Sábado 5 Outubro 2024

Pedro Rascado: “Agora mesmo, darlle cariño a un familiar é visitalo coa máscara posta”

O doutor traballa no Hospital de Santiago, forma parte do comité clínico da Xunta e é responsable do plan de continxencia fronte á Covid-19 a nivel estatal

O vivido nalgunhas zonas de España nos meses de marzo e abril podería parecer un mal soño. Pero a situación das últimas semanas, co aumento da ocupación hospitalaria ata niveis altos, preocupa de novo ás autoridades sanitarias. Ante a falta dunha vacina ou un tratamento eficaz contra a Covid-19, profesionais sanitarios e científicos insisten en que a prevención, coas medidas de distancia social, uso de máscara e hixiene, son a clave para garantir unha correcta atención aos casos máis graves. É o aspecto no que máis insiste o doutor galego Pedro Rascado Sedes, responsable do Plan de Continxencia en UCI-COVID-19 da Sociedad Española de Medicina Intensiva (SEMICYUC), especialista en Medicina Intensiva no Hospital de Santiago de Compostela e membro do comité clínico que asesora á Xunta de Galicia no seguimento da pandemia e na toma de decisións como as que esta semana levaron a restrinxir a mobilidade en Ourense e prohibir as reunións con persoas non convivintes. Aquí aborda a situación actual e insiste en manter as medidas de precaución, especialmente no ámbito privado, para frear a transmisión do SARS-CoV-2.

– Acaba de decretarse o primeiro peche do outono en Ourense. Que pasou para chegar a isto?

Publicidade

– O que se comentou é que a incidencia en Ourense e os limítrofes estaba aumentando signficativamente. As medidas tomadas en días previos non conseguiran frear os contaxios e entón houbo que tomar medidas máis restritivas. Este peche o que evita é que os casos se estendan aínda máis fóra do concello, en municipios e comarcas próximas. A situación está agravándose e houbo que tomar esa decisión.

O doutor Rascado, nun acto da Consellería de Sanidade. Foto: Xunta de Galicia.
O doutor Rascado, nun acto da Consellería de Sanidade. Foto: Xunta de Galicia.

– Tívose tamén en conta a maior idade da poboación da provincia?

Publicidade

– Claro. Na toma de decisións para establecer restricións valóranse moitos indicadores. Non só a incidencia, senón tamén como se está abordando o control dos brotes. Un deles é o perfil da idade, das persoas que se están infectando. A xente nova pode ter unha capacidade maior de transmisión polo número de contactos que establece, pero as persoas de idade avanzada teñen maior risco de que a enfermidade se agrave, de que acaben ingresando no hospital ou nas UCIs.

– Alén da situación de Ourense, Galicia mantense como unha das comunidades autónomas con menor incidencia. A que se está debendo isto?

– É certo que a situación é mellor, con diferenza, ca no resto de España. Isto ten relación, probablemente con ser precoces nas medidas e vixiar, illar e controlar toda a transmisión. Estase actuando en Ourense, pero tamén noutras áreas como Santiago ou Pontevedra, impedindo que aumente a transmisión antes de que o problema se agrave.

– Hai tamén un compoñente sociodemográfico nisto, coa dispersión poboacional, por exemplo?

– Todo inflúe, evidentemente. As características da sociedade, as poboacións con menor tamaño, poden axudar  a que non haxa unha transmisión maior… Pero desde logo que estar vixiando de maneira estrita desde hai meses, como se está facendo, atendendo á evolución dos casos, tamén é clave.

“Non pode haber excepción nin relaxación coa máscara, nin sequera con familia e amigos, estámonos contaxiando nos encontros”

Outro feito fundamental é o do comportamento da poboación. Hai que seguir insistindo e non podemos baixar a garda, sobre todo nos lugares con maior incidencia, no uso de máscara, a distancia social, etc. E non pode haber excepción nin relaxación coa máscara, nin sequera coa familia ou os amigos; estámonos contaxiando nestes encontros. Insistimos por iso que cando nos xuntemos con eles sexa sempre, sempre con máscara. Isto é o que nos está permitindo manternos nunha situación boa, evitando que os enfermos ingresen nos hospitais e se sobrecargue o sistema, é o que podemos facer todos para axudar.

– Que diría ás persoas para que manteñan as medidas en todos os momentos de risco, incluíndo á familia?

