Coa pandemia da Covid-19, a poboación tomou conciencia da relación que existe entre a presenza de determinados microorganismos en animais e a aparición de enfermidades en humanos. Pero esta relación non se limita aos coronavirus.
Xa en 2006, un grupo de científicos – medicos e veterinarios– puxo en marcha a iniciativa One Health (“Unha Soa Saúde”). A súa idea era nin máis nin menos que impulsar un enfoque interdisciplinar no coidado da saúde das persoas, os animais e o medio ambiente, entendendo que todas están ligadas entre si.
Febre do Nilo Occidental e Febre hemorráxica de Crimea-Congo
Este ano 2020, ademais da Covid-19, houbo un importante brote de Febre do Nilo occidental en Andalucía. A enfermidade afecta fundamentalmente aos cabalos, con gravidade variable. Pero tamén é transmitida por algúns mosquitos aos seres humanos, podendo causar desde unha enfermidade case asintomática a unha enfermidade severa e mesmo mortal.
Que xurdise aparentemente “da nada” explícase, sobre todo, polas aves migratorias que son portadoras deste virus. De feito, estas aves son responsables de que desde hai anos esta enfermidade se vaia estendendo polo mundo, chegando a zonas moi distantes do seu foco orixinal.
Alén disto, hai unhas semanas anunciábase que varias persoas en España estaban afectadas pola Febre hemorráxica de Crimea-Congo. Algo que se está repetindo desde hai xa varios veráns. Esta enfermidade transmítese fundamentalmente por unha especie de carracha, e pasou de ser case exclusivamente detectada en África Central, a estenderse polo centro e o sur de Europa. Carrachas, aves, cabalos, humanos, mosquitos… Todo conectado.
En ambos os casos, como na Covid-19, trátase de zoonoses (ou enfermidades zoonóticas), que é como se denomina a aquelas que os humanos adquirimos a partir de animais. Poden ser transmitidas por insectos, ou a través do contacto cos animais que portan o microorganismo e que poden estar enfermos ou ser asintomáticos.
Tamén existen zoonoses inversas: enfermidades transmitidas desde os humanos aos animais. Que, ollo, tamén son importantes. É máis, neste momento, trabállase en protocolos para previr a transmisión da Covid-19 (PDF) á fauna salvaxe por contaxio desde os seus coidadores ou investigadores.
Por que empezaron a aparecer estas enfermidades onde antes non se detectaban?
Unha primeira razón é a maior mobilidade humana e animal (mascotas, gando), que fan que os microorganismos poidan viaxar dunha punta a outra do planeta en cuestión de horas.
Pero tamén inflúen as alteracións que se están producindo nos ecosistemas, moitas delas debidas á acción humana. A “saúde ambiental” reséntese, cambia o clima, e os insectos que antes non podían vivir ás baixas temperaturas europeas, agora multiplícanse sen problemas. Ademais de ésto, o cambio climático fixo que cambien as rutas migratorias das aves, dispersando os microorganismos que portan cara a novos territorios.
Outro elemento para ter presente é a urbanización de determinadas zonas remotas, unida á construción de estradas e outras infraestruturas. Isto fai que teñamos contacto directo ou indirecto con animais que normalmente estaban en ecosistemas illados do ser humano. Este tipo de actividades levou á aparición de enfermidades como as causadas por algúns arenavirus ou polo virus Nipah.
A deforestación tamén nos sae cara. Á fin e ao cabo, pon aos humanos e aos animais domésticos en contacto con morcegos, roedores e outras especies animais. E iso implica relacionarnos con novos microorganismos, descoñecidos para o noso sistema inmune.
A iniciativa “One Health”, “Unha soa saúde”.
Neste contexto, a iniciativa One Health -Unha soa saúde- fai fincapé en que a saúde humana, a dos animais e a “saúde” do medio ambiente deben considerarse como un todo. O que ocorre en cada unha das partes repercute nas demais.
Os veterinarios téñeno reflectido no lema que figura no seu escudo: Hygia pecoris, salus populi (A hixiene do gando é a saúde do pobo). Esta frase indica a importancia da hixiene do gando na saúde das persoas.
Volvendo á pandemia da Covid-19, por unha banda, o virus ten a súa orixe nun animal (o que conecta a saúde humana coa saúde animal). Pero a pandemia provocou un incremento exponencial no uso de luvas, máscaras, produtos dun só uso etc., o que repercute directamente no medio ambiente.
Outro campo no que tamén é importante o concepto de “Unha soa saúde” é o da resistencia a antibióticos. O uso excesivo de antibióticos en veterinaria, tanto para mascotas como para animais de produción, provoca a selección de bacterias resistentes, que poden transmitirse aos humanos e causar infeccións moi difíciles de tratar. Sen obviar que abusar dos antibióticos repercute na saúde animal.
Moitos dos residuos de antibióticos non son eliminados adecuadamente, contaminan as subministracións de auga e provocan a aparición de bacterias resistentes na fauna salvaxe. Detectáronse microorganismos resistentes a múltiples antibióticos en animais de zonas tan illadas como a Antártida.
Parece evidente que debemos comprender e asumir que a nosa saúde e a dos animais (domésticos e salvaxes) son interdependientes e están unidas á saúde dos ecosistemas nos que vivimos. Só temos un mundo e unha única saúde: a de todo o planeta.
* María Teresa Tejedor Junco é profesora Titular de Microbioloxía, na Universidad de Las Palmas de Gran Canaria.
Cláusula de divulgación: a autora non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declarou carecer de vínculos relevantes alén do cargo académico citado.