A vacina de Pfizer xa está en camiño: así serán os vindeiros meses

A autora advirte que, a pesar do fito científico de acadar a fórmula en menos dun ano, as medidas de prevención deberán continuar durante tempo

As primeiras doses da vacina de Pfizer e BioNTech sairán cara a Reino Unido nos vindeiros días.
As primeiras doses da vacina de Pfizer e BioNTech sairán cara a Reino Unido nos vindeiros días.

* Un artigo de

O Reino Unido converteuse no primeiro país en aprobar a vacina de Pfizer/BioNTech para un uso xeneralizado. O goberno británico xa encargou 40 millóns de doses e espérase que o primeiro lote de 800.000 doses se envíe desde Bélxica, onde se fabrica a vacina, nos próximos días. Servirán para inmunizar a 400.000 persoas, xa que se requiren dúas doses por persoa.

O regulador de medicamentos do Reino Unido, a Axencia Reguladora de Medicamentos e Produtos Sanitarios (MHRA), tamén iniciou unha revisión continua doutras vacinas en ensaios en humanos en fase final, como a vacina de AstraZeneca/Oxford e a vacina de Moderna. Se estas tamén cumpren cos estándares de eficacia e seguridade establecidos pola axencia, tamén serán aprobadas para a súa distribución masiva.

A vacina desenvolvida con máis rapidez ata o de agora era a das papeiras, ou parotidite, que tardou apenas catro anos desde a súa concepción ata a súa comercialización. As vacinas contra a Covid-19 bateron ese récord por unha ampla marxe, xa que tardaron menos dun ano en desenvolverse. Pero iso non significa que se tomaran atallos inapropiados.

A MHRA estudou minuciosamente os rexistros dos máis de 40.000 participantes de diversas orixes nos ensaios. A eficacia da vacina, é dicir, que capacidade mostrou para previr a Covid-19 sintomática nos ensaios, é do 95%, aínda que se espera que esa cifra diminúa levemente en condicións reais. E non houbo efectos secundarios graves, aínda que estes continuarán sendo monitorados a medida que se implemente a vacina.

Espérase que os traballadores sanitarios reciban a vacina os primeiros, xa que son un dos grupos máis vulnerables. Ademais, os hospitais británicos teñen os conxeladores ultrafríos necesarios para almacenar a vacina, polo que, desde o punto de vista loxístico, é un bo lugar para comezar.

Non desbote aínda a máscara

Todas estas noticias son magníficas e constitúen unha boa razón para ser optimistas sobre o futuro. Pero Peter Openshaw, profesor de medicina experimental no Imperial College de Londres, advirte de que sería un “terrible erro suavizar as medidas de control da Covid-19 neste momento.

Así que nin tire a súa máscara nin vaia correndo a darlle unha aperta aos seus avós. Un informe de The Royal Society, a academia científica independente máis antiga do mundo, di que é probable que as restricións sigan vixentes durante algúns meses, talvez mesmo un ano.

A vacina xa está en camiño, pero os expertos advirten de que sería un “terrible erro” relaxar as medidas de control por agora

Cando reciba a vacina fronte á Covid-19, non debería esperar unha protección inmediata contra a infección. Os glóbulos brancos, coñecidos como linfocitos B, primeiro necesitan detectar o antíxeno na vacina e logo xerar anticorpos específicos contra el. Se se expón ao coronavirus, estes anticorpos adhírense ao virus e neutralízano.

A resposta do seu sistema inmunitario, xerada polos linfocitos B, coñécese como a resposta primaria e tarda aproximadamente dúas semanas en activarse. Por tanto, durante as dúas semanas posteriores á picada, aínda corre o risco de enfermar por Covid-19.

Ademais, boa parte das vacinas que se están a desenvolver contra a Covid-19 requiren dúas inxeccións para garantir unha protección completa. E o intervalo entre as inxeccións varía de 21 a 28 días. Por tanto, a vacina tardará unhas seis semanas tras a primeira picada en proporcionar unha protección completa contra a enfermidade.

Non sabemos se estas vacinas paran a transmisión

Aínda que as vacinas nos ensaios de última etapa parecen ser moi eficaces para previr os síntomas da Covid-19, aínda non podemos estar seguros de que eviten a transmisión do virus.

Para iso, necesitariamos unha vacina que proporcione a denominada inmunidade esterilizante. Aquí é onde as células inmunes poden unirse ao virus para evitar que ingrese nas células onde pode comezar a replicarse. Isto quere dicir que, mesmo seis semanas despois de recibir a primeira inxección, aínda podería infectarse co coronavirus, mesmo se non enferma.

Os estudos da fase preclínica da vacina de Oxford atoparon que os macacos rhesus que foron inmunizados coa vacina estaban protexidos de síntomas graves e non tiñan evidencia de dano pulmonar. Pero a infección por coronavirus mantíñase no tracto respiratorio superior e no nariz aínda tiñan virus. Se acontece o mesmo cos humanos, isto suxeriría que, aínda que estarán protexidos da enfermidade sintomática, poderían propagar o virus.

Nesta etapa, non sabemos se as vacinas de Pfizer ou Moderna deteñen a transmisión, aínda que é de esperar que novos estudos acláreno.

Ademais, se vostede recibe finalmente a vacina, existe unha pequena posibilidade, polo menos una de cada vinte, de que non o protexa. Entón, mesmo se foi vacinado –e é posible que a campaña de vacinación non conclúa ata o verán de 2021–, aínda debe usar máscara, traballar desde casa se pode e practicar o distanciamento social. En canto á hixiene de mans, tratemos de mantela: os virus, incluído probablemente o SARS-CoV-2, sempre estarán entre nós.


* Manal Mohamed é profesora de Microbioloxía na universidade de Westminster. O artigo publicouse orixinalmente en inglés.

Cláusula de divulgación: a autora non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declara carecer de vínculos relevantes alén do cargo académico citado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.