Venres 19 Abril 2024

O custo da fuga de talento en Galicia: máis de 200 millóns por ano para formar a quen emigra

Un informe do Foro Económico de Galicia destaca a necesidade de abrir un debate sobre a perda de capital humano de alta cualificación

A emigración en todos os niveis da sociedade acompaña a historia de Galicia. E desde que se ampliou o acceso da cidadanía á formación de máis alta cualificación, o fenómeno coñecido como fuga de cerebros, ou fuga de talento, é palpable. O sistema produtivo do país non é quen de asimilar todas as persoas egresadas das universidades, que en moitas ocasións teñen que buscar noutras rexións un posto laboral acorde á súa formación. Un informe que presentou este mércores o Foro Económico de Galicia aborda a problemática e cuantifícaa: cada ano, o custo que supón a formación do talento que acaba emigrando supón entre 178 e 311,5 millóns de euros para Galicia, nun abano que depende do tempo que tarda un estudante en concluír a súa carreira.

En relación a isto, o informe, elaborado Alberto Vaquero, profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense; Luis Espada, director do Observatorio de Persoas Tituladas da Universidade de Vigo; Víctor R. Martínez Cacharrón, enxeñeiro industrial encargado de análise de datos nese observatorio, e Sara Fernández, profesora de Economía Financieira da Universidade de Santiago de Compostela, estima que en Galicia déixanse de crear 315 empresas por mor desta fuga de talento e, do mesmo xeito, deixan de producirse 1.500 nacementos, xa que boa parte destes migrantes están en idade de ter descendencia, que acaba nacendo noutras rexións.

Publicidade

A fuga de talento provoca que se deixen de crear unhas 315 empresas e produce 1.500 nacementos menos

Unha aproximación

O documento, co título Fuga de talentos en Galicia: mito ou realidade? “pretende realizar unha primeira aproximación e abrir o debate” sobre o asunto, “un tema moi delicado e difícil de traballar”, segundo o Foro Económico. Algúns indicadores son máis alentadores, como a Enquisa de Variacións Residenciais, ofrece un saldo positivo de 17.747 movementos en Galicia (máis entradas ca saídas), aínda que este saldo é negativo no caso dos egresados universitarios. E destácase, ao mesmo tempo, como outras comunidades, como Catalunya ou Madrid, captan o 50% das persoas que emigran desde Galicia.

Presentación do informe. Foto: Foro Económico de Galicia.
Presentación do informe. Foto: Foro Económico de Galicia.

“Os datos manexados permiten sinalar como o problema da emigración do talento en Galicia non ten os tintes que si se amosan noutras comunidades autónomas, pero con todo, temos que ser conscientes de que somos unha comunidade autónoma exportadora de talento. Sen acadar a dimensión que se observa noutras comunidades autónomas, hai que ter en conta esta realidade”, expón o traballo.

“Analizar a fuga de talento é un tema en si delicado, facelo de forma rigorosa é unha cuestión extraordinariamente difícil debido á falta de estatísticas oficiais apropiadas”, destacan os autores do informe. Deste xeito, o debate que piden abrir debería levar a asentarse en “datos específicos e obxectivos”. Neste contexto, indican, o documento presentado este mércores “pretende ser un punto de partida nese proceso de debate que, seguro, será difícil, pero que non pode retrasarse máis”.

Destacan os investigadores que “a fuga de talento, entendida como a emigración a outros territorios de persoas de alta cualificación, é algo a ter moi presente. Se ben a mobilidade de traballadores resulta desexable para axustar a oferta coa demanda de capital humano, unha perda neta continuada de persoas egresadas ten importantes consecuencias negativa a nivel económico e social”.

Recomendacións

Para mitigar o fenómeno da fuga de talento, os autores do informe propoñen unha lista de recomendacións:

  • Un maior esforzo en materia de emprego que posibilite un menor axuste da oferta coa demanda de traballo.
  • Creación de postos de traballo que pase pola creación de empresas innovadoras e de maior tamaño.
  • Aplicación de políticas públicas e privadas que posibiliten competir en igualdade de condicións.
  • Impulsar as actividades relacionadas coa tecnoloxía en Galicia.
  • Mellorar a cooperación entre o sector produtivo e o sistema universitario de Galicia.
  • Garantir calidade de vida á xuventude.
  • Promover estratexias de retorno.

O informe Fuga de talento en Galicia: mito ou realidade? pode descargarse (PDF) nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204