Venres 26 Abril 2024

As Mariñas Coruñesas, onde o produto é unha declaración de amor pola terra

Neste territorio podemos atopar bosques comestibles, o primeiro té ecolóxico galego e obradoiros de cociña creativa

A moi poucos quilómetros da cidade da Coruña podemos atopar un auténtico universo cheo do sabor do rural. As Mariñas, un territorio que conta coa declaración de reserva da biosfera, é un fervedoiro de iniciativas que traballan e poñen en valor o produto de calidade. E fano desde a creatividade, a innovación e a sostibilidade.

Non demasiado lonxe da Fraga de Cecebre, a que inspirou a célebre obra El bosque animado de Wenceslao Fernández Flórez; atopamos unha destas iniciativas onde o produto é toda unha declaración de amor pola terra. Os Biosbardos, cultura de leira é un proxecto que traballa seguindo fielmente os principios da permacultura, buscado un modelo onde prime o coidado do planeta, das persoas e a aposta por facer retornar calquera excedente ao sistema, pechando o círculo. Outro dos seus referentes é a agricultura sintrópica, baseada na máxima “planta o que precises onde o precises”.

Publicidade

Cando Miguel Ángel Roig decidiu darlle un cambio á súa actividade profesional e comezar a traballar no eido da agricultura tivo claro desde o comezo que o seu modelo apostaría polo cultivo ao aire libre, con certificado ecolóxico e seguindo os principios da permacultura. “O que máis sentido me tiña era crear bosques comestibles, poñer un marcha un modelo de agricultura 100% sostible”, asegura.

Con estas ideas como punto de partida, o principal reto era a poñer en práctica un proxecto de certas dimensións, nunha superficie de 5 hectáreas. “Fixemos uns cálculos iniciais pero non atopamos ningún caso de éxito similar ao que nós queriamos facer, todo era a pequena escala”, lembra. Así, traballa coa vista posta en lograr escalar o modelo de xeito viable e, a partir de aí, “difundir o que se vai aprendendo”.

Terras de cultivo de Os Biosbardos, en Cambre (A Coruña). Foto: Os biosbardos.

Bosques comestibles

O modelo de “bosque comestible” no que traballa Os Biosbardos aposta por crear un ecosistema en equilibrio a través da combinación de diferentes especies e variedades de plantas. Trátase, dalgún xeito, de imitar o funcionamento dos bosques ancestrais, onde unhas especies se desenvolven grazas á súa interacción co resto de elementos do lugar. “Nós o que fixemos é tratar de simular isto, pero con especies e variedades de plantas comestibles, que nos acheguen un valor”, precisa.

Este “bosque comestible” está composto por distintos estratos que permiten diversos aproveitamentos complementarios nunhas terras situadas no lugar de Lendoiro, en Cambre, onde o proxecto conta cunha extensión de 5 hectáreas. Segundo explica Roig, estase a traballar nos distintos estratos, cultivando e experimentando coa convivencia de especies como aguacates, nogueiras e cítricos como o linkuat, kumquat, man de Buda ou caviar cítrico, moi valorados no eido da restauración.

O “bosque comestible” no que traballa Os Biosbardos aposta por crear un ecosistema en equilibrio a través da combinación de diferentes especies e variedades de plantas

O estrato inferior dedícase a cultivar horta, con produto de tempada que Os Biosbardos pon á venda a través de diversas canles. A súa clientela está composta por público xeral (fai venda directa e dispón de tenda online), tendas de barrio e establecementos de restauración.

A pesares de ser un proxecto novo, nado hai dous anos e medio, en Os Biosbardos teñen as cousas claras. Ademais do respecto aos principios da permacultura, outros puntos clave están na colaboración, tecendo redes e aproveitando sinerxías; así como na experimentación e difusión do coñecemento xerado. De feito, Roig está implicado noutro proxecto semellante na Comunidade Valenciana, o seu territorio de procedencia. “Alí estamos creando bosques comestibles con outro concepto e outras especies”, indica.

O primeiro té ecolóxico de Galicia

Outra proposta creativa, innovadora e froito do amor á terra é a de Orballo; unha iniciativa nada en Paderne e que xira arredor das plantas aromáticas cultivadas en ecolóxico, tanto en especias como infusións. Segundo indica o responsable de Comunicación, Óscar Torres, en cada produto selecciónase “materia prima de alta calidade” e sempre libre de pesticidas e herbicidas.

“Como amantes da terra que somos, tratamos de facer todo do xeito máis respectuoso coa xente e o planeta, antepoñendo sempre a saúde das persoas e sobre todo a saúde do planeta, que ao final é o mesmo”, asegura.

Orballo naceu en 2012, como un proxecto vinculado á plantación de árbores autóctonas coma o castiñeiro e de produción de plantas aromáticas. Pouco a pouco a iniciativa foi evolucionando e actualmente dispón dunha ampla variedade de infusións, especias e aromáticas.

