Xoves 18 Abril 2024

Acordo “histórico”: seis graos impartirán o 80% en galego no vindeiro curso

A Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística aproba unha proposta que inclúe titulacións das universidades de Vigo, A Coruña e Santiago

Os graos en Comunicación Audiovisual, Educación Infantil e Educación Primaria que se imparten na Universidade de Vigo; o Grao en Xornalismo e o Grao en Educación Social da Universidade de Santiago e o Grao en Educación Social da Universidade da Coruña poderán impartirse cun 80% da docencia en galego a partir do vindeiro curso 2019-2020. Nun acordo cualificado de “histórico” polos seus membros, a Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística acordou este mediodía trasladar á Secretaría Xeral de Universidades, para a súa aprobación e execución o vindeiro curso, unha proposta conxunta das tres universidades do sistema galego para a implantación en tres graos da Universidade de Vigo, dous de Santiago e un de A Coruña do 80% da docencia en lingua galega.

“É algo histórico no SUG que haxa unha planificación, unha dotación orzamentaria e unha execución desta parte do Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia 2016-2021”, sinalou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que lembrou que se trata dunha medida recollida no documento financeiro, pero que estaba sen aplicar. Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, manifestou a súa satisfacción por que a institución fose quen, despois de manter encontros con todas e todos os responsables do centros, de presentar tres graos para que se imparta o 80% da docencia en galego. “Traballamos con todos os centros, pero algúns non eran capaces nun prazo tan breve como o que tivemos, de acadar o 80% da docencia en lingua galega, pero estamos moi satisfeitos de presentar tres graos, que esperamos que en anos sucesivos vaian medrando”, sinalou o reitor vigués.

Publicidade

A proposta da Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística, que este mediodía se reuniu no campus vigués, será trasladada agora á Secretaría Xeral de Universidades “e todo apunta a que solucionadas algunhas cuestións burocráticas ou administrativas, que teñen que ver coa xuntanza da vindeira comisión de seguimento do Plan de Financiamento das universidades, poda executarse esta previsión para o vindeiro curso”, explicou o secretario xeral de Política Lingüística. García, tamén destacou que con esta medida, ademais de buscar a formación en galego, tamén “se procura a rendibilidade que esta medida pode ter á hora de buscar esa segunda socialización da mocidade, mozas e mozos que falan pouco e non falan galego, para que o incorporen á súa formación pero tamén a outros labores, porque as universidades non só son institucións de formación, senón que tamén preparan actitudes e crean espazos de uso común da lingua galega da xente nova”, sinalou o secretario xeral.

Xunta e universidades compartirán financiamento para estes graos

Tal e como se recolle no Plan de Financiamento do SUG, a Xunta asumirá a financiación dun único grao por universidade, de xeito que as institución académicas terán que asumir o pago do resto de titulacións que queiran implantar co 80% da docencia en galego. “Na primeira reunión da Comisión de Política Lingüística acordamos que cada universidade presentaría unha proposta que é o que lle imos pedir á Xunta, pero nós imos complementar esa cantidade para impartir tres titulacións, xa que houbo unha resposta moi positiva por parte dos nosos equipos decanais e de dirección dos centros e paga a pena facer o esforzo”, explicou o reitor da Universidade de Vigo.

Tanto Reigosa como García valoraron de xeito moi positivo o traballo realizado pola Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística, que foi quen, en poucas semanas de sacar adiante esta proposta. “Debemos felicitarnos de ter unha proposta moi madura enriba da mesa e tamén do compromiso económico adquirido polas universidades de Vigo e Santiago, que financiarán a maiores dous e un grao, respectivamente. Non só hai vontade lingüística ou social, senón tamén económica”, dixo o secretario xeral. Cara ao futuro, Valentín García sinalou que a incorporación de novos graos con docencia en galego terá que ser obxecto dunha negociación nun plan feito a medida dos plans de formación de cada universidade do SUG, “no que reforzar a presenza do galego e por extensión na mocidade en Galicia é prioritario para a Xunta e entendo que tamén é a vontade das tres universidades”.

A universidade, un espazo para o galego

Na súa reunión de hoxe, a Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística tamén deu luz verde á proposta A universidade como un espazo para o galego, dirixida preferentemente á mocidade de bacharelato, que nun futuro inmediato vai comezar os seus estudos universitarios, co obxectivo de singularizar a institución académica como un lugar que favorece o mantemento lingüístico e mobiliza a conversión lingüística nas e nos potenciais neofalantes e contribuír a identificar a universidade como un espazo idóneo de transición cara unha nova subxectividade na que a (nova) lingua ha ser un elemento central.

“Trátase de divulgar de xeito creativo e a través de medios audiovisuais as universidades como espazos para o galego tradicional e tamén o neogalego. Para iso seleccionaranse sete centros, un por cada campus galego, para facer divulgación sobre as propostas e tamén se fará un documental sobre as posibilidades da universidade para a conversión lingüística, co obxectivo de difundir as universidades como espazos de galeguización”, explica Fernando Ramallo, director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo e membro da comisión.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da UDC patenta un sistema pioneiro que mide a postura vertebral en tempo real

Investigadores do CITENI crean unha tecnoloxía non invasiva e de baixo custo para mellorar o diagnóstico e tratamento das doenzas da columna

Si, pódese crear acuarela con bacterias: a UDC impulsa a divulgación a través da arte

CICAGallery estrea a súa primeira edición con cinco artistas que convivirán con distintos grupos de investigación da universidade

Como medir as estrelas para revelar os misterios da Vía Láctea

Os investigadores do CITIC Xabier Pérez e Lara Pallas participan na misión Gaia, que pretende crear o maior mapa 3D da nosa galaxia

Unha científica galega secuenciará o xenoma da ‘herba de namorar’

A especie 'Armeria pungens' está presente nas illas Cíes, o único lugar de Galicia onde se pode atopar