Cartel nun viñedo de Terras Gauda.

Cartel nun viñedo de Terras Gauda.

E o albariño abriuse ao mundo

A colaboración de Terras Gauda co CSIC deulle voo internacional a un viño que ata os anos noventa só se producía para o autoconsumo

bandera-galiciaEspañol bandera-ukEnglish

A primeira semente da estreita relación de Terras Gauda coa investigación non foi unha auténtica semente, senón un enxerto de distintos clons de albariño. 115 en total, recollidos pola provincia de Pontevedra e distintos puntos do norte de Portugal. Aconteceu en 1989 en terreos do grupo con sede no Rosal, e foi o inicio dun frutífero vínculo da adega galega coa ciencia, que a levou a converterse en 2009 na primeira empresa que recibía o Premio da Real Academia Galega de Ciencias polos seus estudos para a mellora da calidade do viño.

25 anos despois, Terras Gauda é un estreito colaborador do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), a través de dous dos seus organismos: a Misión Biolóxica de Galicia (MSB), con sede en Pontevedra, e o Instituto de Investigación en Ciencias de la Alimentación (Cial) de Madrid. Con eles como aliados, a adega, hoxe transformada en grupo de alimentación, converteuse en pioneira dos avances científicos aplicados á vitivinicultura en Galicia e en España, para afondar no coñecemento das variedades autóctonas tanto dende o aspecto vitícola coma dende o enolóxico.

A Academia Galega de Ciencias premiou en 2009 á adega polo seu traballo

Levaba a compañía unha década de actividade cando puxo en marcha o primeiro proxecto en colaboración coa Misión Biolóxica, orixe dunha intensa relación non so profesional, senón mesmo de amizade coa responsable do seu grupo de viticultura, Carmen Martínez. Foi en 2001 para desenvolver o programa de selección clonal de variedades de albariño, acollido ao Plan Galego de I+D da Xunta. “Sabiamos que na Misión Biolóxica había dende había uns 15 anos unha colección de clons de albariño moi interesantes. Era o grupo ideal para levar a cabo o proxecto”, recorda Emilio Rodríguez, director técnico de Terras Gauda.

Terras gauda SALA MICROVINIFICACIONES 14-01-14

Sala de microvinificacións.

A empresa instalou unha sala de microvinificacións, simuladores dunha grande adega de apenas 30 litros. Trasladáronse á copa de viño distintos clons para analizar a resposta enolóxica. “O experimento resultou moi interesante, e permitiunos descubrir que, dos 115 clons de que dispoñiamos, había cinco que producían máis aromas, que eran máis produtivos porque maduraban antes… Son os que se utilizaron para renovar as plantacións”, sinala Rodríguez.

Aquel estudo foi pioneiro. A pesar de que o cultivo da vide en Galicia é tan antigo como o de calquera das zonas vitícolas europeas de máis renome, as investigacións sobre as súas variedades eran practicamente inexistentes ata as últimas décadas do século XX. A colaboración de Terras Gauda co CSIC foi o embrión dun traballo de recuperación de especies que se baseou ata en figuras que aparecen en retablos relixiosos do século XVII.

“Ata finais do século XX unicamente aparecían citados na bibliografía antiga os nomes dalgunhas variedades. En moi contados casos, estes nomes ían acompañados de concisas descricións, referidas na maioría dos casos a características agronómicas ou á cor das uvas,” explica o propio estudo. A bibliografía antiga e datos recollidos por parte de Martínez a partir de entrevistas realizadas aos viticultores máis anciáns permitiron coñecer a existencia dun número considerable de variedades moi antigas.

A empresa seleccionou clons, patentou un fermento e traballa con caíño

A partir do ano 2000, Martínez e a Misión Biolóxica de Galicia deron un impulso aos estudos sobre selección clonal de albariño e doutras variedades de vide, para seleccionar os clons comercializados coa Denominación de Orixe Rías Baixas. Foi un paso decisivo á conversión do albariño -que ata a década dos noventa só se producía para o autoconsumo- nunha variedade de prestixio internacional clave non só para o sector vitivinícola, senón mesmo alimentario de Galicia.

