Veterinarios, zoonoses, pandemias e sentido do humor

Un bo número de veterinarios e veterinarias galegas e de boa parte de España veñen manifestando desde este martes o seu malestar por un unha peza emitida o luns no programa Malicia Noticias, da televisión pública de Galicia, a TVG, na que se comenta en ton de mofa o papel do colectivo encargado de velar pola sanidade animal no marco da crise do coronavirus. O Colexio de Veterinarios de Lugo xa avanzou na tarde do martes que reclamaría á TVG “unha desculpa e unha rectificación inmediata aos responsables do programa polo trato vexatorio e a falta de respecto que manifestaron á nosa profesión, que de ningunha maneira estamos dispostos a consentir”.

A controvertida chanza usou como enganche unha información do Galicia Noticias na que un profesional que traballa na montaña de Lugo explicaba a relevancia do sector na prevención e control de zoonoses, como é o caso da Covid-19, producidas por un virus que pasa dos animais aos humanos.

Publicidade

“Os veterinarios loitando contra unha pandemia teñen menos lóxica que David Bisbal dando clases de filoloxía galega”, coméntase no programa. Despois do vídeo no que o veterinario expón o seu traballo, realízanse máis comentarios en ton de chanza sobre a profesión, como “Gran labor a dos veterinarios, como a dos bombeiros; esta xente igual che capa un castiñeiro que che apaga un porco”, ou “capar unha gata ou meterlle o brazo polo cu a unha vaca tampouco vos converte en lexionarios”, conclúe un dos presentadores.

O fragmento comezou a circular a través das redes sociais e grupos de mensaxería instantánea nos que participaban veterinarios, que cualificaron de “vergonzoso espectáculo” a peza difundida na televisión pública galega. Un dos autores destas mensaxes expoñía que “grazas aos veterinarios se controlaron no noso país enfermidades como a rabia, a tuberculose, a brucelose ou as vacas tolas”. Ademais, moitos profesionais destacaron que durante todo o estado de alarma o colectivo dos veterinarios estivo en primeira liña para garantir a sanidade dos animais, en moitos casos como un elo esencial para garantir o funcionamento do sector agroalimentario.

Investigación das zoonoses

Neste sentido, os veterinarios veñen reivindicando desde o comezo da crise que a súa experiencia se teña en conta para mellorar a resposta fronte á pandemia. Nun artigo publicado en abril en Diario Veterinario, Alberto Portela, presidente de Historia Veterinaria Galega (Hisvega), defendía que “o profesional veterinario é o que ten unha maior experiencia no control e erradicación de enfermidades que afectan ao conxunto da poboación”, xa que ao longo da historia, a disciplina “tivo que enfrontarse a moitas enfermidades de grande importancia sanitaria e cun enorme calado económico”.

Liberdade de expresión e información

No medio dunha crise na que ás veces se viu ameazada a liberdade de expresión e información, e onde se pon de manifesto a necesidade de que a cidadanía teña coñecemento das decisións que a afectan, sería absurdo, e mesmo perigoso, atacar ao mensaxeiro dunha chanza desafortunada, si, pero que se enmarca dentro dos límites admisibles de algo tan libre como o humor, que é capaz de sacar un sorriso ata nos momentos máis duros. Por iso, o problema non está nun guion que intenta facer rir e entreter, con maior ou menor éxito. O problema reside en que a liberdade da chanza cara aos veterinarios, as vítimas dun atracador rural ou a un agricultor que cultiva unha berza xigante desaparece nos mesmos medios públicos cando se trata de criticar, aínda que sexa en ton de chanza (nin sequera), aos que controlan ata iso, o humor que se fai sobre eles.

As leccións sobre os coronavirus que aprendemos dos porcos

O coronavirus non é un produto de laboratorio, é unha zoonose

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Radiografía da atención sanitaria telefónica: “Os máis novos parecen ter máis dificultades”

Investigadores da UVigo analizan a medida implantada masivamente durante a primeira onda da pandemia de covid-19

“A circulación do virus de Crimea-Congo en Galicia existe, pero polo de agora é moi baixa”

Investigadores da USC admiten que o salto do patóxeno a persoas é “cada vez máis posible” no territorio galego, pero chaman á calma

Un estudo galego investiga as algas mariñas como alternativa aos antibióticos en coellos

A investigación de Sabela Al-Soufi Novo no Campus Terra da USC avalía con resultados prometedores o uso destes organismos na mellora da saúde intestinal dos mamíferos

Tes covid, alerxia ou catarro? Estas son as diferenzas

A inmunóloga e catedrática da UVigo África González sinala as diferenzas e similitudes dos síntomas que provocan as tres enfermidades