Mércores 24 Abril 2024

Un cura, unha feligresa e unha profesora: así foi a recuperación dun baldaquino do século XVI

“Estaba cuberto de cousas que a xente fora botando enriba”, relata o párroco de Campo Lameiro, que decubriu a peza nun recuncho da igrexa de San Isidro

Un párroco, unha historiadora e unha feligresa. Ese foi o equipo que fixo posible a descuberta e posterior restauración dun baldaquino de principios do século XVI na Igrexa de San Isidro de Montes en Campo Lameiro. É xa o terceiro atopado no mesmo concello.

“Cando Fermín Santiago, o sacerdote, me enviou as fotografías das pezas que atopara, rapidamente puiden identificar o que había alí e busquei no índice de baldaquinos galegos recollido por Figueira Valverde para saber se estaba catalogado. Así, vin que era unha peza inédita“, relata Dolores Barral, profesora titular na Facultade de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e encargada de realizar o informe histórico artístico.

Publicidade

Espolio e mala conservación

Despois de tres anos levando as misas de varias parroquias en Campo Lameiro, o sacerdote Fermín Santiago decidiuse a limpar un recuncho da igrexa de San Isidro de Montes oculto tras a pía bautismal e un confesionario: “Estaba todo cuberto de cousas que a xente fora botando enriba, era un lugar bastante escuro e con moita humidade e fungos“. No medio do seu labor, Santiago deu con algunhas tallas dun baldaquino e, ao caer na conta do seu valor artístico, decidiuse a contactar con Dolores Barral para intentar datalas e coñecer mellor a súa orixe.

“Un dos baldaquinos foi levado nos anos 50 da parroquia de Fragas durante a noite”

FERMÍN SANTIAGO, párroco de San Isidro de Montes

Estes feitos ocorreron hai xa un ano, durante o cal a historiadora foi quen de identificar as escenas presentes nesta peza inédita. Alén, o descubrimento dáse nun contexto especial posto que non é o primeiro nin o segundo baldaquino que aparece en Campo Lameiro: “Hai un conservado na sacristía doutra das parroquias, mais hai un terceiro que está no Museo Provincial de Lugo e que non sabemos como chegou aí, aínda que sabemos que foi levado durante o franquismo. Consérvanse as pezas practicamente completas e, polo que puiden investigar, é unha doazón da que non se pon a orixe. É unha cuestión bastante irregular“, explica Barral.

Precisamente, Santiago pode dar fe da mesma historia grazas ás lembranzas da veciñanza: “Foi levado nos anos 50 da parroquia de Fragas durante a noite. Hai xente maior que o lembra e que me contan historias sobre o espolio, sobre a falta de conciencia no patrimonio, porque non se deixou constancia nin unha copia da información”.

Así, para a investigadora, “é unha alegría” continuar atopando pezas esquecidas, especialmente nun contexto como o de Campo Lameiro: un concello pequeno e do ámbito rural de interior. “Sempre miramos ao litoral e é certo que aquí hai un centro rupestre fantástico, pero non só hai petróglifos“, manifesta.

Un Santo Enterro inédito

A pesar da mala conservación do baldaquino recentemente atopado, Barral foi quen de distinguir as tres escenas que sucedían nel: “Unha está moi clara. Recuperouse a escena do nacemento de Eva da costela de Adán. Está partida, pero vése a figura del tombada no chan da que está saíndo ela. Do outro lado tamén hai un anxo cunha espada, indicando que é a Xénese e a expulsión do Paraíso. É dicir, estamos ante o Ciclo do Pecado Orixinal, dende a creación ata a expulsión do Paraíso. Na segunda escena podemos ver o martirio de San Sebastián, un dos santos que máis devoción ten a comezos do século XVI, e ao que dúas figuras, soldados, lle cravan saetas posto que así foi como morreu. O último fragmento conservado é o máis pequeno e presentaba moitos problemas en canto a identificación porque apenas se ve unha figura de pé e o que serían unhas pernas ao seu carón”.

“No resto de baldaquinos catalogados en Galicia non é común a imaxe do Santo Enterro”

DOLORES BARRAL, historiadora da arte

Este terceiro anaco, a pesar de ser o peor conservado, é o que converte a este baldaquino nunha peza excepcional e tamén o que permitiu a súa datación cunha maior exactitude. “Comparando coas pinturas murais que hai pola zona da Mariña, en Burela ou inclusive na porta da Catedral de Mondoñedo onde hai escenar similares puidemos establecer que sería unha parte dedicada ao Santo Enterro, o momento onde collen a Xesús da cruz e o levan para enterrar. Dentro de que non é unha talla de primeira orde como as que se darían nun gran mosteiro ou nunha catedral, conta cunha plástica moi boa e no resto de baldaquinos catalogados en Galicia non é común a imaxe do Santo Enterro”, explica a historiadora.

