España leva case 30 anos liderando os indicadores mundiais de transplantes e doazóns.
España leva case 30 anos liderando os indicadores mundiais de transplantes e doazóns.

España e Portugal lideran as cifras de doazóns de órganos en Europa

Os sistemas sanitarios de España e Portugal lideran en Europa as cifras de doazóns por millón de habitantes, segundo os datos compilados e publicados polo Rexistro Mundial de Transplantes, que xestiona a Organización Nacional de Transplantes (ONT) desde hai 14 anos como centro colaborador da Organización Mundial da Saúde (OMS), e que eleva a 146.840 o total de transplantes realizados no mundo en 2019. Esta cifra supón un aumento do 6% respecto ao ano anterior.

España é mesmo un referente a nivel mundial neste eido desde hai tres decenios, encabezando ano tras ano os indicadores. Os datos do Rexistro Mundial, segundo salienta o Ministerio de Sanidade, tamén reflicten a importante contribución española á doazón de órganos: aís achegou o pasado ano o 20% das doazóns de órganos da UE e o 6% das rexistradas no mundo, a pesar de que España apenas representa o 9,1% da poboación europea e o 0,6% da mundial.

En 2019 España mantense por 28º ano seguido como líder mundial en doazón, cunha taxa de 49,6 doantes por millón de poboación (p. m. p). O Rexistro Mundial de Transplantes traballa coa poboación que recolle o Fondo de Nacións Unidas. Este feito explica a pequena diferenza entre a taxa rexistrada pola ONT ao finalizar 2019 (49), e a asignada polo Rexistro Mundial de Transplantes, que a eleva a 49,6 doantes p. m. p. Nos últimos anos, foron varios os países europeos que implantaron en parte ou na súa totalidade o Modelo Español de Transplantes, como Croacia, Francia, Italia ou Portugal. O país veciño xa é o segundo país en doazóns no indicador de doazóns por millón de poboación (33,7), e o 3º en número de transplantes (82,2), por detrás de Francia (90,2) e España (117,4). Como destaca o Ministerio de Sanidade, no Reino Unido, onde se incrementou de forma considerable a actividade nos últimos anos, foi fundamental a implicación dos intensivistas no proceso de doazón, unha das pezas crave do sistema español de transplantes.

Dos máis de 146.000 transplantes realizados en Europa no 2019, 95.479 foron de ril (36% de doante vivo), 34.074 de fígado (19% de doante vivo), 8.311 de corazón, 6.475 de pulmón, 2.338 de páncreas e 163 de intestino. Os transplantes renais e os pulmonares son os que máis aumentaron. Estes transplantes foron posibles grazas a 39.357 doantes falecidos (número que crece un 5% respecto ao ano previo), aos que se suman 41.049 doantes vivos de ril (34.549) e fígado (6.500).

Unha das vías máis importantes de crecemento foi o impulso que se deu en moitos países ás doazóns en asistolia ou en parada cardíaca nos últimos anos. De acordo cos datos do Rexistro, 24 países do mundo contan cun programa de doazón en asistolia. Con respecto a 2018, este tipo de doazón creceu un 12% no mundo e un 15% na Unión Europea (UE). No noso país, o incremento da doazón en asistolia foi do 18%, un dos máis altos. De feito, a doazón en asistolia en España representa o 37% do conxunto da UE.

No que respecta a a actividade trasplantadora en 2019, España alcanzou unha taxa de 117,4 transplantes p. m. p, só superada por Estados Unidos, que rexistra 123,4 transplantes p. m. p, debido á súa importante actividade trasplantadora de doante vivo. España ocupa, con diferenza, o primeiro posto na clasificación internacional de transplantes de doante falecido, cunha taxa de 107,9 transplantes p. m. p, moi por encima dos 100.9 p. m. p de Estados Unidos.

En canto á lista de espera, a data 31 de decembro de 2019 os datos do Rexistro Mundial elevan a preto de 60.000 os pacientes que engrosan esta listaxe na UE. Segundo estes mesmos datos, na UE cada día faleceron 10 pacientes á espera dun transplante, cifra idéntica á rexistrada en 2018.

Nos Estados Unidos, a taxa de doazón aumentou ata alcanzar os 36,1 doantes p. m. p, cun total de 11.870 doantes falecidos, datos que supoñen un incremento do 10,7% con respecto ao ano anterior. A iso contribuíu, en gran medida, a dramática epidemia de falecementos polo uso de drogas por vía parenteral acontecida neste país.

América Latina, con quen España colabora desde hai 15 anos a través da Rede/Consello Iberoamericano de Doazón e Transplante (RCIDT) tanto en materia de asesoramento en xestión, como en formación de profesionais en coordinación de transplantes, incrementou nun 9% a doazón de órganos en 2019, alcanzado os 10,3 doantes p. m. p, o que lle permitiu realizar 18.183 transplantes. O crecemento é especialmente relevante na Arxentina (de 15,7 a 19,6), Chile (de 6,5 a 10,3) e Brasil (de 16,7 a 17,7). A actividade de doazón en América Latina, que actualmente lidera Uruguai (con 21,4 doantes p. m. p), practicamente duplicouse desde que se iniciase a cooperación con España no ano 2005, e representa o maior crecemento rexistrado no mundo para unha zona no seu conxunto.

Transplantes

Os datos internacionais de transplantes ratifican de novo o liderado mundial de España neste campo, que alcanzou o pasado ano unha taxa de 49,6 doantes p. m. p. No 2019 contabilizáronse 2.302 doantes de órganos, o que permitiu realizar 5.449 transplantes. En total efectuáronse 3.423 transplantes renais, 1.227 hepáticos, 300 cardíacos, 419 pulmonares, 76 de páncreas e 4 intestinais.

As doazóns en asistolia e a colaboración dos profesionais de intensivos e urxencias cos coordinadores de transplante, convertéronse en elementos fundamentais na mellora da actividade. Á súa vez, España ten unha gran experiencia no transplante de órganos de doantes de idade avanzada con bos resultados, área de potencial mellora noutros países. No noso país, máis da metade dos doantes teñen unha idade superior aos 60 anos, porcentaxe moi superior ao rexistrado na maior parte de países da nosa contorna.

Despois da Covid-19

A tendencia crecente que experimentou España no campo da doazón e o transplante nos últimos anos viuse resentida en 2020 pola crise sanitaria causada pola Covid-19. A pesar diso, desde o 13 de marzo, anuncio do Estado de Alarma, ata o 3 de setembro realizáronse 1.649 transplantes a partir de 760 doantes. A recuperación da actividade a pesar da situación epidemiolóxica foi posible grazas ao establecemento de protocolos claros para a avaliación e selección de potenciais doantes e receptores e o establecemento de circuítos libres de Covid-19, en liña coas directrices marcadas no Plan Pos-Covid-19, impulsado pola ONT e as Coordinacións Autonómicas de Transplantes.

A ONT lembra que o éxito de España en doazóns e transplantes, cun enorme impacto en saúde, non sería posible sen o excelente labor dos profesionais sanitarios que participan nesta actividade, a cooperación de diferentes colectivos e institucións, e a xenerosidade dos doantes e as súas familias.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.