Animación da chegada de Perseverance á superficie de Marte. Fonte: NASA.
Animación da chegada de Perseverance á superficie de Marte. Fonte: NASA.

A gran semana para chegar a Marte: así son os proxectos que explorarán o planeta vermello

GCiencia retransmitirá este mércores os "sete minutos de terror" da chegada da sonda Perseverance, a meirande misión

Unha xanela de oportunidade de arredor de 10 días, que aparece aproximadamente cada 26 meses, permite ás misións espaciais que queren chegar a Marte aforrar recursos na súa viaxe por mor da maior proximidade entre a Terra e o planeta vermello. No verán de 2020, aproveitando esta situación, partiron desde aquí tres misións que, por motivos distintos, teñen unha gran trascendencia na exploración do espazo. De feito, algunhas voces falan de que o vehículo Perseverance, que este xoves intentará pousarse sobre a superficie de Marte, é unha das misións máis ambiciosas na historia da NASA, a axencia espacial estadounidense. Mais non é a única á que prestar atención nestes días: A sonda Al Amal (Esperanza), impulsada polos Emiratos Árabes Unidos, representa a primeira misión dun país árabe a outro planeta, e a chinesa Tianwen-1 (Preguntas no Ceo), supón un novo paso na carreira espacial do xigante asiático, xa que despois de analizar o planeta en órbita, pousará a mediados de 2021 un ‘rover’ na súa superficie.

Perseverance

A misión que impulsa a NASA, na que xoga un importante papel o enxeñeiro de orixe galega Fernando Abilleira, procurará posibles restos de vida microbiana no planeta. Para isto está previsto que se pouse no cráter Jezero, preto do ecuador de Marte, onde se cre que hai miles de millóns de anos houbo un lago de auga formado na desembocadura dun río.

Entre outros fitos, o ‘rover’ Perseverance recollerá por primeira vez rochas e pequenos fragmentos de po e area da superficie marciana. Para isto contará con diversos instrumentos, como MEDA e SuperCam, nos que tomaron parte na súa fabricación investigadores españois, pertencentes ao Centro de Astrobioloxía do CSIC e a Universidade de Valladolid, respectivamente.

Alén disto, Fernando Abilleira encargarase de supervisar o proceso como Director de Deseño de Misión e Navegación e Subdirector de Operacións de Voo. Tal e como explicaba recentemente nunha charla na canle de Youtube da NASA, o momento crítico producirase nos coñecidos como “sete minutos de terror”, nos que Perseverance terá que reducir a súa velocidade desde os 20000 km/h ata os 3km/h para pousarse paseniño sobre a superficie. Por mor do retraso nas comunicacións, as indicacións precisas para que todo saia ben non poden realizarse en tempo real. Por tanto, todo o proceso de ‘amartizaxe’ estará automatizado.

Estes momentos críticos poderán seguirse a través de GCiencia, que retransmitirá o sinal que a NASA emitirá, por primeira vez en español. Deste xeito, a través de cámaras e micrófonos que recollerán as imaxes e os sons emitidos por Perseverance e a súa contorna.

Fernando Abilleira: “As misións a Marte representan a toda a humanidade”

Al Amal

O pasado 9 de febreiro, a sonda Al Amal acadou a órbita de Marte, convertendo así aos Emiratos Árabes Unidos na quinta potencia (despois de Rusia, Estados Unidos, Europa e India) en conseguir este fito. Un día despois sumouse a este grupo China.

Nos vindeiros meses, despois de calibrar os seus sistemas e instrumentos, Al Amal comezará a estudar durante un ano marciano (687 días na Terra) o clima do planeta. Tal e como destacaba El País, a misión utiliza como centro de comunicacións as antenas da NASA en Robledo de Chavela, na Comunidade de Madrid.

Tianwen-1

A misión chinesa, que comezou a orbitar o día 10 de febreiro arredor de Marte, terá unha segunda fase tamén moi interesante. Dela sairá un vehículo que levará un ‘rover’ que, se todo vai ben, pousarase sobre a superficie marciana na zona da Utopia Planitia, a mesma onde no ano 1976 chegou a Viking-2 enviada pola NASA.

Nesta chaira do hemisfero norte marciano, onde se detectou a presenza de grandes cantidades de auga xeada no subsolo, desenvolverase a partir de maio a seguinte parte da misión para afondar nos posibles restos de vida nesta zona. Do mesmo xeito, recabaranse datos de cara á posible exploración humana do planeta por parte de China nos vindeiros anos.


Información elaborada a partir da Axencia SINC.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.