O outro grande acontecemento da investigación aplicada ao viño en Galicia non foi de carácter vitícola, como o anterior, senón enolóxico, e consistiu nun proxecto de selección de fermentos. O fermento é un pequeno microbio de características vexetais que habita na pel da uva e que dirixe a fermentación alcohólica. Cada variedade, e mesmo cada marca, teñen o seu propio fermento. Terras Gauda e o CSIC identificáronas na uva e no posterior mosto, seleccionaron catro, illáronas e experimentaron con elas na sala de microvinificación e, posteriormente, en adega.

PANORAMICA VIÑEDO TG JOSE SALGADO

Panorámica dos viñedos.

“O resultado sorprendeunos ao revelar as grandes diferenzas entre uns fermentos e outras. Foi un bombazo”, asegura o director técnico da empresa. Unha delas destacaba polos seus aromas, froiteiros, máis intensos e identificables co albariño. Aconsellado pola propia MBG, a adega patentou aquel fermento, un feito sen apenas precedentes no sector en España. Unha spin-off do CSIC, a empresa Biopolis, produce en exclusiva o fermento para Terras Gauda. “Se imos producir 600.000 litros, necesitamos fermento para esa fabricación, e “eles nola facilitan”, precisa Rodríguez. Entre moitas outras vantaxes, a produción deixou de depender de fortes chuvias previas á colleita, que reducen o fermento da uva. “Temos menos oscilacións de calidade do viño e de produción”, destaca.

“Os resultados dos fermentos foron un bombazo”, afirma o director técnico

A segunda patente de Terras Gauda derivou dun proxecto de manoproteínas, este elaborado co Cial de Madrid, en colaboración co investigador Alfonso Carrascosa, outro aliado científico do albariño galego. O procedemento, denominado crianza biolóxica anaeróbica, permite a elaboración de viños cun carácter sensorial distinto. Aínda que no futuro das investigacións da adega se abre un novo horizonte, o da uva caíño branco, da que se efectuarán estudos similares aos realizados co albariño e da que xa conta cunha patente. “É unha variedade estupenda, pero moi complicada, tardía, moi sensible a enfermidades e de ciclo moi longo”.

Pero hai máis proxectos, como o programa Foodie, co que se persegue desenvolver un software para optimizar o rendemento dos viñedos. Empresas e grupos de investigación de oito países puxeron en marcha este programa de I+D+i de viticultura de precisión avanzada financiado con fondos europeos que en España pilota Terras Gauda. Alemaña, Austria, Italia, Polonia, República Checa, Turquía, Letonia e España son os países representados no proxecto, baseado na recompilación e xestión dos datos obtidos por unha rede de sensores sobre o terreo, e que conta cun presuposto próximo aos 6 millóns de euros.

TERRAS GAUDA EMILIO RODRIGZ

Emilio Rodríguez, nas instalacións da adega.

O outro gran proxecto colaborador no que participa a adega é Galiat 6 +7 (Galicia Alimentación Atlántica), integrado por seis empresas de alimentación e sete grupos científicos, que traballa na demostración dos efectos beneficiosos para a saúde de distintos produtos característicos de Galicia, entre eles o albariño. O proxecto, dirixido por Carmen Martínez, da Misión Biolóxica, acolleuse ao programa Innterconecta 2013, convocado pola Axencia Galega de Innovación (Gain), cun financiamento superior ao medio millón de euros.

Na súa fase experimental, un grupo de 135 familias sometéronse dende abril de 2014 a unha dieta atlántica característica do país, mentres outro se alimentaba cunha combinación aleatoria de produtos. Os resultados coñeceranse de forma inminente, e aínda que nada se pode avanzar de momento, o grupo con sede no Rosal avanza a súa intención de renovar o proxecto durante dous anos e medio máis, do que cabe supoñer que serán satisfactorios. Continuará así unha relación de Terras Gauda coa investigación que contribuíu a facer do albariño un dos maiores orgullos de Galicia.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.