Venres 19 Abril 2024

Descobren unha diana terapéutica contra o cancro de fígado

A investigadora galega Flavia Fondevila centra a súa tese de doutoramento no achado de FOXO3, implicado na resistencia a un fármaco quimioterápico

As cifras non menten. O hepatocarcinoma é o terceiro cancro máis letal do mundo. Pero a ciencia sempre abre un camiño de esperanza. “Todo o que poida facer para mellorar ese mal prognóstico, vouno levar adiante”, asegura a biotecnóloga galega Flavia Fondevila. Traballa no Instituto de Biomedicina (IBIOMED) da Universidade de León realizando a súa tese de doutoramento. Recentemente, o grupo de investigación no que se integra Flavia acaba de publicar dous artigos moi prometedores. Céntranse no achado de FOXO3, un posible biomarcador e nova diana terapéutica contra o cancro de fígado á que dirixir fármacos para reducir a resistencia á quimioterapia e mellorar a resposta á mesma.

“FOXO3 está implicado no desenvolvemento da resistencia ao sorafenib, a terapia estándar para tratar esta enfermidade en fases avanzadas”, afirma a investigadora, que está a realizar a súa tese no Centro de Investigación Biomédica en Red de Enfermedades Hepáticas y Digestivas (CIBEREHD) baixo a dirección de José L. Mauriz e Javier González-Gallego. Segundo continúa explicando, este fármaco aprobouse en 2007. E malia que xa se viron resultados positivos noutro tipo de medicamentos, o sorafenib segue a ser a terapia de primeira liña por excelencia. É dicir, é o primeiro que se administra cando se diagnostica un hepatocarcinoma avanzado.

Publicidade

Aínda que está demostrado que é un dos fármacos máis efectivos para tratar a enfermidade, os inconvenientes tamén se abren paso. “É frecuente, por desgraza, que durante os primeiros meses de tratamento apareza resistencia ao sorafenib. As células cancerosas deixan de responder e xa non son sensibles á acción antitumoral do fármaco”, sinala Fondevila. Polo tanto, aumentan as posibilidades de que o cancro avance aínda máis rápido.

O proceso de autofaxia

Co obxectivo de buscar unha solución, Fondevila e o seu equipo —xunto con investigadores da Universidade KU Leuven (Bélxica)— estudaron os potenciais mecanismos moleculares e celulares subxacentes a esta resistencia. “Vimos que FOXO3 estaba implicado no proceso. Os niveis de FOXO3 estaban moi elevados nas células de hepatocarcinoma resistentes a sorafenib. Ademais, eses niveis estaban asociados coa activación da autofaxia“, puntualiza a investigadora, sinalando que se trata dun proceso relacionado coa perda de sensibilidade a fármacos quimioterápicos. Polo tanto, aí está un dos motivos polo que as células tumorais non responden ao medicamento. E por iso, no estudo, determinan que o proceso de autofaxia mediado por FOXO3 pode ser unha interesante diana terapéutica para tratar o hepatocarcinoma avanzado e superar a resistencia ao sorafenib.

Principais mecanismos implicados nos efectos de FOXO3 en hepatocarcinoma.
Principais mecanismos implicados nos efectos de FOXO3 en hepatocarcinoma.

Esta investigación completouse con outro traballo, que se levou a cabo en colaboración con investigadores do Instituto de Investigación Biomédica de Salamanca (IBSAL), tamén membros do CIBEREHD. Neste artigo concluíuse que FOXO3, ademais de ser unha posible diana terapéutica, pode servir como biomarcador tanto a nivel prognóstico como diagnóstico. “Podería ser útil para complementar a identificación da enfermidade, algo que adoita ser complicado porque o cancro de fígado pódese camuflar con outro tipo de patoloxías”, indica Fondevila. Isto provoca que sexa habitual diagnosticar a enfermidade en etapas avanzadas, cando xa non é posible aplicar outras terapias como pode ser o transplante.

Dificultade no diagnóstico

“Hai patoloxías previas, como a cirrose, que aparecen nun 80% ou 90% dos hepatocarcinomas. Os sinais poden ser a ictericia ou a dor abdominal”, explica a investigadora. Por iso, o diagnóstico desta enfermidade non acaba de estar o suficientemente optimizado, de aí que sexa preciso atopar novos biomarcadores. É dicir, que non se asocien con outro tipo de patoloxías. Iso permitiría que o cancro de fígado se diagnosticase en estadios máis temperáns e, así, reducir as altas taxas de mortalidade asociadas.

O seguinte paso nesta investigación é estudar estas liñas de investigación in vivo. Ou o que é o mesmo: en modelos animais, que son os que mellor reflicten as condicións no individuo humano. Malia que os resultados son prometedores e a ciencia continúa avanzando sen présa e sen pausa, é preciso seguir estudando e confiar na importancia da investigación. “Hai esperanzas. Co paso do tempo estanse levando a cabo máis estudos e de maior calidade. Afortunadamente, isto está tendo unha repercusión a nivel clínico porque cada vez estanse facendo máis ensaios”, matiza Fondevila, que tamén subliña a importancia de ter un bo orzamento para empregar as mellores técnicas e abranguer máis campos de estudo.

Máis estudos

Máis en detalle, Fondevila recorda que cada vez se están a levar a cabo máis estudos sobre o sorafenib. “Vemos que a resistencia a este fármaco é multifactorial, que non intervén un só factor neste proceso. Todo conflúe. É como unha suma e multiplicación de variables e mecanismos que están alterados nesas células tumorais”, engade a investigadora galega. Ao tempo recorda que hai outro fármaco, o regorafenib, que tamén se está empregando para tratar a enfermidade e que, habitualmente, só se administra cando falla o primeiro.

Fondevila investiga o hepatocarcinoma dende que estudaba a carreira. Leva anos inmersa na ciencia básica, tratando de atopar dianas terapéuticas e biomarcadores que se convertan en raios de esperanza. Pouco a pouco vanse atopando novas liñas de investigación e novas técnicas. Aínda que tamén se precisan cartos. E un apoio real á carreira investigadora a todos aqueles que, como Flavia, teñen unha profunda vocación. Un desexo real de manter a ilusión e de facer todo o posible para que un día o cancro de fígado —igual que todos os demais— xa non se asocien coa mortalidade, senón coa vida.


Referencias:

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Atopada unha diana terapéutica que podería frear o alzhéimer

Científicos do CSIC descubriron novas claves sobre a formación dunha estrutura patolóxica denominada "amiloide" por parte da proteína neurotóxica tau

Atopada unha nova diana terapéutica para tratar doenzas relacionadas coa obesidade

Un equipo español descobre diferenzas na regulación do metabolismo dunhas células do sistema inmunitario en función do órgano no que residen

Un novo método aumenta nun 30% os doentes de cancro que optan a un transplante de fígado

Varios proxectos europeos combaten o "asasino silencioso" con melloras na selección dos pacientes e impresión de tecido hepático

Un biosensor de grafeno permite a detección ultrasensible da hepatite C

Un equipo internacional desenvolve unha tecnoloxía que identifica as proteínas clave do virus que provoca a enfermidade