Ter altas capacidades non significa sacar boas notas (aínda que debería)

*Un artigo de Logo The Conversation

Unha alumna brillante, que saca excelentes notas e destaca en todas as materias? Moitas persoas, incluídos docentes, pensan que esta é a descrición dunha persoa con altas capacidades. Pero os nenos con altas capacidades non coinciden con ese estereotipo. De feito, deixamos de chamalos superdotados porque, lonxe de ser un trazo innato e inmutable, as capacidades altas forman parte dun potencial cuxo desenvolvemento depende dun proceso adaptativo e pódense cambiar.

Publicidade

Se se revisan os programas académicos das carreiras de maxisterio ou do mestrado de formación do profesorado, son moi escasas as universidades onde hai, polo menos, unha materia específica con este contido.

Más capacidade, pero peores resultados

Os estudos sobre a intelixencia superior inícianse a mediados do século XX co psicólogo estadounidense Lewis Terman, que tomou unha mostra de homes con cocientes intelectuais superiores a 130 e realizou un estudo transversal de 20 anos, esperando atopar os novos xenios americanos neste grupo.

Publicidade

Aqueles homes non resultaron ser os xenios que se esperaba do seu alto cociente intelectual, o que deu inicio a un ámbito de investigación que busca entender por que simplemente a intelixencia non asegura un resultado académico brillante. A miúdo, o que produce é underachievement: logros inadecuados de rendemento, abandonos, suspensos e cualificacións inferiores ao que se esperaría en relación á súa capacidade intelectual.

Se o factor que máis peso ten en predicir o resultado académico, sobre todo nos cursos iniciais, é a intelixencia, por que os alumnos con maior coeficiente intelectual non sempre logran ese resultado académico brillante?

Atención personalizada

De acordo con a propia definición do que é alta capacidade, esta debería darse nun 10% da poboación, en calquera idade. A día de hoxe, por exemplo en España, non chegan ao 1%. Isto quere dicir que non se identifica como tales a alumnos con altas capacidades.

Pero mesmo identificados, como respondemos as súas características específicas? Aínda que hai directrices para a formación deste alumnado (en España, enriquecemento a través de adaptacións curriculares, ou ben aceleración, isto é, adiantalos total ou parcialmente de curso) non existe un seguimento sobre cando, canto e como se realizan estas adaptacións.

Moi a miúdo consisten en aumentar o número de tarefas (por exemplo, en lugar de cinco sumas, dez), o que fai que as actividades propostas sexan repetitivas e teñan o efecto contrario; ou que a proposta de enriquecemento do currículo se someta ao que fai o resto de compañeiros e compañeiras, incrementando así de forma aburrida as horas de traballo deste alumnado máis capaz.

O efecto teito

Cando os estudantes con altas capacidades non teñen a opción de aprender todo do que son capaces, abúrrense: pórtanse mal en clase ou séntense desmotivados e deixan de interesarse polas clases. Se a curiosidade é un elemento imprescindible da aprendizaxe de calquera tipo de estudante, no caso das altas capacidades é aínda máis imprescindible: trátase de nenos e nenas especialmente curiosos de maneira natural, que reaccionan especialmente aos retos. Ter unha alta carga de tarefas repetitivas, pouco motivadoras, escasas en contidos novos, é todo menos retador.

A esa perda de motivación hai que engadir outro feito pouco coñecido: os alumnos con altas capacidades aprenden moi rápido, pero non sempre conseguen consolidar os seus coñecementos. Aínda que, como mencionamos, a intelixencia ten unha contribución moi importante no rendemento, sobre todo nos primeiros anos do currículo académico, non é o único factor. Os estilos de aprendizaxe e os hábitos de estudo xogan un papel moi relevante. O alumnado con altas capacidades intelectuais, polo seu rápido ritmo de aprendizaxe, pode alcanzar un bo rendemento, pero non necesariamente desenvolver hábitos de estudo.

Falsa sensación de éxito

Outra consecuencia habitual no caso dos estudantes con altas capacidades é diferente á anterior, pero con resultados igualmente contraproducentes para eles. Cando se conseguen bos resultados académicos —é dicir, boas notas— con pouco esforzo, ocorren tres cousas:

  • En primeiro lugar, non desenvolven hábitos de estudo, o que terá repercusións importantes a longo prazo, cando exista maior esixencia das tarefas académicas, segundo se avance no currículo docente.
  • En segundo lugar, como non é preciso organizarse, porque de todas as maneiras se obteñen resultados, apréndese a procrastinar con éxito.
  • Por último, como consecuencia das dúas anteriores, cando chega o momento en que as esixencias académicas son maiores e se baixa o rendemento, nos cursos nos que as cualificacións son máis importantes para acceder a graos universitarios ou bolsas, estes estudantes terminan cun currículo final pouco relevante e atractivo para potenciais empregadores.

Un programa acorde coas súas necesidades

O alumnado de altas capacidades necesita un programa educativo acorde ás súas necesidades. E non só porque é de xustiza e de equidade, permitindo que avancen nas súas potencialidades, senón tamén para que adquiran bos hábitos: o esforzo, a tarefa ben feita e, sobre todo, sentir que teñen valor e poden achegar. Algo que necesitamos todos.

Potenciar este alumnado é potenciar a nosa sociedade, apoiando ese talento que é tan necesario nun mundo que afronta cada día máis e máis variados retos.


Cláusula de divulgación:

  • Leire Aperribai recibe fondos do Goberno VAsco e da Universidade do País Vasco UPV/EHU.
  • África Borges del Rosal non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declarou carecer de vínculos relevantes máis alá do cargo académico citado.
África Borges del Rosal e Leire Aperribai
África Borges del Rosal e Leire Aperribai
África Borges del Rosal é catedrática de Metodoloxía das Ciencias do Comportamento e está especializada en altas capacidades intelectuais na Universidade de La Laguna. Leire Aperribai é profesora agregada da área de Personalidade, Avaliación e Tratamentos Psicolóxicos da Facultade de Psicoloxía da Universidade do País Vasco / Euskal Herriko Unibertsitatea

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

É a dieta rica en potasio un antídoto contra a hipertensión?

O mineral contrarresta o exceso de sodio e considérase un factor preventivo e terapéutico para a presión arterial alta

Por que terxiversamos a información cando ameaza as nosas crenzas?

O principal motor psicolóxico da desinformación e das teorías da conspitación non é outro que a defensa das nosas ideas para ter razón a toda costa

A falsa empatía de Chat GPT

Os 'chatbots' usan palabras e frases comprensibles e familiares e tamén adoptan patróns de comunicación propios das persoas

Misoxinia en liña: máis cousificación e ciberacoso cara ás mulleres ca nunca

O ecosistema virtual transformouse nun espazo marcado por unha semiótica sexista e omnipresente que facilita a reprodución de estereotipos