Por outra banda, a datación neste tipo de pezas adoita facerse mediante a observación das vestiduras, “cando alguén quere identificar a unha persoa rica, píntaa como unha persoa rica, seguindo a moda”, e foi precisamente ese pequeno fragmento o que máis pistas contiña, segundo as palabras de Barral: “Xosé de Arimatea sempre se representa vestido á moda, como unha persoa cunha capacidade económica boa, xa que é quen paga o enterro de Xesús. Polo tipo de sombreiro que leva e as súas vestiduras e, xuntando isto co vestiario dos soldados que están asaetando a San Sebastián, é unha peza de entre 1520 e 1530“.

A restauración e posterior exposición

Despois de que Santiago descubrira a peza e Barral fixera o estudo, o párroco decidiu poñerse en contacto co Concello para atopar unha maneira de conservala, mais, como explica a investigadora, “estas cousas sen financiamento non se poden facer”. É nese momento cando entra en xogo unha das feligresas, quen traballa nunha empresa de restauración.

“A Deputación de Pontevedra abrira unha liña de axudas para obras pequenas e ela díxonos de presentar o baldaquino para a subvención xunto cunha memoria xustificativa, que foi cando fixen un estudo máis en profundidade da peza para solicitar que se puxera en valor esa peza”, explica a historiadora.

Unha das pezas restauradas xa expostas na Igrexa de San Isidro.

Agora, case rematados os traballos por parte de Árbore Sociedade Cooperativa Galega e despois dos 2.965,44 euros aportados pola Deputación, algunhas das pezas conservadas xa poden ser vistas na propia Igrexa de San Isidro de Montes, á espera de que se unan as restantes.

“É un patrimonio non soamente relixioso, senón que pertence a toda a comunidade. Cando comezou o labor de restauración comunqueillo aos feligreses posto que os tratamentos fixéronse dentro da propia igrexa. Tamén é interesante que puideran ver como se traballaba para recuperalo para dar ese coñecemento e crear a conciencia sobre a responsabilidade de conservar todo o patrimonio. Serve para demostrar a parroquia o que ten, porque algo que non se coñece é como se non existise“, afirma Santiago.

2 COMENTÁRIOS

  1. A noticia é algo imprecisa en certos aspectos. A iniciativa surxiu personalmente do sacerdote de Campo Lameiro, que contactou coa profesional Elena Taboada, arqueóloga profesional e titular da empresa Árbore Arqueoloxía, e reside no concello. Como moitas empresas de arqueoloxía, puntualmente realizan restauracións, subcontratando os servizos de conservación ou contratando profesionais conservadores-restauradores. Neste caso a conservación correu a cargo dunha autónoma, Iria López. O traballo é un labor conxunto, feito dende diversas áreas, e esa tarea de fondo de localizar profesionais adecuados, buscar apoio económico, conseguir os permisos e beneplácito da Dirección Xeral de Patrimonio, e chegar a bó porto, son unha carreira de fondo. A idea do titular da feligresa (ou freguesa) pode confundir o público, e dar impresión dun novo Ecce Homo feito con voluntarios sen formación. Neste caso, as cousas foron feitas con xeito.

  2. Interesantísimo sempre o contido de GCiencia e este artigo non é a excepción.

    Unicamente anotar que *feligresa é cast. por “freguesa”

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Á venda un forno de posible orixe medieval en Noia

Ana Filgueiras, arqueóloga municipal da vila, está a realizar un informe do inmoble para despexar dúbidas e guiar actuacións de futuro

Á venda unha casa que forma parte do mosteiro cisterciense de Montederramo

Familias, negocios e unha escola pública ocuparon dependencias do convento após da desamortización e ata entrado o século XXI

Os ataques ao patrimonio agroman nas Rías Baixas: escalan a Torre de San Sadurniño, do século IX

Dous turistas ruben polas ruínas da construción, un dos maiores tesouros da vila de Cambados

Cabo Ortegal, novo Xeoparque Mundial: “A decisión da Unesco reforzará o turismo de calidade”

O vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado de Turismo, Xosé Regueira, cre que a distinción impulsará o asentamento de poboación nova