– Eu creo que ese é o tema máis importante. Todos queremos facer as cousas ben, e hai que insistir en corrixir os comportamentos nos que o virus pode transmitirse. Cando imos visitar a un familiar, temos que facelo con máscara. Non hai alternativa, porque isto pon aos familiares e aos maiores no seu caso, nunha situación de risco. Non estamos falando dunha broma, estamos falando de que unha persoa pode ter alto risco de morrer. Non hai ningunha razón para non usar a máscara neses momentos. Os contaxios non se producen ao cruzarnos pola rúa por xente descoñecida, senón en reunións de familiares e amigos. E están causando complicacións graves e ingresos de xente na UCI.

E non é só iso: toda a investigación que supón a detección de cada caso, seguindo contactos e facendo probas, supón que o sistema sanitario ten que investir recursos nisto, e poden deixarse de lado, en parte outras tarefas tamén necesarias. Temos que participar todos no control da pandemia.

E estas situacións, nun ambiente de confianza no que sacamos a máscara, son as de máis risco. Temos que evitalas. Entendo que é complicado, pero agora mesmo, darlle cariño a un familiar significa visitalo coa máscara posta.

–  Como responsable do plan de continxencia nas UCI, que situacións se están atopando nesta segunda vaga?

– A situación non é igual, porque a capacidade diagnóstica é máis alta e estamos detectando máis pacientes asintomáticos. Pero nalgunhas áreas xa se está producindo un aumento no número de ingresos e unha certa sobrecarga. Nas persoas que ingresan na UCI si que se ven comorbilidades e unha maior idade, como acontecía na primeira onda.

Pero hai que destacar, e nisto insistimos moito, ninguén está libre de terminar na UCI pola Covid-19; pode ser unha persoa nova e completamente sa. Non temos ningún tratamento efectivo por agora, e por iso é tan importante previr a infección para coidarnos a nós e aos demais.

“Ninguén está libre de terminar na UCI pola Covid-19; pode ser unha persoa nova e completamente sa”

– Ademais dos problemas respiratorios, fálase das secuelas da Covid-19 no sistema cardiovascular.

– Cando chegou a enfermidade, pensamos que ía ser como a gripe, con afectación case exclusiva nos pulmóns. Pero o que aprendemos nestes meses é que se trata dunha enfermidade que pode ser sistémica, causando tromboses e fracasos multiorgánicos. E incluso estamos vendo complicacións a medio e longo prazo, tamén en xente nova, sen patoloxías previas, que semanas e mesmo meses despois de pasar a infección, está tendo dificultades para recuperarse ao 100%.

– Con que tratamentos se está intentando frear a enfermidade?

– O tratamento fundamental é de soporte. Nos casos graves, na UCI, intentamos manter a función dos órganos mentres a infección se vai superando. Temos algún fármaco como o remdesivir ou os corticoides, que poden axudar nalgúns casos graves, pero non podemos dicir que curen a enfermidade. A conclusión é que seguimos sen ter un tratamento eficaz, polo que o fundamental é a prevención.

– Hai moita incerteza cara ao outono e o inverno. Que escenarios manexan?

– A preocupación coa gripe é todos os anos xa produce certa sobrecarga do sistema sanitario. Este ano imos ter que convivir coa gripe e a Covid-19. Que podemos facer? Dúas cousas fundamentais. En primeiro lugar, manter as medidas de prevención que nos protexen da Covid-19 pero tamén da gripe. O que se viu no hemisferio sur é que parece que os casos de gripe diminúen ao tomar medidas de prevención. E a segunda delas, no caso da gripe, é a vacinación. Neste caso si que temos unha vacina, así que as persoas de risco deben vacinarse por precaución, porque evitariamos parte do problema.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Luis Enjuanes, virólogo: “Hai que estar moi alerta, a polio está emerxendo polas guerras”

O experto en coronavirus participa no Congreso Nacional de Viroloxía que se está a celebrar esta semana en Santiago

Máis alá do mpox: as cinco emerxencias sanitarias do século XX que viviu Galicia

A sociedade leva miles de anos enfrontándose aos microorganismos e ás enfermidades infecciosas como a varíola ou a poliomielite

O lado escuro dos ‘influencers’: a publicidade de produtos que quere evitar Sanidade

Os galegos Guillermo Carracedo e Sara Seco apoian o novo proxecto de lei, que restrinxirá a promoción de artigos sanitarios nas redes sociais

Tes covid, alerxia ou catarro? Estas son as diferenzas

A inmunóloga e catedrática da UVigo África González sinala as diferenzas e similitudes dos síntomas que provocan as tres enfermidades