O Concello de Camariñas colocou carteis disuasorios na contorna do Cemiterio dos Ingleses. Foto: Concello de Camariñas.
O Concello de Camariñas colocou carteis disuasorios na contorna do Cemiterio dos Ingleses. Foto: Concello de Camariñas.

O Concello de Camariñas advirte de multas de 6.000 euros por facer milladoiros

O goberno local coloca sinais para disuadir do hábito de amorear pedras, que estaba alterando espazos como a contorna do Cemiterio dos Ingleses

Desde hai anos, un dos enclaves máis singulares da Costa da Morte, o Cemiterio dos Ingleses, onde están enterrados os náufragos do buque británico HMS Serpent, afundido en 1890, foi escenario dun hábito que, pedra a pedra, foi modificando o lugar. A moda de amorear pedras ao xeito dos milladoiros, os montículos que serven de orientación nos camiños, estaba alterando o espazo, de importante interese xeolóxico, e espertou as advertencias de científicos e colectivos ecoloxistas. Agora o Concello de Camariñas dá o paso para disuadir aos visitantes desta práctica coa colocación de carteis no lugar, no que se advirte de sancións de ata 6.000 euros, tal e como contempla a Lei de Patrimonio Natural e Biodiversidade.

O concello camariñán lembra que “os chamados milladoiros son prexudiciais tanto para a flora como para a fauna da zona na que se crean e ademais alteran a paisaxe”, ao deixar o o solo “descuberto, exposto ao sol e ás choivas; desprotexen a vexetación litoral do vento e a salinidade; modifican o hábitat da fauna endémica xa que estas pedras crean condicións especiais de temperatura e humidade; alteran o equilibrio ecolóxico dos hábitats litorais de interese comunitario; e deixan unha profunda alteración na paisaxe xa que, por exemplo, as praias de cantos rodados e espazos xeomorfolóxicos de Camariñas formáronse hai 8.200 anos durante unha breve subida do mar polo que é unha parte importante do patrimonio científico e natural“. A medida foi unha das conclusións adoptadas polo campo de traballo de voluntariado levado a cabo no verán.

Con esta medida, segundo expón a alcaldesa, Sandra Insua, é evitar que “os visitantes non deixen a súa pegada nos espazos naturais” xa que “todos temos dereito a coñecelo tal e como é”. Ante a elevada afluencia de visitantes de fóra de Galicia, o concello decidiu que os carteis estean en castelán, “xa que ‘prohibido amorear pedras’ podería non ser entendido por todos os visitantes, obxectivo desta campaña”.

Milladoiros: a moda que altera espazos protexidos en Galicia

A colocación de milladoiros é visible noutros enclaves de Galicia, como o castro de Baroña. Desde hai tempo, o debate sobre estes montículos preocupa nas illas Canarias ou as Baleares. As Administracións, nuns casos, e entidades ecoloxistas, noutros, erguéronse contra esta práctica, e chegaron a organizarse actividades para eliminar estas ‘construcións’ en espazos naturais dos arquipélagos polo impacto que xeraban. Desde a Consellería de Medio Ambiente descartábase, nunha consulta realizada o pasado ano, sancionar a quen sexa sorprendido facendo milladoiros. Desde o departamento autonómico apuntábase que un só milladoiro non pode ser considerado como unha infracción grave. E neste sentido, engaden que as posibles sancións “deben ir acompañadas de campañas de concienciación que expliquen os impactos deste novo costume, co obxectivo de acabar con estas prácticas que alteran os ecosistemas e modifican a paisaxe”. A alteración de espazos protexidos, segundo a Lei de Patrimonio Natural e Biodiversidade, “mediante ocupación, roturación, corta, arranque ou outras actuacións” é unha infracción grave que podería levar a unha multa de entre 3.001 e 200.000 euros.

Non hai, con todo, unha visión única da cuestión, toda vez que hai enfoques nos que se describe aos milladoiros como unha manifestación cultural que é tolerable, aínda que debe ser controlada. Así o apunta Felipe Criado Boado, director do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC: “Dalgún xeito, é unha actualización dunha tradición antiga, que se ve desde hai miles de anos. Entendo que isto pode causar un problema medioambiental, pero creo que habería que adoptar unha certa tolerancia ao respecto”, expón Criado. Aludía o arqueólogo á tradición dos milladoiros, “algo que nunca acabou de morrer en Galicia”. “Usouse nos cruces de camiños, no propio Camiño de Santiago, para delimitar propiedades, para marcar sendeiros de montaña, etc. Non deixa de ser unha manifestación da vinculación das persoas co espazo, que habería que interpretar e saber recoñecer”.

Porén, desde outras perspectivas a visión é distinta: estase alterando, posiblemente sen remedio, unha formación de miles de anos. “Trátase, na meirande parte dos casos, como no treito de cabo Vilán cara ao norte, de depósitos de niveis mariños antigos; concretamente os niveis superiores, como os que están fronte ao Cemiterio dos ingleses formáronse no pasado interglaciar, o nomeado Eemiense, no máximo nivel do mar,  hai uns 120.000 anos”, explicaba Augusto Pérez Alberti, catedrático de Xeografía Física ad honorem e membro da asociación estratéxica CRETUS da Universidade de Santiago de Compostela.

2 COMENTÁRIOS

  1. Por fin. Estoy harto de ver estas estúpidas modas contaminando todos los espacios naturales. Vivimos en una etapa donde abundan los bobos

    • Eres de los que no puedes apilar más de tres piedras, verdad? No seas resentido

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.