedra con Cosme de Médici no 1669. Nestes debuxos, obsérvase o ‘casteliño‘ que daba a benvida aos visitantes na beira norte, no barrio do Burgo. E na outra beira, xa ás portas da cidade, a muralla, o cárcere e, xusto detrás, todo o núcleo urbano.

Así foi mudando a Ponte do Burgo. Fonte: burgo.pontevedra.gal.
Así foi mudando a Ponte do Burgo. Fonte: burgo.pontevedra.gal.

Co tempo, a muralla que rodeaba a cidade vai medrando e mudando debido ao crecemento da poboación. E na porta da Ponte, a máis próxima ao viaducto do Burgo, vanse sucedendo os cambios. Diversos edificios, como o presidio (de aí que esta porta da muralla tamén fose chamada a da Cadea) ou o mercado de abastos situáronse no seu tempo xunto ao cabeceiro sur da ponte.

Así, desde o século XII, a Ponte do Burgo foi experimentando cambios da man da vila. Dos apenas tres metros de ancho do século XV foise ampliando ata as os máis de 11 que ten hoxe en día, o que obrigou a reforzar a súa estrutura.

A última gran reforma, en 1954, deixou un aspecto moi semellante ao actual. Nos anos 80, unha plataforma destinada a ampliar os carrís de circulación para os vehículos tapou un dos 11 arcos que persistían. Todos estes acontecementos tivéronse en conta para proxectar a remodelación que, nos vindeiros anos, daralle un novo sentido á emblemática ponte.

A nova reforma da ponte do Burgo

Dentro do proxecto de mobilidade deseñado polo actual goberno local, decidiuse acometer unha obra que devolverá a ponte á súa esencia. Coa construción dos outros viadutos sobre o Lérez, O Burgo foi perdendo relevancia no tráfico a motor. Deste xeito, a reforma proxectada converterá aos peóns e, por engadido, aos cidadáns, nos protagonistas do histórico camiño de entrada e saída a Pontevedra.

Unha das principais modificacións vai ser a do pavimento. Haberá unha plataforma única, sen barreiras arquitectónicas, xa que desaparecerán as beirarrúas. E a actual varanda substituirase por outra estrutura metálica, contemporánea e que incorpora as últimas tecnoloxías. Pero o proxecto tamén se estende ao entorno do viaduto. Na beira norte, xunto ao barrio do Burgo, substituirase a rotonda por unha praza que irá incorporando un espazo arborado. Esta actuación ten por obxectivo que o lugar poida acoller actividades públicas e, ao mesmo tempo, integrar o Burgo no Camiño de Santiago para despedir aos peregrinos.

Pero a gran protagonista da reforma será a iluminación. Numerosos puntos de luz sementados no mesmo pavimento e nas fachadas da ponte poñerán ao Burgo á altura da súa importancia na historia da cidade. Ata agora, a iluminación non permitía que o viaduto puidese ser contemplado durante a noite. Alén disto, a instalación tamén contempla a posibilidade de que as cores poidan mudar para conmemorar determinadas datas ou eventos.

O proxecto, que xa está en fase de contratación, marcará un antes e un despois na idea de cidade que ten Pontevedra. Os cidadáns, tanto veciños como visitantes, poderán camiñar e gozar de novo, con liberdade, dun camiño con séculos e séculos de historia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As covas do Monte Pindo, o refuxio dos disidentes durante a represión franquista

Un proxecto galego recupera a memoria dos fuxitivos da Guerra Civil na Costa da Morte a través de 12 pezas documentais
00:03:05

R de Revolta: o autogoberno irmandiño de “todos á unha”

Entre 1467 e 1469 a rebelión do poder popular arremeteu contra as fortalezas do Reino, o símbolo material da violencia dos señores
00:03:30

I de ‘Inventio’: como o descubrimento da tumba do Apóstolo fixo marca Galicia

A partir do século IX Santiago de Compostela converteuse nun centro europeo económico e relixioso clave pola peregrinación xacobea

A pegada dos deuses prerrománicos nos topónimos de Galicia

O estudo das inscricións de seis aras votivas no noroeste peninsular axudan a entender a mobilidade xeográfica e o culto ás deidades