Atopada unha diana terapéutica que podería frear o alzhéimer

Científicos do CSIC descubriron novas claves sobre a formación dunha estrutura patolóxica denominada "amiloide" por parte da proteína neurotóxica tau

Un equipo internacional con participación española estudou na proteína neurotóxica tau o mecanismo de formación de amiloide, unha estrutura habitualmente patolóxica que se forma a partir dunha cadea bioquímica de cambios estruturais. Ademais, acumúlase no cerebro de pacientes que sofren enfermidades neurodexenerativas como o alzhéimer. Os resultados dun recente estudo con participación do CSIC, que aparecen publicados na revista Angewandte Chemie, revelan unha posible diana terapéutica nova ao comezo destes cambios, que se basearía en impedir que tau forme amiloide e, por tanto, en bloquear moi cedo os posteriores pasos que levan ao desenvolvemento destas demencias.

Tau é unha proteína intrinsicamente desordenada (non adopta unha única estrutura tridimensional, como a maioría delas) que forma parte do citoesqueleto das células e exprésase principalmente nas neuronas. Pertence á familia de proteínas asociadas a microtúbulos e pode estar relacionada co transporte e o crecemento axonal, a polarización neuronal e, por tanto, co funcionamento normal das neuronas e o cerebro. En pacientes afectados pola enfermidade do alzhéimer, tau deixa de cumprir a súa función normal por causas aínda descoñecidas e comeza a formar agregados tóxicos de amiloide no interior das neuronas e as células gliais, que acaban causando a súa morte.

Publicidade

Mediante o uso dunha técnica que permite o estudo de moléculas individuais denominada espectroscopía de forza, baseada no uso dun microscopio de forza atómica, os científicos analizaron molécula a molécula a estrutura e o comportamento de tau antes de que comece a ser patolóxica (no monómero ou forma molecular máis simple ou non agregada) e descubriron cales son os primeiros cambios que inician o proceso de formación de amiloide. “Esta información abre a porta á identificación dunha posible diana terapéutica ideal, desde o punto de vista farmacolóxico, por atoparse ao principio da fervenza bioquímica que desencadea a formación de amiloide”, precisa Mariano Carrión, investigador do IC-CSIC e líder da investigación.

“Ábrese a porta a unha posible diana terapéutica ideal, por atoparse ao principio da fervenza bioquímica que desencadea a formación de amiloide”

MARIO CARRIÓN, investigador do IC-CSIC

Como a maioría de proteínas que forman amiloide, tau presenta na súa forma non agregada un gran polimorfismo conformacional (flutúa entre distintas estruturas ou conformacións). Estes científicos descubriron que, contrariamente ao que ocorre con outras proteínas neurotóxicas, tau necesita desestruturarse parcialmente, é dicir, diminuír o seu polimorfismo conformacional, para poder iniciar a cadea amiloidoxénica relacionada co desenvolvemento da enfermidade.

Publicidade

A cascada bioquímica

No últimos 20 anos, a hipótese da denominada “cascada amiloide” serviu de referencia ás investigacións sobre o alzhéimer. De acordo con ela, o aumento de amiloide explicaría as características patolóxicas da enfermidade, que inclúen, entre outras, a formación de nobelos neurofibrilares formados por tau hiperfosforilada e de placas extracelulares compostas polo péptido beta-amiloide, a disfunción da sinaps ou comunicación das neuronas e a morte destas en fases tardías da enfermidade.

Gran parte das investigacións que teñen como obxectivo final a cura e a prevención do alzhéimer baséase nesta hipótese e trata de buscar a maneira de interromper esa acumulación, un proceso que aínda non está totalmente comprendido polos científicos.

“O noso estudo achega nova información sobre o mecanismo de formación de amiloide por parte de tau, ao principio do proceso, relevante para futuros estudos en busca de intervencións terapéuticas eficaces, e tamén sobre a posible base estrutural da variabilidade observada nas fibras amiloides de tau en diferentes enfermidades”, precisa o investigador do CSIC.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os gatos con demencia, unha nova fiestra ao estudo do alzhéimer en humanos

Investigadores da Universidade de Edimburgo revela que os felinos desenvolven cambios cerebrais similares aos das persoas, o que os converte en modelos naturais prometedores para a investigación da enfermidade neurodexenerativa

Identificada unha nova diana para evitar a metástase en cancro de mama

Un estudo sinala a proteína TIM-3, que permite ás células tumorais suprimir o sistema inmunitario cando chegan a órganos distantes

Identificada unha diana terapéutica para o cancro de pulmón máis frecuente

Un estudo do CSIC revela que a inhibición dunha proteína clave na sinalización do crecemento celular bloquea a progresión tumoral

A proba galega que permite detectar demencia en apenas dous minutos

Un sistema de validación creado por un equipo da USC utiliza unha versión reducida da escala de denominación de Boston