Versace usa imaxes de nanopartículas de ouro obtidas na UVigo na súa nova campaña

A marca de luxo italiana baseouse no traballo do catedrático Luis Liz-Marzán para explorar o concepto de beleza a diferentes escalas, formas e lugares

A firma de moda Versace acaba de poñer en marcha unha iniciativa en redes sociais na que emprega imaxes obtidas na Universidade de Vigo (UVigo) e no Centro de Investigación Cooperativa en Biomateriales (CIC biomaGUNE) do País Vasco para amosar a beleza intrínseca das nanopartículas de ouro, un metal moi representativo desta marca italiana dende os seus inicios. 

Este proxecto editorial en redes sociais convida a reflexionar sobre o concepto da beleza a distintas escalas, en formas pouco convencionais e en lugares inesperados e reivindica as imaxes científicas para este fin. En concreto, Versace seleccionou imaxes de nanopartículas de ouro sintetizadas nos laboratorios dirixidos polo investigador do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) da UVigo e do Ikerbasque no CIC biomaGUNE, Luis Liz-Marzán.

Publicidade

Trátase dun conxunto de fotografías que amosan a outra cara da beleza do ouro, tomadas mediante microscopía electrónica nos laboratorios de ambas institucións e no da profesora Sara Bals, da Universidade de Amberes (Bélxica). Que esta idea se convertese en realidade foi, en boa parte, grazas a Laura Tripaldi, comunicadora científica e doutora en Ciencia de Materiais e Nanotecnoloxía, que elaborou un artigo sobre a historia e as propiedades dos coloides de ouro que viu a luz neste proxecto creativo comisariado e publicado por Versace. Precisamente na procura das imaxes, atopouse coas do CIC biomaGUNE na web do proxecto europeo EUSMI, un consorcio que agrupa instalacións europeas de investigación en materia branda. 

A beleza camaleónica das partículas de ouro 

As nanopartículas de ouro están constituídas por miles de átomos e son dun tamaño nanométrico e as propiedades dos materiais cambian en función do seu tamaño, pero ademais, como engade Laura Tripaldi, “a cor do material tamén cambia en función do tamaño e a forma das partículas que o compoñen, a pesar de que a substancia en si segue a ser a mesma”. De feito, como explica o catedrático Luis Liz-Marzán, “unha nanopartícula de ouro está formada por átomos de ouro na súa estrutura cristalina, que necesita ter moléculas adsorbidas na superficie para poder estar dispersos nun líquido, é dicir, para formar un coloide”. 

Publicidade

Imaxe da campaña cunha imaxe de nanopartículas de ouro no fondo.

Liz-Marzán é pionero no desenvolvemento de métodos de fabricación e de modificación da superficie das nanopartículas de ouro e prata para mellorar as súas potenciais aplicacións. Neste eido, traballa nos deseños de crecemento de moitos tipos de nanopartículas, con formas de estrelas, varas, triángulos, esferas, parafusos, cubos, octaedros, decaedros, ósos, bipirámides, arames, etc.

As súas publicacións teñen acadado un importante recoñecemento a nivel mundial e como el mesmo recalca “manipulando a xeometría das nanopartículas pódese variar a vontade as súas propiedades ópticas plasmónicas. A luz interacciona con estas partículas de forma diferente do que o fai con metais de maior tamaño: en función do metal, do tamaño e da xeometría da nanopartícula metálica unha determinada cor da luz provoca unha oscilación nos electróns, de modo que absorbe unha frecuencia específica de luz visible”. Precisamente é esta beleza camaleónica do ouro a que destacan dende Versace, unha beleza que cambia coa escala, revelando facetas inesperadas canto máis profundo se mira. 

Aplicacións no eido da saúde

Ademais da súa beleza, o profesor Liz Marzán destaca a gran relevancia desas nanopartículas de formas sorprendentemente regulares, de tamaño uniforme e aspecto perfectamente xeométrico, porque “teñen aplicacións en moitísimos campos da saúde, como a detección específica e moi sensible de metabolitos que participan na comunicación entre bacterias, en sistemas tumorais, etc.; a detección exacta da distribución das células nun sistema tridimensional, para distinguir as células tumorais das células sas; ou aplicacións de bioimaxe para nanomedicina”. 

Con todo, este é “un campo con moitísimo futuro e un enorme potencial de crecemento“, e o profesor Liz-Marzán e o seu equipo continúan manipulando “o encanto do ouro no nanomundo, porque nos vai abrir portas aínda inesperadas no deseño de métodos terapéuticos máis efectivos e na consecución da tan ansiada medicina personalizada”. 


Podes ler a noticia completa do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha investigación galega propón un tratamento contra a artrose que ataca o envellecemento celular

O proxecto SENPAD desenvólvese no marco da convocatoria Ignicia Proba de Concepto articulada pola Axencia Galega de Innovación

Do CINBIO a Sudáfrica para estudar a recombinación da covid: historia dunha viaxe

O grupo CME da UVigo leva anos estudando a evolución dos virus a través da bioinformática e centra parte dos seus estudos na monitorización do SARS-CoV-2

Revolución cuántica dende Vigo: así será a cátedra de computación óptica

A iniciativa da UVigo, co apoio de Zona Franca, crea un laboratorio pioneiro para desenvolver microprocesadores baseados en fotóns e transferir ao tecido empresarial galego

O océano do futuro estúdase en Vigo: dúas décadas construíndo un referente europeo da investigación mariña

O Centro de Investigación Mariña da UVigo celebra o seu décimo aniversario xunto ao vixésimo da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla. Por Daniel Rey, do CIM