“Como amantes da terra que somos, tratamos de facer todo do xeito máis respectuoso coa xente e o planeta”, asegura Óscar Torres, de Orballo

Torres reivindica que Galicia é un “lugar privilexiado no mundo” en canto á calidade da súa terra. Partindo deste produto galego de calidade, aposta pola innovación, os procesos adaptados, a xeración de marca e de valor engadido como ingredientes para conseguir “crear algo que modifique a forma de entender o rural”.

Desde Paderne (A Coruña), Orballo traballa en cultivo ecolóxico. Foto: Orballo.

Un exemplo de innovación levada a cabo por Orballo foi a produción do primeiro té ecolóxico de Galicia, conseguida a través dunha investigación xunto coa Estación Fitopatolóxica de Areeiro e a Universidade de Vigo. Lembra Torres que a camelia é a “flor insignia de Galicia” e que, sen embargo, na comunidade non se viña tendo en conta as posibilidades desta planta para a produción de té (que se elabora coa folla da Camellia sinensis).

Obradoiro de gastronomía creativa

O produto de calidade, a investigación, a colaboración e a creatividade nas presentacións son algunhas das características que mellor definen as propostas gastronómicas que Paula Patiño elabora en Cambre baixo a marca Acastrexa.

No seu obradoiro de gastronomía creativa confecciona preparados de longa duración, zumes, marmeladas e salsas nas que a tradición se mestura coa experimentación en novos sabores, texturas e aromas.  Gran defensora da calidade do produto galego, cita o caso concreto das variedades de cebola de Betanzos e chata de Miño, que considera “das mellores do mundo”.

Segundo explica Patiño, as súas propostas de artesanía alimentaria buscan crear alimentos saudables e sans diferenciados da oferta tradicional. Normalmente son prezados por consumidores esixentes, co “padal educado” e receptivos ás novas experiencias. Marmelada de alquequenxe (fisalis) con augardente de herbas, galletas de fariña de millo e aderezos feitos con pementos picantes son algunhas das súas propostas.

Tamén produce opcións máis sofisticadas aínda que igualmente saudables, como é o caso do seu produto Acastrexa 5-8: un cous cous de millo con setas shitake e especias que se prepara tan só botando auga quente e agardando entre 5 e 8 minutos. É libre de graxa, tampouco ten sal e é apto para persoas veganas. Unha proposta innovadora que acadou un moi bo resultado nos últimos premios europeos veganos International V-Label Awards: dun total de 577 participantes quedou no posto 19.

Acastrexa traballa desde a experimentación e xeración de coñecemento na súa constante procura de calidade, novos sabores e texturas

Patiño traballa desde a experimentación e xeración de coñecemento na súa constante procura de calidade, novos sabores e texturas. Non só busca as variedades de produto máis axeitadas para cada preparación, senón que á hora de recollelos, tamén ten en conta o mellor momento para facelo (segundo o estado de maduración, o tamaño e a hora do día á que se fai a colleita).

Pero esta experimentación e a xeración de coñecemento non rematan na selección e colleita, senón que tamén están presentes no proceso de elaboración en si: os tempos de cocedura, técnicas de amasado e outros moitos factores a estudar e analizar.

Neste proxecto, Patiño vai da man de produtores locais, coñecéndoos persoalmente, traballando man a man e buscando sinerxías. “Para min o agricultor é moi importante. Moitas veces é unha figura que soe poñerse detrás, pero para min ten que ir diante”, asegura. Tamén destaca o traballo con entidades de experimentación agroforestal, como é o caso da CFEA de Guísamo, coa que ten desenvolvido varias iniciativas.

Acastrexa mestura tradición, creatividade e innovación nos seus produtos. Foto: Acastrexa.
Acastrexa mestura tradición, creatividade e innovación nos seus produtos. Foto: Acastrexa.

Reserva da Biosfera

Os Biosbardos, Orballo e Acastrexa están radicadas en terras que forman parte da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, un territorio que busca harmonizar a conservación da diversidade biolóxica e cultural e o desenvolvemento económico e social a través da relación das persoas coa natureza.

No caso das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, abarca un total de 17 concellos da provincia da Coruña: Abegondo, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Coirós, Culleredo, Curtis, Irixoa, Miño, Oleiros, Oza -Cesuras, Paderne, Sada e Sobrado.

Os tres proxectos emprendedores están dentro da marca creada nesta reserva co obxectivo de distinguir os produtos agroalimentarios aliñados cos valores desta figura do territorio. Trátase, pois, dun recoñecemento ao seu compromiso coa calidade, a garantía e orixe dos produtos, a responsabilidade e o respecto ao medio ambiente.

2 COMENTÁRIOS

  1. Ola bo día
    Estou na busca dun medio de contacto convosco (correo electr.) pero non atopo…
    Moitas grazas e sobre todo moitas grazas tamén polo voso labor

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O Aquarium Finisterrae reforma o sanatorio de focas: “Combinaremos todas as necesidades ambientais”

O museo coruñés remodela no seu 25 aniversario a área de curación dos animais mariños

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Como de accesible é a rúa na que vives? Compróbao neste mapa

A aplicación 'City Access Map' permite comprobar que servizos están a menos de 15 minutos camiñando nas cidades e areas metropolitanas de Vigo e A Coruña

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844