Fernando Abilleira, nas instalacións do Jet Propulsion Laboratory en Pasadena (EUA).

Fernando Abilleira: “As misións a Marte representan a toda a humanidade”

O enxeñeiro subdirector de Voo da misión Mars 2020 é de pais galegos de Pontevedra e analiza os retos da nave que xa viaxa ao planeta vermello

José Luis Zafra /SINC

Fernando Abilleira naceu en Madrid, en 1977, pero é fillo de galegos de Pontevedra. No ano 2001 recibiu o título de enxeñeiro aeroespacial no Parks College da Universidade de San Luís, en Misuri (EUA). E, dende aquela, a súa vida orbita en torno a Marte, como responsable de diferentes misións ao planeta vermello. A última é a Mars 2020, que despegou o pasado mes de xullo e agora xa viaxa cara ao seu obxectivo.

A principios de 2004 comezou a traballar no Jet Propulsion Laboratory da NASA en Pasadena (California, EUA) como analista do Programa de Exploración Espacial de Marte. Nestes dezaséis anos deu soporte técnico a misións como Mars Science Orbiter, Mars Sample Return; formou parte do proxecto Mars Science Laboratory, que logrou aterrar o rover Curiosity en agosto de 2012; e foi director de Deseño de Misión e Navegación de InSight, que alcanzou Marte en novembro de 2018.

Como subdirector de Operacións de Voo de Mars 2020, controla que todo vai ben para esta misión que ten como obxectivo aterrar o rover Perseverance en Marte para estudar restos de vida microbiana, ensaiar tecnoloxías de xeración de osíxeno e almacenar mostras do planeta coa idea de podelas enviar á Terra no futuro.

-Por que hai interese en visitar Marte de novo? Que achega Mars 2020 respecto a InSight ou Curiosity?

-Grazas aos datos colleitados polas misións que levan explorando o planeta vermello desde os anos 60 sabemos que, fai uns 3.000 millóns de anos, Marte era un planeta similar á Terra. A auga fluía na súa superficie. Existían ríos, lagos e mesmo océanos. Hoxe sabemos que alí se deron as condicións necesarias para a vida, aínda que non temos ningunha evidencia ata o de agora de que se desenvolvese. Perseverance buscará indicios de vida microbiana pasada nese planeta e será a primeira misión que almacene as mostras máis relevantes para o seu posible retorno noutra misión máis adiante.

Ademais disto, varios dos seus instrumentos terán un impacto moi significativo na preparación das próximas misións tripuladas: MOXIE xerará osíxeno a partir do dióxido de carbono obtido da atmosfera marciana, o sistema de navegación relativa ao terreo será unha tecnoloxía fundamental para reducir o risco na aterraxe, e sete cámaras tomarán imaxes durante o descenso do rover, o que será tamén de grande interese.

-Cales son esas condicións para a vida e de que maneira as cumpre Marte?

-Sabemos que na Terra, onde existe auga e unha fonte de enerxía como o Sol, existe a vida. Os rovers Spirit e Opportunity atoparon minerais como a hematita que só existen en presenza de auga. Curiosity atopou unha variedade de moléculas orgánicas –o que coñecemos como os bloques fundamentais da vida– en rochas que teñen máis de 3.000 millóns de anos. Isto non indica necesariamente que houbese vida nun pasado afastado, pero como mínimo si que sinala que había moléculas necesarias para vida microbiótica.

Fernando Abilleira é de orixe pontevedresa e subdirector de voo da Mars 2020.

-Por que é importante almacenar algunhas das mostras que tome Perseverance?

-Para poder confirmar vida máis aló da Terra necesítanse probas irrefutables, polo que as mostras máis relevantes se almacenan para o seu posible regreso á Terra nunha misión futura. En laboratorios terrestres de vangarda poderase facer a súa avaliación de xeito máis detallado.

-Como se gardarán estas mostras e canto tempo poden estar dispoñibles?

-O sistema de almacenamento de mostras é moi complexo xa que conta con múltiples funcións para recoller, procesar e selar as mostras de forma hermética. Estas deben sobrevivir tempo dabondo para que unha misión as poida recoller e traer de volta á Terra. Os primeiros estudos preliminares apuntan a unha misión que recollería estas mostras non antes do 2026, e o seu retorno á Terra non sería antes do 2031.

-Aínda que este retorno de mostras de Marte á Terra é unha formulación teórica, hai capacidade tecnolóxica para facelo?

-O programa que traería as mostras de volta, tal e como está estruturado na actualidade, é unha coalición entre a NASA e a Axencia Espacial Europea (ESA) que necesitaría en realidade de varias misións: unha que colocaría un orbitador en órbita marciana e outra que mandaría un aterrador cun pequeno rover para recoller as mostras. O ‘aterrador’ contaría cun pequeno foguete que se utilizaría para mandar as mostras ao orbitador, que recollería esas mostras e as traería de volta á Terra.

Ambas as axencias están a traballar en desenvolver a tecnoloxía necesaria para poder levar a cabo este proxecto. Se temos éxito, ademais de traer mostras da superficie de Marte á Terra por primeira vez, lograriamos varias primicias na historia da exploración espacial como lanzar un foguete desde a superficie doutro planeta ou o axuste de dous vehículos na órbita doutro planeta.

“Queremos traer mostras da superficie de Marte á Terra por primeira vez”

-A zona de aterraxe de Perseverance en Marte é o cráter Jezero. Por que se elixiu este lugar? Como se realizará a manobra?

