O proxecto da UVigo que aposta pola pesca sostible do bonito a través da innovación

A iniciativa, liderada dende o País Vasco, promove prácticas pesqueiras responsables e respectuosas co medio ambiente

Traballar na innovación tecnolóxica na pesca do bonito e dos túnidos e facelo apoiando unhas artes de pesca sostibles e respectuosas coa propia especie e co medio ambiente en xeral. Este é o obxectivo co que acaba de pórse en marcha o proxecto Tics-bonitoTecnoloxías intelixentes para a pesca sostible do bonito, un traballo que lidera o centro tecnolóxico vasco Leartiker e no que participa o grupo de investigación de Enxeñaría Eficiente e Dixital, En.Edi, da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo (UVigo).

A pesca do bonito e outros túnidos realízase mediante diferentes procedementos. Desde aquela pesca que se realiza en embarcacións máis pequenas ao longo da costa ata as máis intensivas que se levan a cabo nos caladoiros de todo o mundo. Independentemente da intensidade, arte, ou lugar, a sustentabilidade da pesca e o respecto á biodiversidade ambiental e do resto de especies é hoxe unha máxima que as armadoras teñen entre as súas prioridades. Partindo desta base, o proxecto expón pasos para mellorar tanto a funcionalidade como a sustentabilidade nas artes de pesca costeira de bonito e a pesca de altura de cerco.

Publicidade

Principais obxectivos

O obxectivo principal de Tics-Bonito é apoiar o sector de pesca de bonito e túnidos no desenvolvemento de propostas arredor das técnicas de pesca costeiras e de altura. En canto á pesca de altura, traballarase na biodegradabilidade dos Dispositivos de Concentración de Peixes (DCP), elementos que poden ter un impacto negativo no medio mariño debido aos materiais plásticos duradeiros que os compoñen. Neste caso, trataranse de desenvolver dispositivos baseados en materiais non enmallantes e biodegradables, que sexan modulables e sensorizados.

Polo que respecta á arte de pesca costeira, o proxecto propón estudar en detalle as técnicas utilizadas actualmente nas súas modalidades de cana con cebo vivo e con carrete ou de cacea, para propoñer axudas automatizadas e solucións dixitais que apoien e complementen a metodoloxía actual dos pescadores en cuberta, e que facilite o control daqueles parámetros que se consideren relevantes.

Publicidade

Colaboración co sector

Para a consecución destes obxectivos, os responsables do proxecto consideran clave a colaboración con representantes do sector pesqueiro, para que trasladen a súa experiencia e necesidades de cara á definición dos requisitos técnicos do proxecto, asegurando así que as solucións tecnolóxicas propostas se axustan á súa realidade e forma de traballar. Neste senso, xa se levaron a cabo diferentes reunións con confrarías, armadores e desenvolvedores de maquinaria de abordo para coñecer a realidade do sector, o que será o punto de partida para futuras propostas.

Tics-Bonito quere ademais asegurar que os resultados que se vaian obtendo no proxecto cheguen á comunidade científica, aos usuarios finais e á sociedade en xeral. Por iso, os responsables realizarán un esforzo especial en difundir o proxecto mediante publicacións en revistas científicas e presentacións en eventos, así como na creación de material divulgativo.

A unión entre Leartiker e UVigo

A colaboración entre Leartiker e o grupo En.Edi será clave para o desenvolvemento destas tecnoloxías innovadoras nas que se basea esta iniciativa. Esta colaboración non é nova, xa que ambas as institucións arrancaron o seu traballo conxunto no ano 2015, unha colaboración que logo se materializou no proxecto europeo Circular Sexas (2019-2023).

Leartiker é un centro tecnolóxico especializado en materiais poliméricos e tecnoloxías avanzadas, mentres que o grupo da UVigo achega a súa experiencia en enxeñaría de automatización, dixitalización e robótica. Xuntos, estes socios están comprometidos coa innovación e a sustentabilidade no sector pesqueiro. 

No caso do proxecto Tics-Bonito, o centro tecnolóxico Leartiker encargarase do desenvolvemento de materiais biodegradables, o deseño do DCP e a coordinación do proxecto. Mentres, o grupo En.Edi será quen leve a responsabilidade do desenvolvemento das actuacións en automatización e dixitalización. 

A finais de outubro levouse a cabo a primeira reunión presencial, coa presenza do responsable do proxecto por parte do grupo da UVigo, Julio Garrido, nas instalacións de Leartiker. A seguinte xuntanza está planificada para febreiro en Vigo.

Este proxecto desenvólvese coa colaboración da Fundación Biodiversidade, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, a través do Programa Pleamar, e cofinánciase pola Unión Europea polo FEMPA (Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura).


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un método matemático galego axuda a controlar os niveis de glicosa en diabéticos

O sistema desenvolvido polo CITMAga estase a aplicar para predicir o crecemento de tumores e optimizar terapias contra o cancro

Así é o plan para crear refuxios climáticos nos concellos e loitar contra as vagas de calor

A UVigo creará unha metodoloxía que permita identificar estas zonas en cada localidade e así protexer a poboación de episodios adversos

A cuarta edición do concurso Youtubers Científicos ábrese a estudantes de secundaria

A iniciativa da UVigo busca identificar e apoiar os futuros creadores de contidos relacionados coa divulgación da I+D+i

Tecnoloxía da UVigo para garantir o benestar dos peixes de acuicultura antes do sacrificio

O proxecto, en colaboración co Cetga, busca mellorar as técnicas de atordamento nos linguados para conseguir unhas técnicas máis éticas