En 2018, despois de varios anos de parón pola falta de financiamento, a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma), reanudou a súa campaña de embarques para avistar cetáceos na plataforma continental galega e recoller así información sobre a súa situación. A idea xurdiu de novo, e enfocada cara aos embarques participativos, nos que poden tomar parte, alén dos asociados e voluntariado da Cemma, o público en xeral a gastos compartidos.
A campaña desenvolverase desde este mesmo mes de maio e ata setembro, coincidindo coa época de mellores condicións para navegar na zona. Pode participar calquera persoa, independentemente dos seus coñecementos sobre o mar, cetáceos ou campañas, e a participación está limitada nos casos dos menores, que deberán estar acompañados dun adulto e suxeitos a determinadas condicións.
O ano pasado, a campaña resultou un éxito, coa realización 12 embarques nos portos de Vigo e o Grove na que se implicaron case 100 persoas. E así, esténdense a 25 as xornadas da campaña, con saídas desde os portos de Vigo, Portonovo, O Grove, Fisterra e Foz, en diferente tipo de plataformas, cunha periodicidade dun embarque mensual en cada porto.

O obxectivo principal deste proxecto é o de incorporar información sobre a presenza e distribución dos cetáceos da plataforma de Galicia mediante a monitorización a través da realización de embarques. O equipo da Cemma encargarase de impartir formación técnica mínima e información sobre educación ambiental mariña, en xeral, e sobre os mamíferos mariños en particular, ás persoas que se incorporen á campaña.
Desde a entidade subliñan que, de conseguirse os obxectivos marcados, sería a campaña de maior cobertura realizada ata o de agora en toda a costa de Galicia. Reséñase tamén a “boa oportunidade de continuar cos traballos de distribución e densidade de cetáceos comezadas en Galicia a principios do século XXI”. Dende o ano 2003 ata o ano 2011 a CEMMA levou a cabo 125 embarques, cunha media anual de 14, nos que realizou 398 avistamentos de cetáceos, cunha relación media dun avistamento cada 2,4 horas de navegación ou 28,6 quilómetros percorridos.
Con este proxecto, a Cemma quere recuperar as campañas sistemáticas de monitorización de cetáceos con continuidade ao longo dos anos para estudar a evolución das poboacións destes mamíferos mariños no litoral de Galicia.
Máis información sobre a campaña
Toda a información sobre datas, condicións, prezos e consellos da campaña pode consultarse na páxina web da Cemma, nesta ligazón ou enviando unha mensaxe ao enderezo cemmasolicitud@gmail.com.