-No proceso de selección do lugar de aterraxe colaboraron membros de Mars 2020 e científicos de todo o mundo, que examinaron máis de 60 candidatos. Este proceso levou máis de cinco anos. O cráter Jezero foi elixido a finais do 2018 polas súas características únicas para a investigación que fará Perseverance.

O sistema de aterraxe deste rover está baseado no do Curiosity pero leva unha tecnoloxía innovadora coñecida como Navegación Relativa ao Terreo (TRN) que fará posible a aterraxe con seguridade. Este novo sistema permitirá axustar de xeito autónomo o lugar de aterraxe evitando posibles áreas perigosas como cantís, campos de rochas ou dunas.

-Que é Ingenuity e por que é importante nesta misión?

-Ingenuity é un pequeno helicóptero autónomo de tan só 1,8 kg deseñado para demostrar que o voo contralado con motor en Marte é posible. É unha proba experimental, non leva ningún instrumento aínda que conta cun altímetro láser e dúas cámaras. Este helicóptero poderá voar ata unha altura de cinco metros e a unha distancia de 50 metros desde o punto de saída. Un voo con éxito considerarase un tremendo logro e cada voo adicional será un bonus para os obxectivos desta misión.

-Pensan no uso deste tipo de tecnoloxías de voo en futuras misións?

-Actualmente, os orbitadores arredor de Marte ofrécennos unha perspectiva global e aérea mentres que os rovers e ‘aterradores’ proporcionan información desde a superficie. Un helicóptero engadiría unha terceira perspectiva que só se pode obter desde o aire. Ademais, futuros helicópteros poderían explorar covas, montañas, cráteres e mesmo dunas que son actualmente inalcanzables.

A misión Dragonfly da NASA, planeada para ser lanzada cara a Titán –una das lúas de Saturno– en 2026, tamén voará na atmosfera doutro planeta. Dragonfly levará un vehículo de case 450 kg.

-Máis da metade das misións a Marte fracasaron. Que podería acontecer nesta?

-Explorar outros mundos é moi complicado e os erros non se perdoan. Calquera pequena equivocación pode esborrallar anos de traballo. Os problemas que se atopen no vehículo unha vez que deixa a Terra poden ser moi difíciles de resolver. Ademais, as grandes distancias fan que as comunicacións coa Terra se retarden, polo que os vehículos teñen que ter un alto grao autonomía.

-Como se enfrontou o seu equipo á actual pandemia?

-As novas tecnoloxías fixeron posible que o traballo de forma remota sexa moi eficiente. Desde o primeiro momento, a NASA puxo a saúde do persoal como a máxima prioridade. O uso das videoconferencias de forma diaria foi clave. A forma de traballar en Mars 2020 Perseverance é moi distinta a como foi en pasados proxectos debido á pandemia. Moitas actividades que faciamos en persoa estamos a realizalas de xeito remoto aínda que sempre contamos cun persoal mínimo na sala de control da misión. Nalgunhas actividades críticas outros membros tamén dan soporte in situ, mantendo sempre as pautas establecidas de seguridade.

-En que consiste o seu traballo como director de Deseño de Misión e Navegación?

-O equipo de Deseño de Misión e Navegación é o encargado de deseñar as xanelas de lanzamento, as traxectorias interplanetarias e de descenso á chegada a Marte, as manobras durante a fase de cruceiro, a navegación para entrar no punto atmosférico optimo e a planificación das actividades que se terán que executar no vehículo desde o lanzamento ata a súa aterraxe.

Perseverance será a miña terceira aterraxe en Marte despois de Curiosity (2012) e InSight (2018)

-Tanto en InSight como Mars 2020 foi subdirector de Operacións de Voo. Como se toma esta responsabilidade?

-Perseverance será a miña terceira aterraxe en Marte despois de Curiosity (2012) e InSight (2018). Cada experiencia foi única e difícil de describir porque as circunstancias eran distintas, pero a emoción e a ledicia cando recibimos confirmación da aterraxe con éxito no planeta vermello foi incrible. Estas misións non só representan á NASA ou aos Estados Unidos, senón a toda a humanidade.

-O seu soño é formar parte do equipo que envíe astronautas ao planeta vermello. Estamos preto dese obxectivo?

-Fai un par de anos, o presidente de Estados Unidos deu a directiva a NASA para mandar a primeira muller e o seguinte home á Lúa en 2024, e incrementou o orzamento da axencia para poder empezar o programa Artemisa, que nos permitirá á humanidade volver á Lúa. Esta vez, o obxectivo non é só ir, senón quedar. É a primeira vez desde o programa Apolo dos anos 60 e 70 que NASA ten fondos no seu orzamento para volver á Lúa. O programa Artemisa é un paso fundamental para unha misión tripulada a Marte. Hoxe estamos máis preto desta meta que hai 10 anos.

-A súa tese fin de carreira e a súa perseveranza axudáronlle a entrar na NASA. Algún consello para alguén que queira traballar nunha axencia espacial?

-Tiven a gran fortuna de recibir unhas bolsas por méritos académicos para vir estudar aos Estados Unidos. De neno sempre soñaba co espazo. Recordo que algunhas persoas me dicían que enfocarme á exploración do universo era unha utopía e que se me dedicaba á enxeñería era moi posible que rematase traballando en algo que tivese pouco que ver co espazo. A paixón, a ilusión, o esforzo e a dedicación son claves para poder alcanzar os soños.

-Cal é o seguinte desafío ao que lle gustaría enfrontarse cando finalice esta misión?

-Despois de que aterre Perseverance, gustaríame concentrarme na campaña para traer as mostras que recolla o rover ata a Terra algún día no futuro. Máis a longo prazo, colaborar en mandar a primeira misión tripulada ao planeta vermello.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.