Unha tese do CiMUS avanza na terapia contra a psoríase

A investigadora Elia Álvarez desenvolveu un estudo sobre unha interleuquina validada como diana terapéutica para abordar esta doenza

Calcúlase, segundo algunhas enquisas, que máis de 50.000 persoas en Galicia teñen psoríase, unha doenza autoinmune que provoca lesións na pel e cuxa orixe aínda non está de todo clara, xa que se observa unha certa predisposición xenética mais non é hereditaria, pois nela inflúen tamén outros factores desencadeantes. Contra ela existen algúns tratamentos que poden mitigar as lesións, mais non hai ata o momento unha cura efectiva. É, por tanto, unha doenza na que están centrados bastantes esforzos desde a ciencia. Desde o CiMUS de Santiago acaba de presentarse un avance na terapia contra a psoríase grazas á tese de doutoramento de Elia Álvarez Coiradas, cuxo traballo “supón un salto cualitativo na investigación de tratamentos efectivos contra a psoriase a través dunha metodoloxía de descubrimento temperán de fármacos”. O traballo estivo dirixido por Eduardo Domínguez e Mabel Louza, do grupo BioFarma.

Como explica Álvarez Coiradas, “a interleuquina 17 (IL-17) é unha citoquina proinflamatoria validada como diana terapéutica para o tratamento da psoríase mediante o uso de anticorpos terapéuticos que neutralizan esta citoquina ou o seu receptor. O uso destes medicamentos biolóxicos non está exento de limitacións, por exemplo o seu elevado custo ou a necesidade de utilizar unha vía de administración parenteral”.

Publicidade

Por iso, como se abordou nesta tese, é necesario desenvolver novos métodos que permitan descubrir ligandos de baixo peso molecular que bloqueen a interacción entre IL-17A e o seu receptor, a IL-17 RA. Con este obxectivo, Elia Álvarez abordou o uso dunha metodoloxía de descubrimento temperán de fármacos na que se xerou unha quimioteca focalizada e priorizáronse os ligandos identificados ‘in silico’ mediante ensaios biofísicos de unión a IL-17A/ IL-17 RA.

Así, atopáronse dous ligandos con eficacia antiinflamatoria na liberación de quimioquinas mediada por IL-17A en queratinocitos humanos. Estes bloquearon parcialmente a sinalización intracelular de IL-17 RA. Deste xeito, “os novos ligandos identificados poderían ser moduladores da resposta inmunitaria mediada por IL-17, alterada en patoloxías inflamatorias con compoñente autoinmune como é a psoriase”, engade a investigadora do CiMUS.

Publicidade

Presentación telemática da tese de Elia Álvarez. Foto: CiMUS.
Presentación telemática da tese de Elia Álvarez. Foto: CiMUS.

Elia Álvarez desenvolveu a súa tese cun contrato predoutoral FPU (Formación de Profesorado Universitario) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Ademais, outorgóuselle unha Axuda á mobilidade para estancias breves para beneficiarios do programa de Formación do Profesorado Universitario (FPU), coa que realizou unha estancia de investigación durante tres meses no laboratorio de Kilian Huber, no Nuffield Department of Medicine da Universidade de Oxford, no Reino Unido. E como resultado do traballo de investigación desta tese doutoral publicouse un artigo na revista International Immunopharmacology.

A investigación, co título “Identificación de novos ligandos dirixidos á interleuquina 17 con utilidade farmacolóxica en enfermidades autoinmunes”. foi avaliada polo tribunal composto por María Teresa de los Frades Alvaro (Universidade Francisco de Vitoria, de Madrid), Bruno Conti (Scripps Research, California, USA) e David Moreira Álvarez (Universidade de Santiago de Compostela).


Referencia: Discovery of novel immunopharmacological ligands targeting the IL-17 inflammatory pathway (Publicado na revista International Immunopharmacology).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do formigón de Ourense aos parques de Santiago: un estudo contrasta os dous modelos de zonas verdes

A cidade do sur galego é unha das tres con peor cobertura, con 4,6 metros cadrados por habitante, moi por debaixo da media de 14,15

A nova Unidade Mixta da USC avanzará en anticorpos terapéuticos para cancro e doenzas inflamatorias

A iniciativa reúne persoal investigador do CiMUS e a biotecnolóxica SunRock Biopharma para impulsar tratamentos biolóxicos de precisión

Identificados novos factores xenéticos da fatiga persistente tras a radioterapia por cancro de próstata

Un estudo publicado en 'Nature Communications' e con participación galega descobre unha variante no xene ACTR3 asociada a un risco tres veces maior de desenvolver a sintomatoloxía despois do tratamento

GCiencia lanza a décima edición dos premios Galicia Spin-Off

Os galardóns recoñerán un ano máis a empresas innovadoras xurdidas das universidades e a un grupo de investigación