A detección dun posible caso de sarampelo en Galicia, no Barco de Valdeorras no mes de abril esperta de novo a preocupación sobre a doenza. Con todo, non hai constancia de máis afectados, e as autoridades sanitarias poñen o foco na necesidade de manter a cobertura vacinal na cidadanía para evitar percances maiores. O médico José Manuel Suárez Lorenzo traballa no servizo de Medicina Preventiva no Hospital Comarcal de Valdeorras e incide que, a pesar do posible positivo detectado na comarca, “a cobertura en Galicia e España é moi alta” e non hai motivos para a preocupación.
– Deberiamos polo sarampelo en Galicia tras este positivo?
– Por suposto que non. En Galicia e España non hai motivos para a preocupación polo sarampelo. O que si é certo é que en Europa e outros países a situación estase complicando nos últimos anos, pero aquí seguimos cunhas coberturas de vacinación moi boas. A triple vírica (sarampelo, rubéola e parotidite) tena case o 98% da poboación, e na segunda dose a cobertura é algo menor, pero igualmente boa, e por riba das porcentaxes do 95% que aseguran a inmunidade de grupo. Si é certo que hai uns anos, a OMS estaba a piques de establecela como erradicada, pero as cifras aínda non son tan optimistas.
– Por que pasa isto?
– Hai que explicar que as taxas de infección en Europa estanse incrementando, nalgúns casos elevadas, como en Israel, Francia ou Italia. Respecto a isto, España é un dos países con menos casos novos e taxas máis baixas.
E este aumento débese a dúas razóns principais: que a cobertura vacinal segue sendo baixa nalgúns países e, por outra banda, a que os movementos antivacinas están fomentando que as familias non vacinen aos seus fillos.
Tamén hai que destacar que, moitas veces, os casos que aparecen non son autóctonos, senón que son importados destes países con maiores taxas. E por iso insisto que non hai que xerar unha alarma, as coberturas son boas.
Detectado un posible caso de sarampelo no Barco de Valdeorras
– Insístese moito na inmunidade de grupo; por que non se pode vacinar todo o mundo?
– A vacina é algo vivo, e por iso ten unha serie de contraindicacións para un pequeno sector da poboación, sobre todo en persoas con problemas inmunes. A estas persoas só as pode protexer a inmunidade de grupo; é dicir, que a enfermidade non circule grazas a que o resto da xente estea inmunizada.
Nisto apóianse ás veces os movementos antivacinas: din que non se contaxian aínda que non se vacinen, cando o que os salva é a inmunidade de grupo.
A bolsa de susceptibles afectados é moi pequena; os máis novos xa están vacinados, e os maiores, moitos deles xa a pasaron na infancia
– A persoa afectada no Barco naceu no ano 1982. Que pasa cos adultos que non recibiron a súa vacina na infancia?
– Unha das últimas enquisas sobre seroloxía feitas en Galicia amosaba que ata os 40 anos, un 98% das persoas estaban protexidas. Pero a partir desa idade as porcentaxes baixaban. Antes pasábase na infancia, e logo xa chegou a vacina, a finais dos anos 70. Pouco despois veu a triple vírica.
Por tanto, a bolsa de susceptibles afectados que podemos ter na zona é moi pequena. Os máis novos xa están vacinados, e os maiores, moitos deles xa a pasaron na infancia.