Un grupo de investigación da Universidade de Vigo (UVigo) e do centro tecnolóxico Leartiker desenvolveu unha serie de solucións tecnolóxicas para reducir o esforzo dos pescadores e mellorar a eficiencia da pesca costeira do bonito. Trátase dun proceso moi arraigado que se leva realizando sen cambios ao longo de décadas de actividade por embarcacións de toda a costa cantábrica, con “movementos” e “ferramentas” moi estudados e optimizados durante anos de “saber facer” pola xente do mar. Os resultados da investigación son froito do proxecto Tic-Bonito.
Os investigadores do grupo de Enxeñaría Eficiente Dixital (En.Edi) da UVigo, co profesor Julio Garrido como líder, desenvolveron diferentes propostas de soporte para as canas empregadas na pesca costeira co propósito de introducir distintos niveis de automatización e axuda ergonómica que redundan na mellora das condicións de traballo dos pescadores e na eficiencia do proceso. Se ben a pesca costeira é en si unha arte moi respectuosa coa contorna ―dado que se trata dunha actividade selectiva onde se recolle unha a unha as pezas de bonito, sen afectar outras especies e eliminando descartes― este proxecto foi quen de achegar melloras que fan esta modalidade máis atractiva e segura, tanto para armadores como para o persoal de abordo.
No caso do equipo de Leartiker, liderados por Branca Lekube, foron os encargados de obxectivar a pesca de altura de túnidos no Atlántico e o Índico, e de desenvolver un Dispositivo Concentrador de Peixes (DCP ou FAD na súa terminoloxía inglesa) a partir de polímeros biodegradables que permitan reducir o impacto ambiental dos materiais plásticos utilizados actualmente.
En colaboración coa confraría de Getaria, no País Vasco
Desde a posta en marcha do proxecto considerouse esencial contar coa opinión dos futuros usuarios e non facer nada que eles e elas non visualizasen favorablemente con antelación, polo que se mantiveron diversas reunións cos responsables da confraría de Getaria, principal porto pesqueiro cantábrico desta modalidade pesqueira. Foron modulando o proceso de deseño dos prototipos, consistentes, principalmente, en cadanseu sistema de soporte das canas empregadas neste tipo arte.
Segundo explica o equipo investigador da UVigo, nesta modalidade de pesca empréganse canas de 5 e 6 metros de longo, sen carrete, cuxo manexo supón un esforzo considerable por parte dos pescadores, polo que supoñía un importante reto achegar melloras tecnolóxicas que facilitasen este proceso.
Os novos prototipos probaranse na costeira de xuño
Os prototipos desenvoltos foron sometidos a unha primeira avaliación durante o mes de febreiro por membros da confraría e embarcacións de Getaria. As probas realizáronse nun dos barcos da costeira, para o que se desprazaron ata alí tanto os prototipos como os membros do grupo En.Edi e de Leartiker. Como resultado, validáronse satisfactoriamente en porto os prototipos (dado que unha veda impide a saída), e os responsables da confraría decidiron acometer o seguinte paso de probalos durante a costeira desta tempada, xa en situacións totalmente reais, no vindeiro mes de xuño.
Ante a escasa caracterización científica do comportamento do bonito tras a picada, estas probas permitirán abordar un mellor modelado deste comportamento, a través de rexistro dixital dos datos de cada captura. Isto debería contribuír a unha optimización do proceso de detección de picada e izado, que poderán ser ademais empregados para a optimización de procesos similares como o de pesca automática con carrete.
As xornadas de transferencia desenvolvidas paralelamente en Markina e Vigo presentaron ambos os dous resultados. Por parte dos prototipos dos FAD resultantes están a ser avaliados na batea de Mutriku (País Vasco) e tamén serán validados en condicións reais proximamente.
Colaboración empresarial
Na xornada de transferencia levada a cabo na sede da Escola de Enxeñaría Industrial do campus de Vigo as persoas asistentes puideron observar in situ o funcionamento dos prototipos desenvolvidos, do que xa teñen vídeos dispoñibles na súa web. Xunto a algúns dos membros do grupo En.Edi involucrados no proxecto (Enrique Riveiro, Uxía Pérez, Paula Gil, Diego Silva e Julio Garrido), participaron tamén algunhas das empresas que veñen regularmente apoiando ao grupo no desenvolvemento dos seus proxectos, como Esypro, Ibercisa, Vicalsa, sendo estas últimas, ademais, as empresas encargadas de desenvolver os de equipos de cuberta.
Financiado con case 300.000 euros
Financiado con case 300.000 euros, este proxecto enmárcase no programa Pleamar, impulsado pola Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (FEMPA). O obxectivo era optimizar as artes de pesca do bonito e outros túnidos mediante o desenvolvemento de tecnoloxías avanzadas que promovan un maior respecto polo medio mariño, centrándose en dúas vertentes principais: a pesca costeira e a pesca de altura de túnidos.












