Sábado 20 Abril 2024

Máis dun 10% da poboación española ten dúbidas da vacina da Covid-19

A Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología analiza nunha enquisa as percepcións da sociedade sobre a prevención da pandemia e a vacina

A Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación, fixo públicos a pasada semana os resultados da enquisa de percepción social sobre aspectos científicos relacionados coa Covid-19, co obxectivo de analizar o cumprimento das medidas de prevención e as actitudes da cidadanía diante dunha futura vacina. No medio das actitudes negacionistas cara a pandemia e as dúbidas sobre a investigación desenvolvida na procura da vacina, a enquisa amosa o cuestionamento dunha pequena parte da sociedade sobre este último punto: un 13,4% das persoas que responderon amosa dúbidas cando se lles pregunta se poñería a inmunización contra o coronavirus.

Fronte a isto, un 32% dos enquisados móstrase totalmente favorable a recibila, o 36% estaría nunha posición favorable, aínda que con algunhas reticencias, e un 9,8% amósase nun termo intermedio nunha escala de sete graos que vai de “para nada” poñería a vacina ata “con total seguridade.

Publicidade

A enquisa, na que se preguntou a 2.100 españois procedentes de distintas Comunidades Autónomas, amosa tamén que as persoas maiores teñen maior predisposición a vacinarse contra a Covid-19 que as máis novas, pero as análises mostran que son máis determinantes outros factores sociodemográficos. En concreto, presentan maiores niveis de reticencia á vacinación aquelas persoas que traballan por conta propia (autónomos), as que teñen niveis altos de estudos (particularmente primeiro ciclo universitario) e de ingresos así como as que consideran que teñen un bo estado de saúde.

As dúbidas

Entre as persoas que manifestan dúbidas diante da vacina, o estudo pon de manifesto que un 32% da poboación está reticente debido á rapidez da investigación e non desexan ser os primeiros en vacinarse, mentres que un 12,7% manifesta temer efectos negativos para a súa saúde. Con todo, a confianza nas vacinas en xeral segue sendo alta entre a poboación española, en liña con estudos previos á pandemia: a gran maioría dos españois considera que as vacinas son eficaces para previr enfermidades (tan só un 4,4% móstrase en desacordo) e que son seguras (6% en desacordo).

Medidas de prevención

O cumprimento das medidas de prevención é un predictor de actitudes favorables á vacinación contra o SARS-CoV-2. Ademais, as medidas foron adoptadas por unha ampla maioría da poboación: 8 de cada 10 manifesta ter un seguimento rigoroso das tres medidas de prevención do coronavirus: máscara, distancia social e lavado de mans. Con todo, preto dun de cada dez españois incumpre ocasionalmente algunha das tres medidas e un 10% adicional manifesta ter un seguimento baixo no conxunto das tres.

Oito de cada 10 persoas afirman cumprir de forma rigorosa coas medidas de prevención

O estudo mostra que o contexto social máis próximo (familiares e amigos) inflúe fortemente no cumprimento das medidas de prevención do coronavirus, sinalando así que o cambio de hábitos é en gran medida grupal, máis que individual.

Os resultados tamén poñen de manifesto que existe unha forte asociación entre os tres principais comportamentos recomendados para a prevención da Covid-19 (distancia social, hixiene de mans e uso da máscara) xa que os niveis de seguimento nunha das recomendacións, cunha alta probabilidade, obsérvanse nas outras dúas.

As persoas que ten unha enfermidade crónica ou non gozan dunha boa saúde tenden a adoptar en maior medida os cambios de hábito que axudan a previir a infección polo novo coronavirus. Así mesmo, os pais e nais de menores de idade presentan unha maior práctica das medidas de prevención do coronavirus.

O estudo mostra que a idade non é un factor determinante no seguimento das medidas de prevención. Doutra banda, obsérvase que a percepción de efectividade das medidas de prevención, así como a preocupación pola evolución da pandemia están relacionadas cun maior cumprimento das mesmas.

O traballo de recollida da información tivo lugar entre o 25 de xuño e o 15 de xullo de 2020. Os resultados deste estudo van en liña cos do Cosmo-Spain, impulsado pola OMS e que se leva a cabo ao mesmo tempo en 31 países.


Podes consultar os resultados da enquisa nesta ligazón (PDF).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Chegan as vacinas contra o melanoma: como funcionan?

As compañías Moderna e Merck xa comezaron os seus ensaios clínicos para desenvolver a terapia, que podería estar lista en 2025
00:05:02

Poñer a roupa ao clareo do Sol, funciona?

É unha técnica tradicional para branquear a roupa que seguimos empregando hoxe. A ciencia confirma a eficacia dos raios solares como o mellor desinfectante natural
00:04:28

Comer ovos dispara o noso colesterol?

Grazas aos avances científicos hoxe sabemos que esta relación non é máis que un mito. Iso si, outros factores como os hereditarios, poden forzarnos a reducir o consumo deste alimento

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento