Alarma sanitaria nos Estados Unidos: a esperanza de vida cae desde 2014

Un novo estudo constata o aumento das taxas de mortalidade na mediana idade debido ás deficiencias do sistema sanitario e os malos hábitos de saúde

A redución da esperanza de vida débese, sobre todo, á maior mortalidade por sobredose, alcolismo e suicidios.

Hai que mirar cen anos cara a atrás, no tempo da gran pandemia de gripe de 1918, para atopar a última vez que a esperanza de vida ao nacer nos Estados Unidos caeu durante tres anos seguidos. Nin sequera durante a Segunda Guerra Mundial se deu tal situación; e desde 1959, a esperanza de vida non deixara de medrar. Desde hai tempo tíñase detectado que o país que durante moito tempo foi considerado a vangarda de Occidente estaba sufrindo un importante problema de saúde pública: as eivas e desigualdades que xeraba o seu sistema sanitario e o modo de vida en moitas zonas do país rebordaban en forma de excesivo consumo de opiáceos, alcolismo, obesidade e unha elevada taxa de suicidios, entre outros factores.

Porén, un estudo publicado polo Journal of the American Medical Association a pasada semana vén a remarcar a importancia do problema: a esperanza de vida está caendo desde 2014 debido, principalmente, ao notable aumento das taxas de mortalidade, sobre todo entre os varóns de mediana idade residentes en catro estados: Virxinia Occidental, Ohio, Indiana e Kentucky. Segundo os autores, o 32,8% por cento do incremento desta mortalidade localizouse nestes estados. Uns datos que constatan “a longa desvantaxe en materia sanitaria” dos Estados Unidos respecto a outros países de altos ingresos, “a pesar do excesivo gasto sanitario”, apuntan.

O aumento da mortalidade entre 25 e 44 anos é especialmente grande debido ás sobredoses (liña negra). Fonte: JAMA.
O aumento da mortalidade entre 25 e 44 anos é especialmente grande debido ás sobredoses (liña negra). Fonte: JAMA.

O estudo, asinado polos investigadores Steven H. Woolf, e Heidi Schoomaker, revisou os datos de esperanza de vida no país durante máis de 50 anos. Despois dun notable aumento desde os anos 70, o crecemento comezou a estancarse a finais dos 90, ata frearse totalmente en 2011 e comezar a caer en 2014. Así, a pesar dos avances médicos no tratamento das principais causas de morte, como é o caso do cancro e as doenzas cardiovasculares, o aumento da mortalidade debido a outros factores, como o consumo de drogas e as maiores taxas de obesidade, sitúan ao país diante dun preocupante problema de saúde pública. De feito, segundo datos da Kaiser Family Foundation, o país estadounidense xa é o que ten a menor esperanza de vida entre outros con ingresos semellantes, e mesmo se sitúa por debaixo de países como Líbano ou Cuba.

Esperanza de vida en España, Cuba e Estados Unidos desde 1900 a 2017. Fonte: Gapminder.
Esperanza de vida en España, Cuba e Estados Unidos desde 1900 a 2017. Fonte: Gapminder.

Varóns brancos e negros

A investigación amosa que o problema concéntrase en 35 causas, e entre elas destacan especialmente as sobredoses por drogas, o abuso do alcol e o suicidio. Así, as sobredoses cuadruplicáronse desde 1999, as taxas de suicidio aumentaron nun 40% entre as persoas de entre 25 e 64 anos e nun 56% entre os 55 e os 64 anos. No caso dos mozos entre 25 e 34 anos, a mortalidade relacionada co exceso de alcol aumentou nun 160%; e na mesma franxa de idade, as defuncións vinculadas á obesidade medraron un 114%.

Por grupo racial e xénero, os aumentos son preocupantes no caso dos varóns brancos e negros, mentres que os hispanos, tanto homes coma mulleres, están á cabeza na esperanza de vida. Porén, o estudo tamén revela que aumentou a probabilidade de defuncións en mulleres por sobredose, suicidios e doenzas hepáticas vinculadas ao consumo de alcol.

As excepcións á norma localízanse, segundo os autores, en Hawai, California e a costa noroeste, onde a esperanza seguiu aumentando desde 2010.

España podería ser o país con maior esperanza de vida en 2040

O problema, que está xerando un importante debate na sociedade estadounidense, leva a unha importante reflexión, debido a que o enorme gasto nun sistema sanitario privatizado non serve como solución debido ás desigualdades que se xeran. Un dos autores do traballo, Steven H. Woolf, alude a que tres dos catro estados nos que se concentran os maiores aumentos de mortalidade están no chamado Cinto de Óxido (Rust Belt), unha rexión afectada pola desindustrialización paulatina desde a década dos 70. “As siderurxias e as minas están pechando”, explica Woolf, e xusto nestes lugares medran as cifras de suicidios e abuso de drogas, “síntomas de persoas que intentan subsistir nunha economía pobre, sen traballos fixos e sen poder pagar unha vivenda.

Porén, debido á xestión privada da saúde, apunta Woolf, “as persoas pobres noutros países viven máis cás persoas pobres no noso país“, e acrecenta as diferenzas socioeconómicas respecto á esperanza de vida. Segundo apunta Howard Koh, profesor da Escola de Saúde Pública T.H. Chan de Harvard, a diferenza na esperanza de vida entre o 1% máis rico e máis pobre dos Estados Unidos é de ata 14 anos nos homes e 10 das mulleres.

ReferenciaLife Expectancy and Mortality Rates in the United States, 1959-2017 (Publicado en Journal of the American Medical Association). 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.