Perseverance chega a Marte tras superar os sete minutos de terror

O 'rover' pousouse con éxito no cráter Jezero, onde buscará indicios de vida microbiana na zona, con restos dun antigo lago

A “Perseverance” xa está en Marte. Pasou con éxito os xa famosos sete minutos de incerteza, onde todo se fiaba a unha tecnoloxía traballada durante anos para que todo funcione de forma óptima a millóns de quilómetros de distancia. A misión chegou ao planeta vermello algo antes das 22.00, hora peninsular, nunha semana moi relevante para a exploración do planeta vermello despois de que entrasen na súa órbita as misións Al Amal (Emiratos Árabes Unidos) e Tianwen-1 (China). E por primeira vez, puido seguirse a través da canle da NASA en español, que GCiencia retransmitiu tamén a través do seu portal e as súas contas de Facebook e Youtube.

Foi arredor das 21.55 horas cando comezou o momento crítico da misión. Tendo en conta o retardo das comunicacións con Marte (uns 11 minutos), a emisión recolleu as imaxes e os sons que rodean á Perseverance nestes minutos de incerteza. En pouco tempo, a nave reduciu a súa velocidade desde os 20000 km/h ata os 3km/h, para pousarse suavemente sobre a superficie do planeta.

Perseverance buscará posibles restos de vida microbiana no planeta vermello. Para isto está previsto que se pouse no cráter Jezero, preto do ecuador de Marte, onde se cre que hai miles de millóns de anos houbo un lago de auga formado na desembocadura dun río.

Fernando Abilleira e o CSIC

Unha das persoas que supervisará a misión será Fernando Abilleira, un enxeñeiro orixinario de Galicia, que é Director de Deseño de Misión e Navegación e Subdirector de Operacións de Voo de Perseverance e xa participara nas viaxes de Curiosity (2012) e InSight (2018). Nesta entrevista da Axencia SINC publicada en outubro de 2020 explicaba os retos do ambicioso proxecto.

Fernando Abilleira: “As misións a Marte representan a toda a humanidade”

O ‘rover’, que ten o tamaño dun turismo e pesa arredor dunha tonelada, contará con diversos instrumentos deseñados e fabricados por científicos españois e institucións como o CSIC e a Universidade de Valladolid. MEDA, que constitúe a estación meteorolóxica do vehículo, achegará información diaria sobre o clima de Marte. Da súa fabricación encargouse o Centro de Astrobiología (CAB). Pola súa parte, o SuperCAM, que estudará as rochas e o solo do planeta vermello, contou coa participación do Instituto de Geociencias (IGEO), centro mixto do CSIC e a Universidad Complutense de Madrid). SuperCAM

A procura de vida en Marte é un aspecto clave para comprender tamén a xénese da vida na Terra. Ao pousarse nunha zona onde se cre que houbo auga hai miles de millóns de anos, Perseverance recollerá rochas e restos de po e area da superficie para intentar traelas de volta á Terra en futuras misións. Ademais, abordarase a potencialidade de futuras expedicións humanas ao planeta.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.