Os cambios climáticos do pasado, e non os actuais, explican a diversidade dos mamíferos

Tres investigadoras da UVigo analizan datos dos últimos 5 millóns de anos e técnicas avanzadas de análise estatística

O clima xoga un papel determinante na distribución e evolución da vida na Terra, pero aínda existen moitas incógnitas sobre como influíron os cambios climáticos pasados na diversidade de mamíferos do noso planeta. Un estudo liderado polas investigadoras da Universidade de Vigo (UVigo) Sara Gamboa, Sofía Galván e Sara Varela publicado pola revista Global Change Biology ofrece novas perspectivas sobre esta relación.

Como explican as científicas do Centro de Investigación Mariña (CIM) da UVigo: “O clima do noso planeta cambia e non todas as especies reaccionan igual ante estes cambios. As especies especializadas, como os osos polares ou os orangutáns, que só poden sobrevivir nun único clima, considéranse máis vulnerables aos cambios ambientais que as especies xeralistas, que poden vivir en varios climas diferentes”. Non obstante, ata agora, non se explorou completamente como responden os diferentes hábitats a estes cambios e como afectan as comunidades de mamíferos a longo prazo.

Publicidade

O seu estudo parte da hipótese da doutora Elisabeth Vrba, que postulou que as zonas con condicións extremas de temperatura e precipitacións deberían albergar un maior número de especies especialistas que outras zonas debido á maior fragmentación histórica. Para probar esta hipótese, as investigadoras das UVigo empregaron datos climáticos dos últimos 5 millóns de anos e técnicas avanzadas de análise estatística que lles permitiron avaliar a relación entre a fragmentación do clima e a distribución dos mamíferos nas grandes zonas climáticas do planeta, abranguendo todas as especies de mamíferos terrestres, máis de 5.000.

Os achados deste estudo suxiren que o clima do pasado deixou unha “pegada indeleble” na distribución e evolución das especies, aínda máis que o clima actual. E é que como afirmaba Vrba, “o número de especies especializadas aumenta coa fragmentación histórica do clima rexional, mentres que a riqueza de especies climatolóxicas diminúe”. Esta relación entre os cambios climáticos do pasado e diversidade dos mamíferos é aproximadamente un 40% máis forte que a correlación entre o clima actual e a riqueza de especies para as especies especializadas e un 77% máis forte para as especies xeneralistas. Os datos amosan que, por exemplo, as rexións tropicais, mornas e polares son as máis afectadas polos cambios climáticos, en comparación coas rexións áridas e frías, que mostraron unha maior estabilidade.

A relación entre a xeografía e o clima

O estudo tamén indica que a xeografía xoga un papel esencial nesta relación, creando ambientes idóneos para a aparición de novas especies e a súa supervivencia no tempo, como illas, penínsulas e montañas. Neste sentido, a investigadora e autora principal do estudo, Sara Gamboa, explica que no traballo tamén se expón a importancia da xeografía e a súa relación co clima na diversificación das especies. “As características físicas do terreo, como o illamento xeográfico e a variedade de hábitats, promoven a especiación”.

Por exemplo, as illas actúan como “laboratorios naturais de evolución, onde as especies se adaptan a condicións únicas; as montañas, coas súas diferentes altitudes e microclimas, ofrecen unha variedade de nichos ecolóxicos que fomentan a diferenciación de especies; as extensas planicies de Eurasia ou os desertos que se forman ’á sombra’ de grandes cordilleiras como o Himalaia ou os Andes son tamén exemplos de como esta interacción xeografía-clima pode xerar ambientes moi estables durante millóns de anos, o que tamén afecta á evolución das especies”. E é que como engade a investigadora, as condicións climáticas cambian e fragméntanse por diversos factores, como ciclos astronómicos, erupcións volcánicas e cambios nas correntes mariñas, “pero fano sobre unha xeografía que tamén as condiciona”.

Unha primeira exploración

Esta idea de que os cambios climáticos e xeográficos do pasado afectaron á distribución actual dos seres vivos é moi antiga, pero como explica a profesora Gamboa, “esta é a primeira vez que se explora directamente a fragmentación climática a escala global e durante 5 millóns de anos, para relacionala cos patróns de distribución dos mamíferos”.

Anteriormente, a maioría dos estudos centrábanse no impacto do clima actual ou recente sobre a distribución das especies, pero este estudo integra datos climáticos antigos e emprega técnicas avanzadas de análise estatística para avaliar como os cambios climáticos históricos influíron na diversidade bioxeográfica actual. Para a investigadora, “esta perspectiva temporal ampla permite entender mellor como os cambios pasados deixaron unha pegada duradeira na distribución e evolución dos mamíferos, proporcionando información valiosa para a conservación da biodiversidade no contexto do cambio climático actual”.

Plans de conservación máis efectivos e específicos

Os resultados obtidos nesta investigación teñen implicacións significativas para a comprensión da bioxeografía e a conservación da biodiversidade. “Ao comprender como a fragmentación climática influíu nas distribucións das especies, podemos informar mellor as estratexias de conservación e xestión dos ecosistemas nun mundo en constante cambio”, explica Sara Gamboa. Por exemplo, ao identificar que as rexións tropicais, mornas e polares son as máis vulnerables aos cambios climáticos, “as estratexias de conservación poden priorizar a protección destes ecosistemas e as especies que os habitan.

Isto pode incluír a creación de reservas naturais e corredores biolóxicos que faciliten a migración de especies cara a áreas máis adecuadas a medida que os seus hábitats actuais se vexan afectados polo cambio climático”. Ademais, detalla, “ao comprender a importancia da xeografía na diversificación das especies, como no caso das illas e as montañas, “as estratexias de conservación poden enfocarse na protección destas contornas específicas que son cruciais para a especiación e a supervivencia de especies únicas”. A este respecto, explica que, por exemplo, nas área montañosas pódense implementar medidas para conservar diferentes altitudes e microclimas, asegurando que as especies que dependen destes nichos ecolóxicos teñan un hábitat adecuado”. 

Por todo isto, as investigadoras consideran que os avances obtidos como froito deste estudo permiten “deseñar plans de conservación máis efectivos e específicos que consideran tanto o impacto do cambio climático como as características xeográficas que influencian a biodiversidade”.


Referencia: Vrba was right: Historical climate fragmentation, and not current climate, explains mammal biogeography (Publicado en Global Change Biology)

Podes ler o artigo do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descuberta a función da cor abdominal dunha especie de cabaliños do demo en Meaño

EcoEvo analiza 27 machos de gaiteiro vermello procedentes do río da Chanca para dar explicación aos tonos rosados intensos dos seus ventres

Faneca, lirio, xurelo e pescada: os catro piares da dieta da toniña en Galicia

Un estudo do IEO e da UVigo analizou o contido estomacal de 72 cetáceos varados no litoral galego entre 1990 e 2018

Así é o metaverso da UVigo, o máis avanzado de todo o sistema universitario español

O proxecto inclúe espazos comúns virtuais que poden empregarse como salóns de actos ou como espazos de presentación e exhibición

A UVigo lidera un proxecto europeo para reducir e reciclar materiais de construción

Os residuos derivados da edificación e demolición, excluídos os da minería, representan o maior fluxo de refugallos da Unión Europea